Os dereitos non teñen fronteiras

Coa Revolución Francesa, e quizais cun espírito filosófico, publicábase a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789 cun claro mandato escrito no primeiro artigo: “os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos”. Tratábase dunha defensa pola igualdade e a procura da felicidade para todos.

Non é necesaria unha análise profunda para decatarse de que, douscentos anos máis tarde, non logramos aínda achegarnos aos postulados de tan ambiciosa declaración.

Existen múltiples diferenzas segundo o tempo e o lugar no que naza unha persoa; a guerra, a corrupción, réximes absolutistas, sometemento, discriminación… pero se existe un trazo que marca a diferenza por riba do resto, este é, sen ningunha dúbida, a pobreza.

Ser pobre é o que imprime unha etiqueta ás persoas que teñen que emprender a terrible decisión de abandonar a súa casa e enfrontarse ao futuro máis incerto e desesperado. Ser pobre é o que diferencia a uns migrantes doutros.

A nosa lexislación, do mesmo xeito que as que regulan o fenómeno de estranxeiría na maioría dos países da nosa contorna, non é allea a esa diferencia de clases cando se trata de migrantes. A ninguén se lle ocorrería considerar inmigrante a un deportista de elite nacionalizado no noso país ou aos estranxeiros que obteñen visados pura e simplemente por investir diñeiro en España. É esa forza pública á que fai referencia a declaración no seu artigo 12:“a garantía dos Dereitos do Home e do Cidadán necesita dunha forza pública”, a que non foi capaz de aproximarse á idea de igualdade que se mantén indefinidamente na utopía. Pero aínda que non atopemos a resposta nas institucións, si existe unha forza moito maior e moito máis poderosa que se chama vontade.

A vontade e a solidariedade dos pobos son as únicas forzas capaces de superar as inxustizas e romper os muros e barreiras que, lonxe de protexernos, o que fan é illarnos cada vez máis.

Estou seguro de que se cada un de nós fose capaz de visibilizar o labor desinteresado de tantas e tantas persoas que loitan cada día por conseguir a tan desexada igualdade e xustiza social, seriamos capaces de romper esas barreiras que nos separan e responder a un dos maiores retos ao que nos enfrontamos como sociedade.

Entre os días 25 ao 30 de setembro terá lugar en Lugo unha semana dedicada aos migrantes e refuxiados na que se desenvolverá un intenso programa de actividades ao longo de toda a semana. Os obxectivos que persegue a Pastoral de Migracións da Diocese de Lugo coa organización da Semana das Persoas Migrantes e Refuxiadas son:

– Promover unha maior sensibilización ante a realidade das migracións e as moitas dificultades que deben afrontar os migrantes;

– mellorar a acollida aos inmigrantes na nosa sociedade respectando os seus dereitos;

– favorecer a integración dos inmigrantes nas diversas accións da vida social e cultural.

O lema que aglutina todas as actividades da semana é “aquí construímos un futuro con migrantes e refuxiados”.

Como manifesta o Papa Francisco na Fratelli Tutti, “ninguén pode quedar excluído, non importa onde nacese, e menos por mor dos privilexios que outros posúen porque naceron en lugares con maiores posibilidades”. Mentres un só quede excluído, fracasariamos como sociedade.

Gustavo E. Díaz

Consultor Pastoral Migracións

Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado

O lema da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado (26 de setembro) é «Cara a un nós cada vez máis grande». É unha ocasión para pór diante a vacina definitiva que a familia humana necesita: saír dun «nós» pequeno, reducido por fronteiras ou por intereses políticos ou económicos, para ir a un «nós» incluído no soño de Deus, no que vivamos como irmáns compartindo a mesma dignidade que El nos dá.

“Cómpre humanizar as crises, responder socialmente desde o horizonte da fraternidade humana, denunciando a instrumentalización da dor e a pobreza.

Que estean abertas as portas alí onde camiñe a Igrexa e que o migrante se incorpore cada vez máis, en todos os procesos de participación, de vida e de fe.

Esforcémonos en constituír un sistema que normalice a migración legal e segura a longo prazo, e que se base plenamente nunha ética apoiada nos dereitos humanos, no horizonte de fraternidade universal e no dereito internacional”.

Da Mensaxe dos bispos da Subcomisión Episcopal para as Migracións e Mobilidade Humana

[Materiais da Xornada]   [Artigo de Antón Negro]

Xornadas de formación organizadas por Cáritas: “Migrantes con Dereitos”

O Programa de Voluntariado de Cáritas Diocesana de Lugo, organiza xornadas de formación de voluntariado que levan por título “Migrantes con Dereitos”.

Este ano serán unhas xornadas adaptadas ás medidas de prevención da Covid-19, con cabida limitada e por iso, repartidas por varios puntos da Diocese de Lugo, para que cheguen ao maior número de voluntarios posible. A formación do voluntariado é unha peza importante para o desenvolvemento do seu labor e o seu achegamento ás persoas que son atendidas nos diferentes programas e parroquias.

As xornadas servirán para que as persoas voluntarias coñezan o funcionamento dos programas desenvolvidos por Cáritas Diocesana coa poboación inmigrante. Para iso cóntase cos coordinadores do Programa Participa connosco e do Programa Contade connosco.

A primeira xornada é o 18 de novembro na sede que Cáritas Diocesana de Lugo ten na Avda. Américas e as posteriores serán nos seguintes días e lugares:

  • Melide: 25 de novembro

  • Silleda: 10 de decembro

  • Monforte: 16 de decembro

Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado

O domingo 27 de setembro celébrase a Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado co lema «Como Xesucristo, obrigados a fuxir», coa mirada posta nos chamados desprazados internos. Dentro desta denominación inclúese aos millóns de homes, mulleres e nenos obrigados a migrar dentro dos seus propios países por diversas causas: emerxencias humanitarias, conflitos armados, perturbacións do clima, violencia xeneralizada, etc.

Non se trata de mirar unicamente cara a países con circunstancias sociais extremadamente fráxiles, tamén no noso propio territorio hai persoas inmigrantes que en certo sentido vense «obrigadas a fuxir». Fuxir do sometemento e a violencia, como as vítimas de trata con fins de explotación sexual; fuxir da precariedade laboral, como o colectivo de empregadas do fogar ou os temporeiros agrícolas; fuxir da intemperie, do esquecemento, como os menores migrantes ou os solicitantes de asilo. En definitiva, Xesús está presente en cada un deles, obrigados a fuxir para salvarse, para recuperar a dignidade que lles foi arrebatada.

[Materiais]   [Vídeo do Papa Francisco e testemuños]

Xornada de Formación de Voluntariado de Cáritas

Caritas Diocesana de Lugo organiza unha Xornada de Formación de Voluntariado o 12 de decembro no Hotel Méndez Núñez. O tema é Como Acollemos ás persoas inmigrantes, e participan uns 100 voluntarios. Na xornada intervén o técnico de Cáritas Española Paco Aperador. O programa é o seguinte:
– 10 h Acollida e entrega de material
– 10:20 h Oración
– 10:30 h Presentación da Xornada
– 10:40 h Que pensamos en Cáritas acerca das migracións? por Paco Aperador. Técnico de Cáritas Española.
– 12:05 h Como abordamos os prexuízos e estereotipos cara ás persoas migrantes? por Paco Aperador.
– 16 h Como podemos mellorar a nosa atención e acollida? por Paco Aperador.
– 18 h Clausura da Xornada, pola Secretaria Xeral de Cáritas Lugo, Mónica Yáñez Devesa.

A %d blogueros les gusta esto: