Miguel Ángel Álvarez: A fe en Deus dá estabilidade ao mundo

A cita da Lumen Fidei escollida para comentar nesta ocasión refírese á necesidade dunha sociedade máis fiable. É do número 55 e di:

“Se fixesemos desaparecer a fe en Deus das nosas cidades, debilitaríase a confianza entre nós, pois quedariamos unidos só polo medo, e a estabilidade estaría comprometida”. (LF 55).

A miúdo pénsase que a fe é algo que só necesitamos para cando queremos falar de Deus. É verdade que coñecemos a Deus pola fe, pero tamén é verdade que, grazas á fe, coñecemos unha boa parte das cousas do mundo. Sen a fe, sen fiarnos dos demais, non poderiamos saír á rúa, comer fóra de casa, ir á barbaría, ao médico, subirnos nun ascensor, nin ir á escola.

Pero, todas estás cousas non son das que está a falar o Papa cando di que sen a fe en Deus comprometeríase a estabilidade do mundo.

O que nos quere dicir o Papa Francisco é que sen fe en Deus, ou o que é o mesmo, sen un lugar para Deus no mundo, erixímonos en deuses de nós mesmos. Se é así, cada un imporá aos demais as súas propias leis, será imposible un criterio unánime sobre o que está ben e mal, e, o medo ao que poida facerche o outro será o único que teñamos en común.

Entre outras cousas, poderiamos dicir que Deus pon obxectividade no mundo, dándonos así unha estabilidade necesaria. Non é casualidade que canto menos espazo lle deixamos a Deus máis aumenta a violencia, e, por tanto, o medo.

O mundo necesita estabilidade, a fe en Deus dánola.

Miguel Ángel Álvarez

Leave a Comment

%d bloggers like this: