O terceiro centenario do nacemento do Doutor Castro, o Filósofo de Lugo

Detalle do retrato de Juan Fco. de Castro no Salón de Plenos do Concello de Lugo

O próximo día 25 celébrase o terceiro centenario do nacemento de Juan Francisco de Castro (1721-1790), o doutor en leis, avogado e xuíz, que na segunda metade do século XVIII representou coma ninguén os valores da Ilustración na nosa terra. Este eclesiástico, nado na actual Praza Maior de Lugo e que lle dá nome á rúa das dulcerías, foi un dos intelectuais máis salientables da historia de Galicia, e probablemente o filósofo ilustrado español máis vangardista. Receptor dos avances da Ilustración francesa, conseguiu artellar un pensamento crítico, audaz e transformador dirixido a superar o inmobilismo ideolóxico e social do Antigo Réxime. Foi autor dos Discursos críticos sobre las leyes y sus intérpretes (1765-1770), que foi unha obra de forte impacto no seu momento e que puña en cuestión o discurso xurídico tradicional sobre o que se sustentaban ideoloxicamente os privilexios da nobreza e a Igrexa en España. Nunca antes destes Discursos críticos se denunciara tan ás claras o carácter caprichoso da xurisprudencia duns xuíces ignorantes que actuaban en primeira instancia por todo o país como defensores sistemáticos das clases privilexiadas e caciquís; nunca antes se denunciara nos duros termos en que o fai o lugués a política fiscal ruinosa para as clases populares e produtivas de Galicia, favorecedora dun deseño social depredador e inxusto protagonizado polos grandes propietarios, tanto laicos como eclesiásticos, dos que, por certo, di que son “zánganos verdaderos, dignos de ser expulsados de la República humana, como aquellos lo son de las industriosas abejas”. Vivindo nesta cidade de Lugo, na periferia de Europa, foi así e todo quen de manterlle o pulso ao movemento intelectual que cambiou a historia do continente. Ter sido cóengo da Catedral, provisor do bispado e man dereita do bispo Armañá, non foi un obstáculo para pór contra as cordas aos morgados e á nobreza de sangue como non se fixera nunca antes na tradición intelectual española, ou reivindicar o deseño de políticas sociais para os colectivos desfavorecidos que fican á marxe da economía produtiva (discapacitados, orfos, anciáns, mendigos); tronou contra o incipiente racismo naturalista que consideraba a negros e indíxenas americanos como pseudohumanos e rexeitou o cruel mercado de escravos da época, chegando neste punto moito máis lonxe que os mesmísimos Rousseau, Thomas Jefferson ou Kant; xustificou a erradicación do dote matrimonial que troca en mercadorías ás mulleres, e esixiu o seu acceso á propiedade das terras, sen mediación dos homes na incipiente sociedade liberal, sobre a base da súa capacidade de traballo igual á dos varóns. Todas estas razóns, e moitas máis que teremos a oportunidade de ir sacando á luz ao longo deste 2021 no que celebramos o seu terceiro centenario, deberíannos animar a curiosear un pouco máis no noso legado intelectual máis inmediato, e decatarnos tamén de que o máis abraiante adoita a estar sempre moi preto.

Lois Rodríguez Cabana. Profesor de filosofía

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: