Guerras de Razón

Nos medios de comunicación aparece reiteradamente a expresión GUERRAS DE RELIXIÓN como a causa de case tódalas guerras, cando en Europa levamos máis de 300 anos sen guerras por ese motivo. Os historiadores sitúanas en Europa nos séculos XVI e XVII, e xa estamos no XXI. Nos últimos tempos Europa viviu guerras moi crueis a causa de motivacións RACIONAIS. Destacan as guerras mundiais con gran violencia e ademais na segunda as vítimas foron sobre todo civís.

A crueldade do nazismo sobrepasou tódolos límites e moitos autores afirman que o comunismo causou máis de 100 millóns de mortos no século XX. E non debemos ignorar que na filosofía marxista afírmase que “a violencia é a parteira da historia”. Outra tese sostén que “a guerra é a continuación da política por outros medios”.

Outras guerras por “motivacións racionais” foron terriblemente violentas como a dos “Khmers Vermellos” (Pol Pot) en Cambodja, as dos Grandes Lagos (Ruanda e Congo), a do Golfo, etc. E hai historiadores que sosteñen que a razón principal das Cruzadas estaba no Comercio (economía) e na política.

A motivación das guerras aséntase basicamente en razóns económicas e políticas de poder, nunha economía de violencia que leva a que as 8 persoas máis ricas do mundo teñan máis riqueza que a metade da humanidade (3.600 millóns de persoas), segundo o informe de Intermón-Oxfam de xaneiro 2017. Para soster esta economía de violencia e rapina da riqueza dos empobrecidos fai falla provocar guerras periódicas. Para iso utilizarán a manipulación da relixión (o máis íntimo da identidade persoal que sostén a propia vida), ou da etnia, nación… Pero a existencia de “motivacións racionais” para as guerras non pode levar nunca a combater a razón, máis ben, ao contrario, hai que desenvolvela mellor e acompañala da opción pola paz e a solidariedade entre os pobos.

A oposición do cristianismo ás guerras vémola na caída do Imperio Romano polas invasións dos Bárbaros e a entrada de Alarico en Roma (ano 410) que leva a que algúns acusaran aos cristiáns de ser os culpables desa caída pola súa postura pacifista:

“Onde están eses deuses protectores que nos salvaron de Aníbal e dos galos? Extinguiuse o lume dos seus sacrificios, foron proscritos, expulsados. E por que? Para instalar no seu lugar a un Deus tímido, discreto, que a forza de predicar a paz e o perdón abrandou as almas e desarmou á patria”. (Recollido por González de Carvajal, no libro Fieles de la Tierra. Curso breve de Moral Social)

Sorprende esta afirmación de Salvador Giner: “Auténticas guerras de relixión incendiaron os Balcáns a fins do século XX con igual saña” (El porvenir de la religión, p. 25). Se iso fose certo, como é posible que non levasen a ningún líder relixioso (bispo, imán…) a ser xulgado no Tribunal Penal Internacional? Máis ben as causas son os nacionalismos, a exaltación das etnias, as estratexias xeopolíticas, a herdanza do comunismo, os intereses económicos…

No libro de S. Giner atópanse afirmacións tan rotundas como estas:

“O monoteísmo é hostil, en primeira ou derradeira estancia, ao pluralismo das ideas e á concorrencia cognitiva sobre a que se fundamenta toda ciencia, progreso, paz civil e avance da civilización. (p.22) Ou “Máis non coñecemos peor mal que o enxendrado pola fe. Nin peor saña, mesmo a rutineira, que a que atormenta, que a que ela lexitima” (p.24)

Estas afirmacións non parecen a máis amistosa e convincente invitación aos crentes para o diálogo e colaboración. Pero a Paz e a Cooperación son tan importantes que debemos apostar por elas a pesar das dificultades.

A relixión en si tende á paz e a dar forzas ás persoas para sobrepoñerse ás dificultades da vida. Neste senso quero rematar con estas verbas do Papa Francisco no seu recente discurso na Universidade de Al-Azhar, Exipto (28 abril 2017): “Só a paz é santa e ningunha violencia pode ser perpetrada no nome de Deus porque profanaría o seu nome.” (…) “Repetimos un NON alto e claro a toda forma de violencia, de vinganza e de odio cometidos no nome da relixión ou no nome de Deus. Xuntos afirmamos a incompatibilidade entre a fe e a violencia, entre crer e odiar”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

%d bloggers like this: