“Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo”

Encamiñámonos xa cara ao segundo domingo de Coresma no que se lerá o evanxeo da transfiguración de Xesús.

É unha pasaxe interesante e que serve para acalar as queixas daqueles que din que aínda non volveu ninguén do ceo para contarnos como é aquilo.

Certamente os apóstolos que acompañaron a Xesús a aquela montaña alta non estaban no ceo aínda, pero si viron «en vivo e en directo» como era o ceo e como era o rostro divino de Deus.

E, cando baixaron daquela montaña (do ceo, en definitiva) contáronnos o que viron, aínda que non atopaban as palabras exactas, pero si acertaron a dicir sen dúbida o que sentiron: «Mestre, que bo é que esteamos aquí!» ou «que ben se está aquí», segundo as distintas traducións.

Por tanto, aqueles que viron como era o ceo contáronnolo e xa non hai dúbida de que no ceo estase ben e por iso ninguén quere volver á vida de antes unha vez que se experimenta a salvación definitiva de Xesucristo.

Que nos queda por facer a nós mentres non somos chamados ao ceo? Pois tamén queda claro neste misterio da transfiguración: escoitar ao fillo amado de Deus ou, como se nos dixo o Mércores de Cinza, converterse e crer no Evanxeo, que é a Palabra do Señor.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: