Educar para a competitividade?

Nos medios de comunicación aparece frecuentemente que o sistema educativo debe dar como resultado profesionais titulados altamente competitivos para o mercado. Esa insistencia na competitividade leva consigo que se vexa aos demais como adversarios, como inimigos do propio éxito e da propia autorrealización. Son competidores aos que debo vencer, derrotar.

Cando se entende que a opción normal para afrontar a vida é a loita pola existencia como a base primordial do progreso social humano, entón, hai que prepararse para vencer aos rivais -individuos, non persoas- con medios eficaces para conseguir o triunfo na vida fronte a eles.

Dende esta perspectiva é lóxico que se entenda a moral como o camiño axeitado para chegar ao triunfo individual, non como o camiño axeitado de realizar o ben común. Nesta liña de pensamento está a crenza moi xeneralizada de que “o fin xustifica os medios”, que vai contra calquera moral verdadeira que esixa que tanto o fin coma os medios teñan que ser xustos.

Pero hai outra opción educativa que é educar para a colaboración e a solidariedade.

Lembro que un alumno meu, cando expuxo na clase o contido do libro do profesor de Harvard, Martin Nowak, Super Cooperadores, falaba da oposición entre cooperación e evolución. Tiven que recordarlle que a tese dese libro non era esa senón a de que a evolución dáse precisamente pola cooperación. Entre os seguidores desta tese quero destacar a Kropotkin e o seu libro O apoio mutuo. As actuais escavacións de Atapuerca tamén mostran que os humanos primitivos alí residentes eran solidarios coidando dos inválidos e inútiles por amor, o que é un factor determinante na evolución.

Gerald Hüther no seu libro La evolución del amor retrata a historia evolutiva e cultural do ser humano pola cooperación e a unidade desde a creación. Este profesor de Neurobioloxía na Universidade de Gotinga (Alemaña), asesor en temas científicos de Angela Merkel, explica que a selección natural non se rexe só pola competencia, senón tamén polo amor que nos mantén unidos á natureza e aos demais. Os biólogos citan seres vivos nos que a nai chega a deixarse comer pola súa descendencia para garantir a supervivencia deles.

No campo da Botánica quero citar a Peter Wohlleben (La vida secreta de los árboles, editorial Obelisco) entrevistado por Inma Sanchis en La Vanguardia (18-XI-17) baixo este título: “As árbores adultas alimentan e coidan das pequenas”. Das súas respostas na entrevista destaco:

Cada árbore é importante para a comunidade e o bosque actúa en consecuencia: aos exemplares enfermos o resto proporciónalles os nutrientes necesarios para que sandenA que ten moito cede e a que ten pouco recibe axuda”.

E engade: “Moitos botánicos sosteñen que nas puntas das raíces teñen estruturas similares ao cerebro. De feito sabemos que as árbores teñen memoria, son capaces de rexistrar e distinguir as temperaturas en ascenso da primavera das que están en descenso durante o outono”.

E falan ao seu xeito: “Mediante sustancias odoríferas comunícanse. Cando se aproxima un perigo, as acacias avisan ás súas conxéneres emitindo etileno, un gas de avisoTamén envían avisos mediante sinais eléctricas a través das raíces e das redes de fungos, que son como o noso sistema nervioso”.

Todo isto, en consecuencia, debería levarnos a desenvolver a tarefa educativa nos centros escolares en clave de colaboración interpersoal.

Un cristián ademais debe ter en conta que o único mandamento que Cristo nos deu foi que “nos amemos uns aos outros como El nos amou” (Xn 13, 34), mandamento que ten o seu fundamento en que “Deus é amor” (1 Xn 4, 8).

A dinámica educativa de colaboración pola existencia esixe desenvolver ao máximo as capacidades propias para o ben común de todos. Canto máis un estude e mellor se prepare, máis eficientemente vai poder axudar aos seres queridos e a toda a humanidade! Somos unha única humanidade, descendentes dunha única Eva, segundo nos mostra o ADN mitocondrial e, por tanto, debemos responsabilizarnos uns dos outros.

Cando constatamos que no noso sistema educativo se insiste en entender a evolución só como loita pola existencia e, mesmo, alumnos de Políticas non oíron falar de Kropotkin, tanto insistir no materialismo e na competitividade… fai entendible que as consecuencias sexan que os estudantes non se presten os apuntamentos e que os opresores teñan máis facilidade para impor a lei do máis forte, apoiados polo saber universitario.

Non axudaría isto tamén a explicar que haxa tantos partidarios de excluír a presenza dunha materia seria no currículo escolar que estude o Deus solidario dos pobres e excluídos?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: