Saír da burbulla

Un dos días das festas de San Froilán convidáronme a ir a un concerto que había na Praza Horta do Seminario. Saín da miña burbulla e fun.

Para os que non son de Lugo, direilles que os concertos que hai nesta praza adoitan ser os máis estridentes e ruidosos.

Pois iso… que saín da burbulla e alá fun. O que vin non é mellor que o que teño dentro da miña burbulla nin tampouco me fixo máis feliz. Non, non se asusten, non fixen nada do que me teña que confesar ou arrepentir.

O concerto era de Les Tambours du Bronx. Despois decateime de que eran moi famosos. En Youtube hai moitos vídeos. A música que fan consiste en aporrear con moito ritmo uns bidóns metálicos de 250 litros, dos que se usan para o aceite das grandes máquinas. Fórmano un grupo duns 17 homes. Pareceume interesante e orixinal. Por iso, e para sentir de preto como “respira” parte do mundo, aceptei a invitación.

Recoñezo o mérito que teñen polo esforzo, case sobrehumano, que supón estar a golpear aqueles bidóns cun ritmo tan sincronizado e con tal potencia durante hora e media. E até aquí non hai nada que obxectar. Só un volume moi alto, pero todo ben.

O que non entendo é que facer todo iso tivese que ser a base de xestos que transmitían moita violencia. Desde as caras dos propios “artistas” até a forma de tratar os instrumentos (bidóns), o escenario e o resto de material que tiñan.

Supoño que isto é o propio en calquera concerto deste tipo de música. Nun destes xestos violentos, por dúas veces uno dos bidóns foi lanzado con tal ímpeto que saíu rodando do escenario e caeu sobre os ombreiros duns dos mozos de seguridade. E xa non me estendo en explicar o do cuspe que lanzou un dos “artistas”, co que “duchou” aos que estaban en primeira liña.

Sei que un só concerto deste tipo non converte a sociedade en violenta. Pero, do mesmo xeito, creo que todo contribúe para que a humanidade sexa cada vez un pouco máis violenta, onde os prexudicados somos nós mesmos: a violencia do home contra o home, pois os “bidóns” non senten os golpes.

En honra á verdade, direi que me sorprendeu a delicadeza e atención con que despois tratou un dos músicos aos nenos que se achegaron a el para pedirlle autógrafos e facerse fotos, precisamente aquel que peor pinta tiña, e que uns minutos antes lanzara o monumental cuspe. En fin…

O que acabo de dicir foi sobre este concerto, pero poderíao dicir igualmente de calquera outro grupo deste estilo e doutras moitas actividades que se venden como arte e que teñen moitos seguidores.

Vólvome á miña burbulla co Príncipe da Paz. Non necesito violencia engadida nin camuflada baixo a pel de cordeiro dun concerto, aparentemente inofensivo. Necesito paz, moita paz…

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: