Miguel Ángel Álvarez: A fe axuda a conseguir unha sociedade máis fiable

No último comentario, mencionamos a diferenza de formulacións que hai entre unha persoa que non cre en Deus e unha que está aberta ao transcendente. Dicía o Papa que a fe é como unha edificación onde o home pode convivir cos demais (cfr. LF 50)

No número 50 da Lumen Fidei, vén concretar un pouco máis os beneficios que achega a fe á convivencia das persoas.

Di o Papa : A fe revela ata que punto poden ser sólidos os vínculos humanos cando Deus se fai presente no medio deles. Non se trata só dunha solidez interior, unha convicción firme do crente; a fe ilumina tamén as relacións humanas, porque nace do amor e segue a dinámica do amor de Deus. O Deus digno de fe constrúe para os homes unha cidade fiable. (LF 50).

A estas alturas da historia da humanidade algúns aínda non teñen claro o que é evidente. E resulta evidente que Deus, para ser Deus, ten que ser o absolutamente intelixente e bo, e que, por tanto, o único que pode achegar á humanidade son cousas boas.

Dun Deus que é amor non se pode esperar nada malo e, na medida que nós somos capaces de manternos unidos a El, e vivir na dinámica do amor, seremos quen de facer cousas boas, das que, por outra banda, serán beneficiarios os demais.

Por iso é polo que, se teño un trato persoal e sincero con Deus, estarei a facer unha moi boa achega á sociedade, porque contribúo a que as relacións humanas sexan mellores.

Necesitamos unha sociedade máis fiable. A nosa fe en Deus axudaranos a conseguila.

Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: