Miguel Ángel Álvarez: O misterio da Santísima Trindade fálanos do amor de Deus

Cada vez que se achega a festa a Santísima Trindade non deixo de acordarme do que me dixo un neno no Seminario mentres estaba a facer os deberes da materia de relixión: “De Deus comprendo todo, até o misterio da Santísima Trindade, o que non acabo de entender é quen creou a Deus”. Evidentemente quedei sen saber que dicir, porque a min, máis ben, pasábame o contrario, e facerllo ver a un neno de 10 anos cunha simple explicación era complicado.

Deus para ser Deus non pode ser creado por ninguén, pola contra xa non sería Deus, sería outra cousa, aínda que a dúbida do neno estaba algo fundada, pois todo o que vemos, sabemos que foi creado por alguén e, entón, tamén é doado pensar que o mesmo Creador foi creado.

E o misterio da Santísima Trindade… aquí a nosa intelixencia queda moi curta. Pensar nun ser, un só Deus e tres persoas, Pai, Fillo e Espírito Santo, fai que o noso cerebro empece a botar fume e acabemos, unha vez máis, abandonándonos nas mans de Deus e confiando nel.

Aínda que non o comprendamos, o misterio da Santísima Trindade fálanos do amor de Deus, da intimidade de Deus consigo mesmo, dun corazón divino, ardente, de perfección absoluta. Fálanos de confianza, a mesma que sentimos ao comezar unha celebración litúrxica ou calquera outra actividade importante e trazamos sombre nós unha cruz ao mesmo tempo que dicimos “no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo”. Sabernos na presenza do Deus Trino dános seguridade, fainos vivir tranquilos porque sabemos que El está sempre connosco.

O día da Santísima Trindade tamén celebramos a xornada Pro-Orantibus. Unha ocasión para acordarnos dos sentinelas que dedican a súa vida enteira á oración nos mosteiros de clausura. Unha oración vivida desde a intimidade con Deus, imitando a mesma intimidade da Santísima Trindade.

Os monxes e as monxas oran por nós. Hoxe é o día para que nós oremos por eles, ben o merecen.

Miguel Ángel Álvarez Pérez.

Editorial El Espejo de la Iglesia-COPE Lugo

1 comentario en “Miguel Ángel Álvarez: O misterio da Santísima Trindade fálanos do amor de Deus

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: