O misioneiro non só leva a esperanza, senón que tamén recibe a esperanza

“Tivemos os oficios de Venres Santo, e avísanme dunha señora que está enferma. Cando pregunto se está lonxe dinme que non, está preto. Dúas horas andando até alá. A casa dela tiña uns 10 m2 Había un camastro, unha bolsa que era o seu armario onde tiña un pano e outras cousas para cambiarse. E ao fondo tiña unha galiña que estaba incubando. Non tiña máis. Cando terminei, deille a comuñón, ponse a chorar, vai onde a galiña, saca dous ovos e dime:

– Padre, deume unha alegría tan grande traéndome a Cristo. Cómase estes ovos cando regrese vostede.

– Non, cómeos ti por Deus, eu estou contento co ofrecemento, dígolle.

– Non, padre, non mos rexeite, é o único que teño para darlle.

“Ao final tíven que marchar cos dous ovos. Dúas horas de volta nas que ía chorando. Pensaba: Señor, trouxéchesme aquí ao centro da selva, para mostrarme a viúva do templo.

“Porque o misioneiro non soamente leva a esperanza, senón que recibe a esperanza”.

Juan Antonio Fraile, misioneiro Comboniano na República Democrática do Congo, que participou

nun acto celebrado o 15 de outubro no salón de actos do Seminario de Lugo para conmemorar o Domund

Xornada Mundial polo Traballo Decente 2025

Lugo sumouse á Xornada Mundial polo Traballo Decente, que sempre se celebra a primeiros de outubro, e que nesta ocasión fíxose mediante unha vixilia de oración na parroquia do Sagrado Corazón. Tras un tempo de oración, lecturas bíblicas, cantos e reflexión, o presidente da Xunta de Confrarías de Semana Santa da cidade de Lugo, Ramón Basanta, leu o manifesto do ano 2025. Finalmente houbo un acto simbólico de compromiso co traballo decente estampando a silueta da man de cada persoa nun cartel co lema da Xornada, que era traballo decente: dereito, non privilexio.

Este ano ponse o foco nunha das situacións máis graves: a das persoas migrantes. cuxo traballo segue marcado pola precariedade e o escaso recoñecemento social.

Novela de Francisco J. Ruiz Aldereguía sobre San Francisco Blanco

O 20 de setembro O Vello Cárcere acolleu a presentación da novela de Francisco J. Ruiz Aldereguía titulada Quid et quomodo, acto organizado por Valín Libros.

“A Francisco Blanco -di Francisco J. Ruiz- aínda non o descubrín como santo, descubrino como personaxe literario, que é o que me serve para guía de contar a súa vida. Cando estudaba cos xesuítas, estes fíxanse en que é un mozo listo, prepárano no colexio de Monterrei. Como é o número 1 da clase mándano a Salamanca que desenvolva os seus estudos. Naquel momento os xesuítas eran a elite dos misioneiros, da Igrexa, unha orde que só tiña uns 50 anos de antigüidade, potente, con moitos recursos, co apoio da nobreza e os reis. Por que Francisco Blanco cambia aos fratelli, aos irmáns menores de San Francisco de Asís? Por iso o título do libro. Quid et quomodo: que e de que modo evanxelizar. Porque houbo dúas posicións. Os xesuítas, coa súa boa preparación, lanzáronse a catequizar ás clases altas, aos nobres xaponeses, que eran moi ricos, mentres que o pobo vivía na miseria. Cando se lles prohibe evanxelizar, nese momento aparecen os franciscanos, que comproban que non houbo unha verdadeira evanxelización.

“Xapón sofre un gran terremoto e os bonzos empezan a dicir que os estranxeiros son os que trouxeron o sismo. Pouco despois chega un galeón. E comeza a persecución.

“Intrigábame o motivo polo que San Francisco Blanco, estudando cos xesuítas, de súpeto, sen dar ningunha explicación, cámbiase aos franciscanos. Esa é a tese do libro. O asunto é a vida de San Francisco Blanco, que marcha a Filipinas, mándano destinado a Xapón e crucifícano aos seis meses de chegar”.

Para documentarse Francisco J. Ruiz Aldereguía recorreu a Micronesian Area Research Center, que na Universidade de Guam reúne material de moitos arquivos de España e Italia sobre ordes relixiosas. “Leo un documento de Francisco Branco, e vexo que era de Tameirón, próximo onde vivo eu, pasada a montaña. E iso permitiume recuperar parte da nosa historia porque un século de estancia de portugueses e españois en Xapón, é moito tempo”.

A arte de Neira Brochs na igrexa lucense de san Francisco Xabier

O 27 de maio tivo lugar a presentación do número 70 da revista Lvcensia, que publica a Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo. O primeiro artigo titúlase “A pegada creativa de Neira Brochs na igrexa de san Francisco Xabier. Unha relevante mostra da arte relixiosa contemporánea”. A súa autora, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, encargouse de falar durante o devandito acto sobre o traballo do artista viveirense no templo de Lugo.

Presentáronse as vidreiras, nos seus diferentes tipos (de formigón, chumbadas) e nas súas distintas colocacións pola igrexa. E por suposto, do protagonista, san Francisco Xabier, navegando cara ao seu destino nas misións. Outras obras de Neira Borhs son os forxados, destacando o que dá entrada ao templo.

Como conclusións, Aurelia Balseiro, sinalou as seguintes:

“A igrexa de San Francisco Xabier é un exemplo de arte sacra contemporánea na segunda metade do século XX cunha arquitectura vangardista para o seu contexto e modernas solucións plásticas.

“A arte sacra de Neira Brochs é unha maxistral creatividade na adaptación da iconografía sacra á estética contemporánea sen perder coherencia, estilo ou personalidade.”

 

 

Ritos finais da Eucaristía

O 18 de maio clausurouse a serie de conferencias que durante o curso 2024-25 organizou a Unión Eucarística Reparadora de Lugo sobre as partes da Eucaristía. Encargouse da última sesión, na Catedral lucense, o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, que titulou a súa intervención “OS RITOS DE CONCLUSIÓN OU RITOS FINAiS DA EUCARISTÍA”. Comezou preguntando polo fundamental para comprender ben a Eucaristía: a asemblea cristiá en comuñón con Cristo.

Mario Vázquez fixo notar que as referencias á Trindade están presentes ao longo de toda a celebración eucarística. Igual que a asemblea reúnese en nome da Trindade, ao final, é enviada a vivir trinitariamente: vivir en comunidade, non á marxe. Confesar a Trindade é confesar o social do cristianismo, que estamos inmersos no misterio da Santisima Trindade.

A %d blogueros les gusta esto: