Outubro misioneiro

Onte celebrouse a popular e tradicional festa do DOMUND. Pero este ano dun xeito extraordinario xa que o Papa Francisco quixo convocar un “mes misioneiro” baixo o lema: “Bautizados e enviados: a Igrexa de Cristo en Misión no mundo”.

A Obra Pontificia da Propagación da fe é unha institución universal da Igrexa para cooperar coas misións a través da oración, o sacrificio, a promoción das vocacións misioneiras e a cooperación económica dos cristiáns de todo o mundo. Esta Obra naceu en Lyon (Francia) en 1822 por iniciativa dunha entusiasta rapaza chamada Paulina Jaricot. Comezou implicando a compañeiros traballadores para que axudasen ás misións cunha pequena esmola semanal. Un século despois, estendida xa a Obra polo mundo, o Papa Pío XI institucionalizouna como canle oficial para toda a Igrexa co fin de axudar espiritual e economicamente á actividade misioneira da Igrexa.

Preocupado está o Papa pola acción misioneira da Igrexa. Neste mes quere retomar a conciencia da misión ad gentes e promover con novo impulso a responsabilidade que temos todos de proclamar o Evanxeo. O tema da evanxelización non é só actual porque é abundantemente tratado, senón que é tratado porque en si mesmo é de permanente actualidade. O Concilio Vaticano II afirmaba con claridade que é “deber fundamental do pobo de Deus, posto que toda a Igrexa é misioneira”. A todo bautizado correspóndelle o compromiso de levar a fe a aquelas periferias que aínda non coñecen a Cristo. A exhortación Evangelii nuntiandi sostén que “a tarefa da evanxelización de todos os homes constitúe a misión esencial da Igrexa” (EN 14).

Documentos recentes da Igrexa lémbrannos que esta é esencialmente misioneira porque xorde da mesma misión do seo da Trindade. Deus é comuñón e quere que todos se salven. Para iso saíu ao encontro da humanidade encarnándose na historia. Elas, as persoas divinas, son fundamento da nosa chamada á misión evanxelizadora. O espírito misioneiro pertence, pois, á natureza íntima da vida cristiá xa que a evanxelización é a tarefa central e máis urxente da acción pastoral da Igrexa.

Neste contexto misioneiro tamén nós, como diocesanos lucenses, o vindeiro 26 de outubro, honraremos, no 201 aniversario do seu nacemento, cunha peregrinación polas terras de Pol, ao noso querido paisano San Xosé María Díaz Sanjurjo, misioneiro e mártir no actual Vietnam. Será nun encontro con testemuños de distintos misioneiros e unha peregrinación desde Mosteiro á capela da Nosa Señora das Neves en Suegos (onde se conserva a casa natal e a familia do misioneiro).

Desde o interior da mesma Igrexa, o Papa Francisco úrxenos a traballar para que resplandeza no noso tempo a boa nova do Evanxeo co anuncio e o testemuño de vida.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: