Ramón Acosta: “A familia non perdeu nin perderá a súa identidade, é moito máis forte que calquera ameaza”

Acosta Instº J P II

Ramón Acosta é profesor no Instº Juan Pablo II e o día 15 de marzo está invitado a dar unha charla no Curso de formación en matrimonio e familia que organiza o COF.

– Que é a pastoral familiar?

– É a acción evanxelizadora que realiza a Igrexa, orientada polos seus pastores, na familia e coa familia como conxunto, acompañándoa en todas as etapas e situacións do seu camiño. Noutras palabras: non falamos de estruturas, nin de expertos, nin da obrigación de facer cousas coas familias. Trátase de cambiar o chip mental e apuntarse a unha conversión pastoral. É tomar a vida mesma das familias, son elas quen solicitan axuda, acompañamento, formación, etc. Son as auténticas protagonistas das súas vidas e da pastoral familiar. É estar presentes, acompañar e compartir experiencias. É axudar a que cada un descubra a súa vocación ao amor, se constrúa como persoa e estea capacitado para construír un fogar. Aí debe facerse presente calquera forma de pastoral familiar.

– Redúcese ao acompañamento aos futuros esposos?

– A pastoral familiar non se reduce a momentos precisos: vodas, bautizos, comuñóns). Estará presente en todas as etapas de crecemento da persoa e en todas as familias. Non será unha pastoral sectorial que unhas veces chega demasiado tarde e que logo deixa de estar presente cando máis falta fai aos novos esposos. En conclusión, e sumando ao que se fai: temos que chegar antes cunha preparación remota e próxima, e acompañar despois nos difíciles momentos de construír unha familia. Quen na súa familia non atendeu aos seus membros en calquera momento da súa vida, para darlles acompañamento, coidados, amor, formación…? Por que ten que ser diferente a pastoral familiar?

– En que momento está a pastoral familiar en España?

– O momento actual é moi prometedor. Un signo claro diso é esta rica experiencia formativa e de comuñón que se ofrece nas dioceses galegas. As familias teñen que descubrir a vocación que as anima, esa luz que lles permite crecer e alcanzar unha plenitude de vida. Unha plenitude que non está no “ter”, senón no “ser”. Aínda é necesaria unha conversión pastoral e unha aposta sen medo polas familias. Cada un de nós, como pais-pastores-educadores, teremos que reflexionar sobre que máis podemos facer para que este acompañamento dea os seus froitos.

– Poderiamos dicir que a familia é a base doutras moitas pastorais da Igrexa?

– A familia está e estará presente en toda pastoral da Igrexa. A contribución principal desta conversión pastoral cara a un novo enfoque para entender o acompañamento ás familias, é contemplar a pastoral como unha dimensión da vida da Igrexa e non a estrutura das súas accións para que sexan máis eficaces. As accións pastorais entón son secundarias e o criterio principal non é a súa eficacia exterior, senón a vida cristiá. A pastoral familiar é unha pastoral transversal, presente nas demais pastorais. De aquí a importancia de que estea coordinada con pastoral xuvenil, educación, migracións, sanitaria, etc.

– En moitas ocasións, a pastoral familiar impúlsase directamente desde a Diocese. Deberían ter as parroquias unha participación máis activa nesta pastoral? Como?

– A parroquia desempeña un papel específico na pastoral familiar. Por ser o lugar máis próximo ás familias concretas, pode coñecer máis directamente as súas necesidades e así prestar unha atención moito máis directa e eficaz. É o lugar propio da celebración dos sacramentos e dos acontecementos familiares nos que se fai presente de modo peculiar a Igrexa na familia. Deste xeito, é a estrutura base que reúne as condicións de vida e os medios posibles para desenvolver unha pastoral familiar coherente. Para que esta posición privilexiada dea lugar a unha pastoral eficaz para a familia, o párroco (e os demais sacerdotes que colaboran con el), debe procurarse a axuda de matrimonios e acoller con solicitude aos que se prestan a iso.

A pastoral familiar parroquial é unha preciosa aventura que ha de ter os seus pés ben plantados na realidade (non se pode abranguer todo), os seus ollos atentos ás necesidades das familias (en todos os sentidos), os seus brazos dispostos a acoller con misericordia a quen sofren, a súa boca mostrando a verdade con agarimo, o seu corazón empeñado en que cada persoa descubra a súa vocación ao amor. Non hai receitas, aínda que si uns ingredientes esenciais ao comezo: un grupo de matrimonios e un sacerdote con grandes doses de imaxinación e creatividade.

– Dise que as familias perderon hoxe a súa identidade (debido a cambios culturais, lexislativos, pouco apoio institucional…). É isto realmente así?

– A familia non perdeu nin perderá a súa identidade, é moito máis forte que calquera ameaza. O que si se escureceu e mesmo ocultou é o significado que se lle queira dar. Podemos entender que na práctica é o mesmo, pero non, a familia conserva un xerme de esperanza para a mesma sociedade que ningunha ideoloxía ou doutrina poderá anular. Xa no século pasado falábase da “morte da familia”. Hoxe non só está viva, senón dando un forte testemuño de como vivir en comuñón nun mundo tan ‘líquido’ e individualista.

– Que futuro ten a institución familiar?

– O futuro da institución irá paralelo á convicción que teña a propia familia do seu protagonismo na sociedade e na Igrexa. Non é un problema político, senón de como as persoas son capaces de crecer día a día para alcanzar unha plenitude de vida.

– Na actualidade hai moitas familias en situacións difíciles ou irregulares, Que labor realiza a Igrexa con elas? Existe realmente un acompañamento efectivo cara a elas?

– A Igrexa, como Nai, compréndeas e sofre polas súas feridas. Non son meras palabras ou boas intencións. É a realidade do Bo samaritano. Deus está preto de quen ten o corazón ferido. Outra cousa é que teñamos que mellorar. Cómpre unha mirada misericordiosa que acompañe sempre na verdade e no amor a quen tanto sofren. Poñamos luz nos pregues de tantos dramas! Teriamos que desenvolver -ou ‘importar’ o que xa ‘funcione’-, novos protocolos de acompañamento antes e/ou despois da posible ruptura. Temos que ser impulsores dunha pastoral da esperanza.

– Que pode achegar ás familias este Curso de formación en matrimonio e familia, no que Vd. participa como relator?

– Espero que moitos interrogantes lancen a buscar respostas. Algunha luz que lles permita ver o matrimonio e a familia desde a mesma grandeza que teñen, e descubrir como dar resposta a esa chamada de amor que cada un recibe. E, sobre todo, reforzar a convicción de onde residirá a esperanza de toda familia cristiá. 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: