Miguel Ángel Álvarez: Necesitamos formar a fe coa verdade

Damos un paso máis no comentario da encíclica Lumen Fidei. Chegamos ao número 24 e parámonos na seguinte cita:

O home ten necesidade de coñecemento, ten necesidade de verdade, porque sen ela non pode subsistir, non vai adiante. A fe, sen verdade, non salva, non dá seguridade aos nosos pasos”.

Os sentimentos que provoca a memoria dos nosos seres queridos defuntos, fai que botemos man de todo aquilo que supoña unha palabra de ánimo e esperanza ante o enigma da morte e ante tantas novas formas de pensamento e cultura importados, e mal usados, que toman as nosas rúas e que provocan aínda máis confusión en moita xente, que xa non sabe nin onde poden estar os seus defuntos.

E o comentario á cita de hoxe tamén o podemos orientar por este camiño.

Necesitamos que a nosa fe vaia acompañada da verdade. E é, precisamente no tema dos defuntos, onde vemos claramente como non sempre fe e verdade van unidas.

Moitas veces é fácil atoparse con persoas, mesmo de misa diaria, que cren unhas cousas moi estrañas.

Facilmente confúndese e mestúrase resurrección con reencarnación. E, coa mesma facilidade, tamén hai quen chega a crer que, as almas dos nosos defuntos, saen de paseo polos camiños nas escuras noites de novembro.

Necesitamos formar a fe coa verdade. De non ser así estaremos a crer nun Deus “deforme”, e iso non pode ser…

Para dar pasos, para ir adiante non podemos crer calquera cousa. Non podemos deixarnos levar por teorías absurdas e sen sentido, que só serven para distraernos mentres comemos unhas castañas na compañía duns amigos.

Se queremos iluminar a escuridade da morte, dunha forma definitiva e satisfactoria, só poderemos acudir a Xesucristo, o Sol que nace do alto, e que é camiño, verdade e vida.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: