Semana da Caridade

Cáritas Diocesana de Lugo presentou a súa Memoria do ano 2020 e a Semana de Caridade 2021.

O Director, Ginés Plaza comentou as dificultades sufridas por todos  durante o ano 2020, como se viron afectadas as persoas atendidas e como o labor de Cáritas, aínda que alterado pola pandemia, non cesou e ningún momento do ano, co fin de poder atender as necesidades das persoas que o requirían.

Antón Negro, Delegado de Cáritas Lugo, falou da importancia da mensaxe da campaña deste ano con motivo do Día da Caridade, cuxo lema é Sexamos Máis Pobo.

Para finalizar, Mónica Yáñez, Secretaria Xeral de Cáritas Lugo, convidou a participar nas actividades que se realizarán durante a próxima semana. O acto central é o Pregón da Caridade, que se celebrará o vindeiro mércores ás 19:00h no salón de actos da Xunta de Galicia e terá como relator a José López Orozco, ex alcalde de Lugo.

Para finalizar Cáritas Diocesana de Lugo agradece a todos os voluntarios a súa solidariedade e esforzo.

Presentación dun novo número de Lvcensia

O 25 de maio, na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo, presentouse o nº 62 da revista Lvcensia.

O acto estivo presidido polo bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

Os colaboradores convidados ao devandito acto foron José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López que presentaron o seu traballo acerca de José Fernández Núñez, párroco da Milagrosa, igrexa que contribuíu a edificar e da que se cumpren 75 anos de actividade cristiá.

Os contidos deste número abordan unha temática variada como o estudo da fortaleza baixo-medieval da Torre-Pazo San Miguel de Penas; a situación agónica actual do mundo rural; a figura de Xela Arias, as súas orixes e estudos na Granxa-Escola de Barreiros e no Colexio Fingoi e a súa faceta como escritora; ademais preséntase o proxecto CORGORAL, unha iniciativa do concello do Corgo para recoller a literatura popular de tradición oral en devandito concello; novas apreciacións sobre o tema de Odoario e un artigo no que se recollen os préstamos e donativos ao rei por parte do Cabido de Lugo.

Inclúense ademais dous traballos de investigación que achegan datos novos, un que demostra cal é a verdadeira casa de nacemento de Juan Francisco de Castro, e outro sobre un posible camiño romano nas proximidades da Ponte de Ombreiro.

Exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da Biblioteca do Seminario”

A Biblioteca do Seminario de Lugo organiza a exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da BSL” para celebrar o Día do Libro e o Ano Santo Xacobeo. A exposición repasa, a través de exemplares que van desde o máis antigo do ano 1612 ata a actualidade, o espírito relixioso, literario e artístico da peregrinación a Santiago de Compostela no marco da historia de España e de Europa.

Poderase visitar o venres 23 en horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 19:00.

A sección do fondo antigo permanecerá exposta durante un mes nese mesmo horario.

Convenio de colaboración entre o Centro de Orientación Familiar Diocesano e Cáritas

O 9 de abril tivo lugar, nas instalacións de Cáritas Diocesana de Lugo, a firma dun convenio de colaboración entre Cáritas e o Centro de Orientación Familiar ( COF) Diocesano de Lugo. O convenio foi asinado polo director do COF Nicolás Susena Presas, párroco de Castroverde e profesor, e por Ginés F. Plaza, director de Cáritas Diocesana de Lugo.

Ante a situación que atravesan moitas familias da Diocese de Lugo, as dúas entidades teñen a vontade de cooperar e colaborar en proxectos conxuntos a fin de promover unhas mellores condicións de vida a través da intervención e acompañamento dos colectivos máis desfavorecidos da comunidade.

Fonte: Cáritas

Triduo na honra de San Xosé na Catedral

San Xosé no coro da Catedral de Lugo (detalle)

Os tres días previos á solemnidade de San Xosé, a Catedral de Lugo acolle ás 18:30 h tres sesións de formación que permitirán profundizar na figura do pai de Xesús e coñecer mellor a súa persoa e a súa santidade.

Martes 16: A carta apostólica Patris Corde do Papa Francisco

Por Dona Mercedes Enríquez García

Mércores 17: Imaxes e pinturas de San Xosé, devoción, arte

Por Dona Natalia Viklorovna Ushakova Nikiforova e Hna. Mª. Esther Ferreiro Machon. Misioneira Eucarística de Nazaret

Xoves 18: Pai exemplar virtudes; devoción e oracións populares.

Por Don Carlos Pérez e Don Santos Adonías Santiago Rodríguez.

Despois destes actos terá lugar a coroación de San Xosé e a Eucaristía das 8 da tarde.

A %d blogueros les gusta esto: