Impacto das novas tecnoloxías no cerebro e o comportamento dos nenos e mozos (II)

Quen nos venden as novas tecnoloxías convéncennos de que posibilita a capacidade da multitarefa. Favorece isto aos nosos nenos e mozos?

Cando un adolescente está sentado fronte ao ordenador con catro pantallas abertas no seu monitor, realmente non está a realizar catro tarefas ao mesmo tempo. Está a realizar o que os neurocientíficos denominan «alternancia continuada da atención». É dicir, dedica uns minutos (ou menos) a realizar unha tarefa. Despois pasa á seguinte e aos poucos minutos a outra máis. E isto é así por unha sinxela razón: o noso cerebro non é capaz de realizar dúas tarefas á vez se estas implican á mesma zona do cerebro.

Un adolescente pode estudar mentres escoita música instrumental, por exemplo. Pero se ten que reter información verbal ao mesmo tempo que escoita cancións con letra no seu idioma, resultaralle extremadamente difícil memorizar. O seu cerebro saltará constantemente da letra da canción ao texto escrito. Non se concentrará, esgotará ao seu cerebro e a información non quedará ben fixada. Isto é así porque ambas as tarefas requiren a activación do mesmo centro da linguaxe.

O profesor Jim Taylor, da Universidade de Denver, explica que a multitarefa só é posible cando se cumpren dúas condicións:

  1. Que as tarefas impliquen distinto tipo de procesamento cerebral.
  2. Que unha tarefa non requira pensamento e estea tan ben aprendida que se realice de forma automática (correr, montar en bicicleta…).

O problema é que este falso concepto de multitarefa non é inocuo e ten consecuencias significativas. Numerosos estudos, como os de Eppinger demostran que cando o cerebro pasa dunha tarefa a outra os circuítos neuronais fan un receso entre a unha e a outra. Este proceso non só consome máis tempo, senón que tamén reduce a eficacia no desenvolvemento das tarefas. É o que explica que cando os nosos nenos e adolescentes teñen á vez aberto o libro, acendido o ordenador para consultar algunha rede social e o móbil sobre a mesa para recibir e enviar WhatsApp, o seu rendemento escolar baixa vertixinosamente e a súa fatiga mental aumenta.

O psicólogo David Meyer e o seu equipo, da Universidade de Michigan, comprobaron que cando se cambia rapidamente de exercicio mental en sucesivas ocasións, en lugar de completar unha tarefa antes de iniciar a seguinte, a eficacia do cerebro pódese ver diminuída até nun 50 %. Por iso, moitos mozos perderon a súa capacidade de concentración e de ler e escribir textos longos.

O noso cerebro traballa mellor cando se emprega nunha soa tarefa de forma continua, en lugar de saltar de tarefa en tarefa reiniciando procesos unha vez tras outra. Por iso, desde o COF diocesano de Lugo aconsellamos sempre aos nenos e adolescentes que acompañamos, así como ás súas familias, a que o estudo se faga de forma que non haxa distraccións nin actividades en paralelo. Comprobamos unha e outra vez que o rendemento académico mellora asombrosamente en pouco tempo.

 

Xosé Manuel Domínguez Prieto

COF Diocesano de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: