O 20 de febreiro é o Día Mundial da Xustiza Social, que busca apoiar o labor da comunidade internacional encamiñada a erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre os sexos, e o acceso ao benestar social e a xustiza social para todos.
A Rede de Técnicos/as de Inserción Laboral de Lugo (Rede TIL), da que forma parte Cáritas, entende que os axentes de emprego, as administracións e o conxunto da sociedade, deben velar por garantir resultados equitativos para todos, a través do emprego, a protección social, o diálogo social e os principios e dereitos fundamentais no traballo.
Neste labor de compromiso, a Rede TIL nos últimos anos vén conmemorando o Día Mundial da Xustiza Social coa celebración de diferentes actos. Este ano organizouse unha xornada o 19 de febreiro, baixo o nome “Xustiza Social e Emprego: Emprego e Economía mergullada en tempos de Covid” na que se presentou o novo panorama socioeconómico que está a deixar a Covid na nosa sociedade por parte de diferentes relatoras:
– Zinthia Alvarez Palomino.
– Raquel Lombao Fernández. Psicóloga Sanitaria e Forense
– Begoña Sánchez Roura. Traballadora social no Concello de Bóveda. Profesora asociada de traballo social na UVIGO. Militante da HOAC. Membro de Igrexa polo Traballo Decente.
– Teresa Rodriguez Vilaseco. Voceira da Asociación de Empregadas de Fogar XIARA
Lugo
Campaña de Cáritas “Grazas a ti, poden elixir”
Durante este Nadal tan singular e complicado, Cáritas Diocesana de Lugo anima a colaborar coas persoas que afrontan estas datas nunha situación de maior vulnerabilidade. Por iso, levan a cabo a campaña “Grazas a ti, poden elixir”, mediante a cal poden adquirirse tarxetas solidarias de diferentes contías económicas que se utilizarán para que as persoas en necesidade poidan realizar a compra dun xeito normal.
Estas tarxetas poden comprarse en supermercados colaboradores de Lugo e realizando un donativo a través da páxina web www.caritaslugo.es
Xornadas de formación organizadas por Cáritas: “Migrantes con Dereitos”
O Programa de Voluntariado de Cáritas Diocesana de Lugo, organiza xornadas de formación de voluntariado que levan por título “Migrantes con Dereitos”.
Este ano serán unhas xornadas adaptadas ás medidas de prevención da Covid-19, con cabida limitada e por iso, repartidas por varios puntos da Diocese de Lugo, para que cheguen ao maior número de voluntarios posible. A formación do voluntariado é unha peza importante para o desenvolvemento do seu labor e o seu achegamento ás persoas que son atendidas nos diferentes programas e parroquias.
As xornadas servirán para que as persoas voluntarias coñezan o funcionamento dos programas desenvolvidos por Cáritas Diocesana coa poboación inmigrante. Para iso cóntase cos coordinadores do Programa Participa connosco e do Programa Contade connosco.
A primeira xornada é o 18 de novembro na sede que Cáritas Diocesana de Lugo ten na Avda. Américas e as posteriores serán nos seguintes días e lugares:
-
Melide: 25 de novembro
-
Silleda: 10 de decembro
-
Monforte: 16 de decembro
Campaña de Mans Unidas “Acende o teu compromiso”
Esta pasada fin de semana (14 e 15 de novembro) Mans Unidas promoveu a campaña “24 horas para alumar o mundo. Acende o teu compromiso”.
Na cidade de Lugo, as fachadas do Concello e da Deputación (foto superior), ademais dunha parte da muralla lucense (A Mosqueira) estiveron iluminadas coa cor corporativa de Mans Unidas, o azul. Ademais, membros da organización e outras persoas que se uniron á campaña, portaban candeas, como símbolo da necesaria luz que debería iluminar as zonas escurecidas do planeta, as máis empobrecidas.
Curso de iniciación á cociña organizado por Cáritas
Cáritas inicia o proceso de selección para participar no curso de “Iniciación á Cociña” que desenvolverá o Programa de Emprego en Monforte de Lemos.
Este curso está dirixido a persoas que se atopan en situación de desemprego e teñan interese por formarse nos labores propios dun Axudante de Cociña: Preelaborar alimentos, preparar e presentar elaboracións culinarias sinxelas e asistir na preparación de elaboracións máis complexas, executando e aplicando operacións, técnicas e normas básicas da manipulación, preparación e conservación de alimentos.
Os interesados en participar deben chamar ao 604 07 47 62




