Miguel Ángel Álvarez Pérez: A figura do sacerdote hoxe e sempre

 O 10 de maio é o día de San Xoán de Ávila, patrón do clero secular español. En Lugo, e noutras moitas dioceses de España, os sacerdotes estamos de festa, e tamén aproveitamos a ocasión para facer unha homenaxe aos nosos compañeiros que celebran as súas vodas de prata e ouro sacerdotais, 25 e 50 anos de fidelidade sacerdotal.

Moitos días comento cos meus compañeiros sacerdotes algo que me chama poderosamente a atención. Teño a impresión de que hoxe ninguén fai caso aos curas, que todo aquilo que dicimos pasa totalmente desapercibido e que non interesa a ninguén. Pero, ao mesmo tempo, atopámonos con que non nos chegan as horas do día para atender a todas as persoas que acoden a nós, nin para levar a cabo todas as actividades que dependen do noso ministerio sacerdotal, mesmo, ás veces, co perigo de terminar queimados e sempre incomprendidos.

Pero, máis aló do actual activismo dos sacerdotes, está o mesmo Cristo, o único sacerdote, do que nós participamos polo sacramento da Ordenación. Antes, durante e despois de facer un é sacerdote. Ante todo, somos.

O sacerdote é outro Cristo. Os sacerdotes non facemos, nin dicimos nin damos misas como se oe moitas veces. Os sacerdotes somos e estamos para que os bautizados e non bautizados poidan atopase cada día co Deus de Xesucristo, fundamentalmente por medio dos sacramentos e do anuncio do Evanxeo.

Esta é a nosa única misión. Nada máis. Aínda que moitos só acudirán a nós con motivo de organizar un acontecemento social, desvirtuando así a nosa misión e o noso ser.

O Papa Francisco, o día da Misa Crismal, dixo que os pastores-sacerdotes tiñamos que cheirar a ovella. A comparación enténdese perfectamente, aínda que tamén poderiamos engadir, que as ovellas deben cheirar a pastor. É importante que os pastores non nos vexamos sós nin manipulados no camiño que nos conduce a todos aos “verdes prados”.

Sexa o que sexa, hoxe felicitamos desde aquí a todos os sacerdotes. Que o noso patrón, San Xoán de Ávila, interceda por nós para ser santos e bos pastores.

Miguel Ángel Álvarez Pérez (Editorial do programa El Espejo de la Iglesia-COPE LUGO)

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: