Miguel Ángel Álvarez: Amor e verdade non se poden separar

Un dos puntos de Lumen fidei fala da unidade de amor e verdade. É o número 27, que di así:

E así se pode ver en que sentido o amor ten necesidade de verdade. Só en canto está fundado na verdade, o amor pode perdurar no tempo, superar a fugacidade do instante e permanecer firme para dar consistencia a un camiño en común. Se o amor non ten que ver coa verdade, está suxeito ao vaivén dos sentimentos e non supera a proba do tempo. (LF 27)

Nestas liñas o Papa Francisco advírtenos de dous perigos. Que o amor non estea fundado na verdade e de guiarnos só por uns sentimentos que poden facernos cóxegas no estómago, pero que tamén carecen de fundamento.

Dise que se colle antes a un mentireiro que a un coxo. No mundo actual leva moito o das aparencias. Desde vestidos que disimulen o noso exceso de quilos, até decorados virtuais en televisión… Por suposto que non está mal que as persoas e as cousas se mostren agradables á vista.

Pero, ao mesmo tempo, é vital que o importante da nosa vida estea ben fundamentado. Non serve de nada enganarnos a nós mesmos… O golpe ao caer pode ser moi grande.

Unha boa expresión do amor é a vida matrimonial, que, doutra banda, para o cristián é imaxe da unión de Cristo coa súa Igrexa. É aquí onde vemos claro como o amor necesita alimentarse da verdade.

A nosa fe en Cristo tampouco pode estar a mercé dos nosos sentimentos, do ben ou mal que me levante cada mañá, ou do ben ou mal que nos vaia o día, ou a mesma vida, nin sequera do cura que presida a Misa dominical ou do Bispo que nos toque en cada momento da historia.

Unha fe volátil serve de pouco. Unha fe firmemente fundamentada no amor e a verdade é para toda a vida. Amor e verdade non se poden separar.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: