Presentouse a obra de acondicionamento do baixo cuberta das Antigas Sancristías da Catedral

O bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deron conta o 19 de setembro que está próximo a rematar a obra que a Xunta de Galicia realiza para acondicionar o baixo cuberta das Antigas Sancristías e Capela de San Froilán da Catedral de Lugo.

Nesta obra liberouse espazo e creáronse estancias habitables no baixo cuberta adosado ao Triforio na Nave do Evanxeo, para o que se eliminaron parcialmente os tabiques de ladrillo, substituíndoos por estruturas metálicas. Así mesmo, quedan realzadas as fiestras románicas do triforio, liberándoas dos forxados de formigón e substituíndoos por elementos de cristal, moito máis acaídos.

A obra incluíu tamén a colocación dun falso térmico que illa termicamente a cuberta, a limpeza das fábricas de cantería e a cubrición con morteiro de cal como acabado dos paramentos.

O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, en declaracións recollidas por COPE, afirmou que a obra “é moi boa”, porque ademais de recuperar unha parte da Catedral, gañouse superficie para habilitar “espazos de traballo, de arquivo e de almacenamento”.

Campamento urbano organizado por Cáritas

Desde o luns 16 ata o 27 de xullo o Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Lugo organiza o Campamento Urbano XXIV. O tema deste ano é “Silvatrania”, un hotel con monstruos. Un dos obxectivos é facer comprender que as apariencias enganan, que todas as persoas teñen algo positivo que achegar e que o ideal é a autenticidade. Outro obxectivo é a integración: entre os 77 nenos participantes hainos de toda condición social porque o Campamento está aberto a todos, aínda que teñen prioridade os que non poden acceder a outras actividades.

Cos nenos están 17 monitores e 4 axudantes, que están formándose; todos eles voluntarios. As actividades fanse pola mañá (de 10 a 14h) e pola tarde (de 16 a 20h) pero como tamén se busca a conciliación familiar, hai nenos que van antes ou quedan ao mediodía.

As actividades realízanse no Colexio Rosalía de Castro de Lugo e entre os días 21 e 23 no Colexio Cabo da Area de Laxe. Para iso cóntase coa colaboración da Consellería de Educación e dos Concellos de Lugo e Laxe.

Ademais destes días de Campamento, procúrase facer un seguimento todo o ano e segundo se vexan necesidades nalgúns nenos, son atendidos polos servizos correspondentes de Cáritas. A continuidade tamén se ve en que algúns nenos empezan indo ao Campamento, logo pasan a ser axudantes e finalmente son monitores.

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

Cáritas Diocesana de Lugo quere fomentar a cultura emprendedora. Por iso, a través do Programa de Emprego, organiza xornadas divulgativas que poidan favorecer o xurdimento de novas iniciativas. A próxima xornada terá lugar o día 22 de xuño de 10:30h. a 13:00h. no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo, Avda. Américas, 93-97.

Ese día xuño contarase con:

– Un técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que informará sobre os recursos dispoñibles para axudar á promoción e creación de empresas.

– Panel de experiencias, onde coñecer as historias de tres mulleres que un día decidiron dar o paso e emprender o seu propio proxecto profesional.

Para participar hai que inscribirse antes do 21 de xuño. Horario de atención: mércores e xoves de 10:00h a 14:00h.

Pregón da Caridade

 O mércores 30 de maio, o director do xornal ABC, Bieito Rubido Ramonde, foi o encargado de pronunciar o PREGÓN DA CARIDADE. E, entre outras cousas dixo o seguinte:

Cáritas é un dos mellores rostros da Igrexa Católica porque desde a discreción absoluta procura que a súa man esquerda non saiba o que fai a dereita. E atende a millóns de persoas que necesitan axuda. Sen ir máis lonxe, na Diocese de Lugo máis de 7.000 persoas foron atendidas ao longo do último ano por Cáritas. E faino respondendo a esa mensaxe orixinal daquel galileo que predicaba o amor ao próximo”.

Cando moitas veces hai a polémica da presenza e o protagonismo da Igrexa na vida pública, hai que ter en conta que non hai máis afán de protagonismo que exercer o amor. E iso é o que fan 78.000 voluntarios todos os días de forma anónima, dando resposta así ao que neste momento da vida de España podemos chamar a xeografía da pobreza”.

 Outros actos organizados por Cáritas Lugo con motivo do Día da Caridade:

– XOVES 31 DE MAIO –

  • De 10:30 h da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo e Monforte, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

  • Ás 18 h, no salón de actos do Seminario acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes no Programa de Infancia.

  • Ás 19 h, realización de actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.

– DOMINGO 3 DE XUÑO Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.

O teu compromiso mellora o mundo

Vivimos unha época na que o individualismo vai en aumento, coas súas connotacións negativas, repórtanos soidade, créanos tensión, medo, baleiro, e moitas veces déixanos sen rumbo. Con iso aparecen algúns dos trastornos psicolóxicos máis frecuentes hoxe en día: ansiedade, depresión, etc.

Por iso pregúntovos: Que volve á sociedade cada vez máis individualista?

Lembrades a complicidade que sentiamos con nosos veciños cando compartiamos o traballo, o motivador e satisfactorio que resultaba o traballo en camaradería por moi duro que este fose?

Cando escoitabamos os problemas que tiña algún amigo, lembrades o ben que nos sentiamos cando podiamos solucionarllos e sacalos dun apuro?

Si, estades pensando ben, estouvos a  falar da vosa colaboración, do voso compromiso cos demais. Estouvos a falar do ben que nos sentimos cando somos solidarios. Dise que a solidariedade é a acción de dar, sen recibir nada a cambio, pero eu creo que si nos reporta moito:

  •  Convértenos en seres máis felices, aumentando considerablemente a nosa autoestima.
  •  Fainos sentir ben o feito de saber que estamos realizando unha boa acción.
  •  Aumenta a confianza en nós mesmos porque nos sentimos útiles.
  •  Mellora nosa saúde. Segundo diversos estudos estadounidenses, as persoas solidarias son menos propensas a sufrir estrés ou depresión, a súa presión sanguínea é menor e ata son máis lonxevas que as insensibles ao sufrimento alleo.

Di o dito popular, cheo de sabedoría: «Dá o mellor de ti mesmo e o mellor volverá a ti». As persoas que dan, reciben; e isto é unha realidade. Probablemente a persoa á que axudes non poida devolverche o favor, pero se es unha persoa xenerosa e, nalgún momento necesitas dos demais, eles axudaránche.

Ser solidario non significa soamente facer algo por alguén; hai moitos xeitos de ser solidario, pequenos xestos que non che implican perder moito tempo nin ter que facer un gran desembolso económico, e que sen embar-go para quen os recibe significan moito máis do que pensas.

Por iso gustaríame invitarvos a coñecer todos os programas que se levan a cabo desde Cáritas Diocesana de Lugo:

Programa de acollida e asistencia

  • Cáritas parroquiais e interparroquiais
  • Servizo de roupeiro
  • Programa de familias en desvantaxe
  • Programa de voluntariado
  • Programa de infancia e mocidade
  • Programa maiores e vivir na casa
  • Programa inmigrantes contar connosco
  • Programa de atención a persoas con discapacidade
  • Programa muller, saúde
  • Programa emprego
  • Programa atención a mulleres vítimas de violencia

Unha chea de proxectos solidarios cos que todos podemos contribuír, xa sexa de forma puntual ou continuada, económicamente ou co noso tempo, porque o noso compromiso mellora nosa sociedade:

  • Contribúe económicamente na medida na que poidas, adaptando as túas achegas segundo a túa economía.
  • Ofrece o teu tempo como voluntario nos distintos programas.
  • Doa a roupa, libros e outros enseres que non uses, poderían axudar a outras persoas máis cá ti.
  • Inculca aos teus fillos valores solidarios. Ensínalles co exemplo, seguindo patróns baseados no respecto, a confianza, a sinceridade, a lealtade, etc.
  • Fai unha compra dobre, é dicir, unha para ti e outra para unha persoa ou familia desfavorecida. Que mellor axuda que a propia comida?

Enche o teu día a día de boas accións, porque o teu compromiso mellora o mundo.

BEATRIZ VARELA

PRESIDENTA DE AELU

A %d blogueros les gusta esto: