O Sínodo: familia e evanxelización

 

A misión de predicar o Evanxeo a toda a humanidade foi confiada directamente polo Señor aos seus discípulos e a Igrexa é quen leva adiante tal misión na historia. No tempo que estamos vivindo, a evidente crise social e espiritual chega a ser un desafío pastoral, que interpela a misión evanxelizadora da Igrexa para a familia, núcleo vital da sociedade e da comunidade eclesial. A proposta do Evanxeo sobre a familia neste contexto resulta particularmente urxente e necesaria. A importancia do tema xorde do feito que o Santo Padre decidiu establecer para o Sínodo dos Bispos un itinerario de traballo en dúas etapas: a primeira, a Asemblea Xeral Extraordinaria do 2014, ordenada a delinear o “status quaestionis” e a recoller testemuños e propostas dos Bispos para anunciar e vivir de xeito crible o Evanxeo da familia; a segunda, a Asemblea Xeral Ordinaria do 2015, para buscar liñas operativas para a pastoral da persoa humana e da familia.

Hoxe preséntanse problemáticas inéditas ata fai uns poucos anos, desde a difusión de parellas de feito, que non acceden ao matrimonio e ás veces exclúen a idea do mesmo, ás unións entre persoas do mesmo sexo, ás cales a miúdo é consentida a adopción de fillos. Entre as numerosas novas situacións, que esixen a atención e o compromiso pastoral da Igrexa, abondará recordar: os matrimonios mixtos ou interrelixiosos; a familia monoparental; a poligamia, en varias partes do mundo; os matrimonios concordados coa conseguinte problemática do dote, ás veces entendido como prezo para adquirir a muller; o sistema das castas; a cultura da falta de compromiso e da presuposta inestabilidade do vínculo; formas de feminismo hostil á Igrexa; fenómenos migratorios e reformulación da idea de familia; pluralismo relativista na concepción do matrimonio; influencia dos medios de comunicación sobre a cultura popular na comprensión da celebración do casamento e da vida familiar; tendencias de pensamento subxacentes na propostas lexislativas que desprezan a estabilidade e a fidelidade do pacto matrimonial; a difusión do fenómeno da maternidade subrogada (aluguer de úteros); novas interpretacións dos dereitos humanos. Pero, sobre todo, en ámbito máis estrictamente eclesial, a debilitación ou o abandono de fe na sacramentalidade do matrimonio e no poder terapéutico da penitencia sacramental.

A partir de todo isto compréndese a urxencia coa cal o episcopado mundial, cum et sub Petro, considera atentamente estes desafíos. Por exemplo, se só se pensa que no actual contexto moitos nenos e mozos nados de matrimonios irregulares non poderán ver xamais aos seus pais achegarse aos sacramentos, compréndese o grado de urxencia dos desafíos postos pola situación actual, doutra banda difundida ampliamente na “aldea global”, á evanxelización.

Esta realidade presenta unha singular correspondencia coa ampla acollida que está tendo nos nosos días o ensino sobre a misericordia divina e sobre a tenrura en relación ás persoas feridas, nas periferias xeográficas e existenciais: as expectativas que se derivan diso achega das decisións pastorais sobre a familia son moitas. Polo tanto, unha reflexión do Sínodo dos Bispos sobre estes temas parece tanto necesaria e urxente, canto imperativa, como expresión da caridade dos Pastores, non só fronte a todos aqueles que son confiados a eles, senón tamén fronte a toda a familia humana.

(Ver documento completo en Lvcensia, nº48)

 

Deixa un comentario

%d bloggers like this: