A Relixión na escola e na Universidade

Foto MarioAcábase o verán e os profesores aproveitan o comezo de curso para encontros de formación permanente que os axuden a fortalecer e renovar a súa práctica docente. Antonte mesmo, festa de Santa Teresa de Jesús, exemplar educadora e sabia doutora, os profesores de Relixión da Diocese, reuníronse no Seminario Diocesano de Lugo para reflexionar en torno a un suxerente tema: “Pedagoxía da misericordia. O corazón ten razóns que a razón non entende”.

A coñecida revista Religión y Escuela, no editorial do seu último número afirma que foi un verán moi duro para os profesores de Relixión. Máis aló da esperpéntica incerteza política e as súas consecuencias na aplicación da LOMCE, algunhas comunidades autónomas diminuíron a carga lectiva da materia co seguinte recorte nas xornadas laborais do profesorado. Moitos alumnos (cos seus pais) e profesores de Relixión non soamente sofren constantes acosos ideolóxicos polo habitual cuestionamento da materia senón tamén polo progresivo deterioro das súas condicións laborais. Cómpre alentar as actuacións dos colectivos diversos (asociacións de profesores e de pais, sindicatos, plataformas culturais, etc.) para restablecer algo que foi normal na nosa democracia e que o é na gran maioría dos países de Europa cunha historia democrática máis antiga cá nosa. É necesario un pacto educativo estable en xeral e especialmente no que respecta á materia ou materias de Relixión.

A modo de exemplo, nos países escandinavos estúdase “Historia do cristianismo e historia das relixións”; nos Países Baixos “Visións da vida”; en Francia “O feito relixioso”; en Suíza “Grandes textos das Relixións”, noutros países “Liberdade relixiosa e dereitos humanos”, “Relixións e crenzas”, etc. O que teñen claro as democracias europeas, en contra dalgúns partidos políticos en España, cargados de fanatismos do pasado e ideoloxizados ata o extremo de querer atentar contra os dereitos dos demais, é que a transmisión relixiosa e o estudo do fenómeno non poden nin deben ser nunca apartados da escola pública. Outra cousa é o consenso en torno ao paradigma educativo, aos nomes e temas, aos programas e métodos. En calquera caso, os pais, os mestres, os profesionais do ensino en xeral, as relixións, e a Igrexa Católica en canto  que maioritaria en España, deben ter moito que dicir. E en calquera dos casos non deberiamos dubidar, por respecto ás liberdades fundamentais, que o saber relixioso na escola segue enchendo de sentido a existencia dos nosos nenos e mozos e ocupando o seu espazo e o seu lugar significativo na formación integral dos alumnos. Oxalá que poida chegarse a un acordo, máis aló das ideoloxías de partido, con certa estabilidade e coa garantía do futuro dun novo paradigma para o ensino da Relixión na escola e na Universidade.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: