Un verán divino

Todos soñamos cada ano con ter un verán divino: un mes de vacacións, poder desconectar totalmente do traballo, sen problemas familiares, con bo tempo, que se reúna a familia, ver aos amigos, non ter horarios, esquecerse dos agobios cotiáns…

Isto sería divino, porque no caso de dárense todas as circunstancias que enumerei sería como estar no ceo, “sen choro, nin loito nin dor”, como di unha das oracións das misas exequiais, nas que se nos fala da vida nova da Xerusalén celestial.

As cousas aquí, nesta vida terrea, case nunca son así e, se o son, non duran moito tempo. Pero o bo de deixar liberdade á nosa imaxinación é que polo menos temos unha idea de como é a vida divina no ceo. Non quero ser eu o que lles chafe os plans para este verán. Se logran ter un verán divino, ou unhas boas vacacións, mellor que mellor e alégrome infinito. É o que desexo para todos vostedes, teñan ou non vacacións, estean ou non nun lugar turístico.

Pero se non o conseguen, ou non teñen vacacións, desexo que polo menos teñamos un momento de tranquilidade para atoparnos con Xesucristo dun modo novo na oración, na lectura tranquila dun libro de espiritualidade ou simplemente, indo a Misa sen présas e quedarnos un ratiño dando grazas. Quizais, se teñen vacacións, poidan ir a Misa algún día pola semana, para atoparse co Señor na sinxeleza e austeridade dunha Misa de diario.

O descanso, e polo tanto todo o que implica o verán e as vacacións, tamén debe ter un claro matiz cristián. Cantas veces vemos a Xesucristo nos evanxeos buscando descanso nun lugar tranquilo, ata no silencio da noite ou no fresco do mar de Galilea. Outras veces invítanos a atopar nel descanso e tranquilidade para os nosos agobios.

E se fai moita, moita calor, como nos están anunciando, tamén podemos buscar o fresco no interior dunha igrexa e, no silencio propio destes lugares, poñernos ante o Sagrario e pasar un intre co Señor. Os muros das nosas igrexas e os claustros dos nosos mosteiros e catedrais foron pensados tamén para o encontro con Deus, a través da reflexión no silencio e na contemplación da arte, que tan abundantemente nos fala da creación e dos misterios da vida de Xesucristo.

O verán, ademais, é tempo das numerosas festas patronais de moitos pobos e cidades. Dicimos que os santos están no ceo. Pois ben, se nós celebramos as festas dos santos dun xeito auténtico e sabendo o que facemos, estamos convertendo o verán nun tempo divino e nun momento para estar preto dos que xa están descansando eternamente no ceo gozando dunhas vacacións verdadeiramente divinas.

Estar con Deus, coma se estivésemos no ceo, e sentir que El está ao noso carón, tamén é ter un verán divino.

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: