VIII Encontro do voluntariado de Cáritas Galicia

Encontro voluntarios Galicia

O centro Europeo de Peregrinacións “Xoán Paulo II”, no Monto do Gozo, será o marco para a celebración do VIII Encontro do Voluntariado Galego de Cáritas. O día 30 de maio estarán no devandito lugar representantes das cinco dioceses compartindo experiencias e testemuños, coñecendo distintas realidades do voluntariado en Cáritas.

O secretario xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora, pronunciará a conferencia central, co título “Presenza de Cáritas: Acción, sentido e espiritualidade”.

Os actos programados para a mañá pecharanse cunha Eucaristía, presidida por Jesús García Vázquez, delegado episcopal de Cáritas Santiago e na que participarán delegados episcopais e consiliarios da institución.

Trala comida de confraternidade, os asistentes trasladaranse á Cidade da Cultura para realizar unha visita guiada polas distintas exposicións centrándose fundamentalmente na actual “Camiño, a orixe”.

Para que Cáritas poida levar a cabo a súa misión, necesita organizarse e contar con persoas voluntarias, coas que facerse presente xunto ás persoas que viven a inxustiza da pobreza. No encontro insistirase en que o voluntariado é comprometido, activo, capaz de dar respostas, coherente coa misión que se lle encomenda, que vive os valores da solidariedade, a gratuidade, a igualdade. A denuncia das inxustizas sociais ocupa un lugar prioritario, así como a sensibilización e formación da sociedade.

Actuación da Coral do Hospital de Lugo no Círculo das Artes

Coral Hospital 2

O xoves 21 actuou no Círculo das Artes a Coral do Hospital de Lugo. A parte final do concerto consistiu nunha estrea, con interpretación de Indianas, seis canciones para cuarteto vocal o coro y piano de Carlos Guastavino (1912 – 2000).

Unha alumna do compositor arxentino, que mantén contacto coa coral desde que esta actuara no país americano hai 6 anos, enviou a Lugo os temas musicais interpretados na parte final do concerto. Foron pezas que constituíron todo un reto para a coral lucense, que saíu adiante coa colaboración do pianista Aurelio Chao.

 No concerto actuaron como solistas: Celia Vizcaíno como soprano, Concepción Corral como mezzosoprano; Luis Del Arbol. tenor e Carlos Roda como recitador. A dirección correu a cargo de Fernando G. Jácome.

Mans Unidas e Taller de Solidariedade, nas actividades do Día do Comercio Xusto

dia-mundial-CJ

 O martes 12 de maio o Mercado Municipal Quiroga Ballesteros en horario de 16 a 20 horas acolle a celebración do Día Internacional de Comercio Xusto. Trátase de achegar os produtos de comercio xusto e a realidade do comercio internacional aos lucenses, concretamente o negocio do téxtil.

Entre as actividades, haberá un obradoiro téxtil “TIRA DO FÍO”, unha demostración e degustación de doces feitos con ingredientes procedentes do comercio xusto.

Tamén hai obradoiros para os máis cativos coa proxección dunha curtametraxe sobre o comercio xusto; mesas informativas e de venda das entidades participantes e mercado de produto de comercio xusto, ecolóxico, local e artesanal.

Ademais de Mans Unidas e Taller de Solidariedade, as asociacións organizadoras son A Cova da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Axunica e Bico de Grao.

Festival benéfico do alumnado do Colexio San Xosé

soñando un techo

O alumnado do Colexio Plurilingüe San Xosé-FEC (Xosefinas) levarán a cabo unha actuación solidaria o xoves, 9 de abril ás 19:00 h, no Auditorio Gustavo Freire. O acto será conducido pola cantante Lucía Pérez.

Os alumnos, conscientes das inxustizas e o sufrimento presente no mundo, queren aportar o seu gran de area para axudar a paliar algunhas necesidades. Para iso ofrecerán ao público as actuacións que prepararon para as festas do colexio a un prezo de 5 euros a entrada, co ánimo de recadar fondos para apoiar tres proxectos concretos de tres ONG:
*Unicef: Gotas para Níxer,
*Mans Unidas (Mellora da situación sanitaria en 15 pobos da India para reducir os índices de mortalidade infantil e maternal) e
*Taller de Solidariedade: Soñando un teito (construción de casas en Filipinas)

Taller de autoemprego organizado por Cáritas

 No marco do proxecto de autoemprego Emprégate II, o día 7 de abril de 10:00 a 13:30 impártese o taller “Maduración de Ideas Emprendedoras” aos promotores dos proxectos seleccionados no programa.

  Nesta iniciativa, o Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo conta coa colaboración desinteresada da consultora Q Asesores, que se une así a “Empresas con Corazón” un programa no que participan empresas que colaboran con Cáritas.

Está prevista a impartición dun segundo taller no mes de xuño sobre Formas Xurídicas e Trámites de Inicio e Posta en Marcha.

O 16 de marzo Cáritas Lugo xa organizara unha xornada sobre autoemprego. Daquela contárase coa participación de Ana Mª López Suárez técnica da Asociación Empresarias de Lugo co seu relatorio ESPERTANDO O ESPÍRITO EMPRENDEDOR. Ademais, á xornada acudiron 4 emprendedores que contaron a experiencia coas súas empresas: CONFETTI, ALOUMIÑA, ARRANXOS e EL ARREGLADOR.

A %d blogueros les gusta esto: