Pregón de Nadal en Lugo

O 21 de decembro tivo lugar o Pregón de Nadal no salón de actos de Afundación (Lugo). O acto foi presentado por Manuel Romay López, presidente da Asociación de Belenistas de Lugo, que organizaba o evento. E o pregón deuno o notario José Manuel López Cedrón, para quen no Nadal trátase de conmemorar, de lembrar que Xesús nace en Belén por amor á humanidade, por todas as xentes de boa vontade. Tamén sinalou que ningunha outra celebración resistiría se sufrise os ataques soportados polo Nadal, que é indestrutible. E a pesar de que a vida nos apartase da vida dos nosos antergos, hai unha luceciña que non se apaga.

Despois das palabras de José Manuel López Cedrón, o público asistente puido disfrutar da interpretación de varias panxoliñas, polo Orfeón Xoán Montes, dirixido por Pablo Rico Echegaray.

Sen compromiso non hai traballo decente

Mesa redonda sobre traballo das empregadas do fogar organizada por Igrexa polo Traballo Decente – Lugo

Nestes días pasados celebrouse a Xornada Mundial polo Traballo Decente, para poñer o foco de atención no traballo como dereito e actividade para o coidado das persoas, do ben común e do planeta.

Baixo o lema Sen compromiso non hai traballo decente, a Igrexa súmase a esta xornada, para celebrar e reivindicar que aínda hai millóns de persoas sen poder acceder a un posto de traballo digno. As condicións seguen sendo de carácter precario, especialmente para as mulleres e para a mocidade.

As organizacións que formamos parte da Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente en Lugo (Cáritas Diocesana, CONFER, HOAC, Fundación JuanSoñador e Taller de Solidariedade), acompañamos día a día a persoas que traballan no ámbito do emprego no fogar e os coidados, sendo testemuñas de como os seus dereitos máis fundamentais se ven mermados.

O compromiso colectivo levou a alcanzar logros como a recente ratificación do Convenio 189 da OIT (Organización Internacional do Traballo) que dignifica o emprego do fogar e os coidados, recoñecendo os mesmos dereitos laborais no réxime xeral ás empregadas de fogar, sendo un camiño que aínda hai que percorrer.

Sen homes e mulleres comprometidas, non será posible o traballo decente, o noso compromiso persoal, de quen son sensibles a estas situacións, son unha resposta necesaria. En referencia á carta pastoral publicada polo Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, con motivo desta Xornada “Pois levar adiante este compromiso vai esixir ser conscientes de nosa propia realidade (…). Na loita polo traballo decente cada persoa é benvida. Tamén o noso compromiso é necesario”.

Así mesmo, reivindicamos garantir o acceso a un traballo digno de medio millón de traballadoras e traballadores migrantes en situación administrativa irregular, sumándonos á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola plataforma #RegularizaciónYa, entendendo que é urxente unha regularización nos termos máis amplos posibles, independentemente dos avances na recente reforma do regulamento de estranxeiría.

Para finalizar, a iniciativa, urxe a analizar a proposta do papa Francisco de reducir a xornada laboral (sen baixada salarial) como medida de creación de traballo decente e a necesidade de atención ás causas que provocan a sinistralidade laboral, esta “traxedia tan estendida”, e que se busquen solucións. O traballo non é para a morte senón para a vida.

Sen dúbida avanzamos, pero seguiremos traballando día a día para que todas as persoas poidan acceder a un traballo digno.

Tania Cobas González

Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD)

Cáritas e Misevi participan nos Encontros pola paz: Construíndo interculturalidade en Lugo.

No ano 1981 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) promulgou o 21 de setembro como o Día Internacional da Paz, para conmemorar os ideais de paz de cada pobo e cada nación, con especial énfase no desenvolvemento social e económico dos pobos. Con este motivo, as organizacións que traballan e interveñen por e para as persoas valoran a celebración deste día sustentado no artigo 3 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Na sede da UNED Lugo o día 21 de setembro ás 12:00 h celébrase un foro de debate co titulo “Dialogando pola Paz: Encontros coa comunidade universitaria” coa participación da UNED, Diaconía, ACNUR, ACCEM, Caritas, Misevi España e persoas refuxiadas e autóctonas de Lugo.

Concertos en Lugo e Monforte

Esta fin de semana terán lugar senllos concertos de música de cámara e canto en escenarios de excepción. Os que actuarán son os integrantes da Orquestra de Cámara Galega, que estarán acompañados pola voz da soprano Laura del Río. As actuacións musicais, de acceso libre, forman parte da programación do Xacobeo 2021-2022, en concreto do ciclo “Xacobeo en cámara” que patrocina a Fundación La Caixa.

O primeiro concerto será o sábado 17 de setembro ás 20h na igrexa de San Pedro, Lugo. Cóntase coa colaboración da Diocese de Lugo.

E o segundo concerto será o domingo, 18 de setembro ás 19:30 h na igrexa da Nosa Señora da Antiga. Na organización deste concerto colaboran a sociedade filarmónica monfortina, a Fundación Nosa Señora da Antiga e o Concello de Monforte.

20 de febreiro, Día mundial da xustiza social

O 20 de febreiro é o Día Mundial da Xustiza Social, que busca apoiar o labor da comunidade internacional encamiñada a erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre os sexos, e o acceso ao benestar social e a xustiza social para todos.
A Rede de Técnicos/as de Inserción Laboral de Lugo (Rede TIL), da que forma parte Cáritas, entende que os axentes de emprego, as administracións e o conxunto da sociedade, deben velar por garantir resultados equitativos para todos, a través do emprego, a protección social, o diálogo social e os principios e dereitos fundamentais no traballo.
Neste labor de compromiso, a Rede TIL nos últimos anos vén conmemorando o Día Mundial da Xustiza Social coa celebración de diferentes actos. Este ano organizouse unha xornada o 19 de febreiro, baixo o nome “Xustiza Social e Emprego: Emprego e Economía mergullada en tempos de Covid” na que se presentou o novo panorama socioeconómico que está a deixar a Covid na nosa sociedade por parte de diferentes relatoras:
– Zinthia Alvarez Palomino.
– Raquel Lombao Fernández. Psicóloga Sanitaria e Forense
– Begoña Sánchez Roura. Traballadora social no Concello de Bóveda. Profesora asociada de traballo social na UVIGO. Militante da HOAC. Membro de Igrexa polo Traballo Decente.
– Teresa Rodriguez Vilaseco. Voceira da Asociación de Empregadas de Fogar XIARA

A %d blogueros les gusta esto: