VIII Encontro do voluntariado de Cáritas Galicia

Encontro voluntarios Galicia

O centro Europeo de Peregrinacións “Xoán Paulo II”, no Monto do Gozo, será o marco para a celebración do VIII Encontro do Voluntariado Galego de Cáritas. O día 30 de maio estarán no devandito lugar representantes das cinco dioceses compartindo experiencias e testemuños, coñecendo distintas realidades do voluntariado en Cáritas.

O secretario xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora, pronunciará a conferencia central, co título “Presenza de Cáritas: Acción, sentido e espiritualidade”.

Os actos programados para a mañá pecharanse cunha Eucaristía, presidida por Jesús García Vázquez, delegado episcopal de Cáritas Santiago e na que participarán delegados episcopais e consiliarios da institución.

Trala comida de confraternidade, os asistentes trasladaranse á Cidade da Cultura para realizar unha visita guiada polas distintas exposicións centrándose fundamentalmente na actual “Camiño, a orixe”.

Para que Cáritas poida levar a cabo a súa misión, necesita organizarse e contar con persoas voluntarias, coas que facerse presente xunto ás persoas que viven a inxustiza da pobreza. No encontro insistirase en que o voluntariado é comprometido, activo, capaz de dar respostas, coherente coa misión que se lle encomenda, que vive os valores da solidariedade, a gratuidade, a igualdade. A denuncia das inxustizas sociais ocupa un lugar prioritario, así como a sensibilización e formación da sociedade.

Deixa un comentario

%d bloggers like this: