CONCAPA celebra en Lugo as Xornadas de Familia

CONCAPA (Confederación Católica Nacional de Pais de Familia e pais de Alumnos) celebra o 5 e 6 de novembro as súas Xornadas de Familia, un evento que terá lugar en Lugo baixo o título Educar no consumo.

A inauguración terá lugar o día 5 de novembro no Gran Hotel Lugo, ás 9,00 horas e, posteriormente, impartiranse os relatorios sobre “A educación para o consumo. Situación actual e perspectivas de futuro”, a cargo de Dª María Nava Castro, presidenta do Instituto Galego de Consumo; e “A coordinación familia-escola para educar no consumo”, por D. Celso Currás, ex conselleiro de Educación da Xunta de Galicia.

Ademais, haberá un panel sobre Escola de Familias e unha Mesa Redonda sobre “Educación e Consumo responsable”, na que intervirán diversos expertos.

Mans Unidas organiza un coloquio sobre África

Lugo é unha das oito cidades de España nas que se informa sobre a situación de África durante estas semanas por medio dunha mesa redonda.

Trala benvida de Amalia Hermida, comezou o representante local de Redes, Rafael Veiga, explicando que durante o cuatrienio 2009-2012 desenvólvese unha campaña de sensibilización sobre os aspectos positivos de África e ao mesmo tempo sobre o difícil cumprimento do dereito aos servizos sociais básicos na área subsahariana.

A continuación, Sylvain Nsala, Papy, (estudante), enumerou os factores que posibilitarán que África saia adiante:

  1. a mocidade, forza física viva do continente;

  2. os intelectuais revolucionarios, que dan voz ao pobo e axudan a que este faga unha reflexión realista que oriente cara a un futuro mellor;

  3. o espírito africano: serenidade, amabilidade, hospitalidade, forza;

  4. a riqueza natural: moitas materias primas. Tamén hai unha pequena industria.

Aman Degefu (secretario da Oficina de Desenvolvemento da Igrexa Católica en Addis Abeba) explicou as causas e consecuencias de que Etiopía só aproveite o 3% dos seus recursos hidrolóxicos.

Causas: falta de capacidade técnica e financeira, falta de políticas sectoriais, falta dunha educación que faga ver ás comunidades rurais a importância de solucionar a cuestión.

Consecuencias: a saúde e a economía non van tan ben como deberan; e incluso vese afectada a dignidade persoal.

Alpódia André Manhique, (profesora de filosofía), dixo que no seu país, Mozambique, a educación aínda pode mellorar máis do que veu facendo ultimamente. Para iso cómpre convencer a toda a poboación de que a muller ten dereito à educación e tamén sería bo evitarlle ao alumnado as longas distancias que hai ata a súa escola, que non sempre dispón de aulas.

Mbuyi Kabunda (profesor da Universidade de Basilea) pediu ás ONG (sobre todo francesas e inglesas) máis coordenación, profesionalidade, autoavaliación, independencia dos estados e que teñan en conta a contraparte. E a un maior nivel, avogou por solucións estruturais: institucións africanas fortes, creación inmediata dos Estados Unidos de África, reconstrución posbélica.

O Bispo de Lugo comentou que era importante a solidariedade e a educación do pobo para que sexa quen de afrontar as súas necesidades.

Durante o coloquio tratáronse varios temas: expansión do islam, de China e o importante labor dos misioneiros.

Triduo en honra á Virxe das Dores na igrexa dos Franciscanos de Lugo

A Confraría lucense do Desencravo organiza un Triduo en honra á nosa Nai, a Virxe das Dores, os próximos días 13, 14 e 15 de setembro. Será na igrexa conventual dos Franciscanos de Lugo, co seguinte horario:

– Ás 19,00 horas: Santo Rosario.

– Ás 19,30: Eucaristía.

O predicador é Frei Amado González, Superior do Convento Franciscano de Lugo, e anterior Ministro da Provincia Franciscana de Santiago.

Vida Ascendente organiza a exposición Artenova

  O día 27 de maio, como vén sendo usual por estas datas, o movemento de xubilados e maiores de Vida Ascendente abre a súa exposición ARTENOVA de manualidades varias e artigos ecolóxicos.

No local da antiga sancristía da Parroquia de Santiago (A Nova) está aberta a exposición até o 6 de xuño. A recadación irá integramente destinada a Caritas e a un proxecto de axuda en Bolivia, de misioneiros españois.

Xustificar nestes tempos o apoio ao necesitado xa non é necesario; está gravado no corazón das persoas solidarias. Coa axuda dos visitantes da exposición, Vida Ascendente espera seguir aumentando a cantidade de 150.000 € que nestes anos entregáronse aos máis pobres.

Os traballos e produtos pódense entregar antes e durante a exposición na portaría da Parroquia.

A %d blogueros les gusta esto: