Santos padroeiros matrimonio?

San Cidre (labrador) e Santa María da Cabeza, Cacabelos

Na nosa sociedade e no Pobo de Deus apenas hai percepción ou conciencia de que haxa matrimonios santos. Mesmo un alumno de ESO cando escoitou que San Cidre estaba casado respondeu que os cregos non casan e incidía en que os casados non poden ser santos…

O mosteiro máis antigo da diocese de Lugo aínda habitado na actualidade ten a un matrimonio de santos como padroeiros. Cantos matrimonios da diocese o saben? Cantas persoas saberían como se chaman os membros dese matrimonio? Penso que son unha clara minoría os que o saben. Falo de San Xián e Santa Basilisa. Tamén é certo que non hai unha lápida ou un escrito que teñan unha breve explicación deste matrimonio ao que está encomendado o Mosteiro de Samos.

Que non se coñezan matrimonios cos dous membros canonizados tamén revela que a acción dos responsables da Pastoral Matrimonial na Igrexa española é bastante mellorable. Ten pouca explicación o feito de que sendo a maioría dos membros da Igrexa persoas casadas non haxa nos retablos dos templos imaxes conxuntas deses matrimonios. Ata parece que non se recoñece que o matrimonio é un dos sete sacramentos. Parece que se segue na liña daquel libro de espiritualidade da primeira metade do século XX que afirmaba: “O matrimonio é para a clase de tropa e non para o Estado Maior de Cristo”.

Voltamos a San Cidre que tanto se honrou na maioría das parroquias da diocese. Parece celebrarse coma se fose solteiro, e era casado con Santa María da Cabeza e tiveron descendencia. Por que non celebralos conxuntamente? Non se lles di no ritual matrimonial aos casados que son unha soa carne? Debemos ser conscientes de que na recepción do consentimento se lles di: “O que Deus xuntou, que non o separe o home”.

De igual maneira apenas aparecen xuntos María e Xosé como matrimonio que eran naquela aldea de Nazaré. Dende o 2013 a segunda pregaria eucarística menciona expresamente que a Virxe María e San Xosé son esposos.

Xa o pasado 21 de outubro de 2001 Xoán Paulo II por primeira vez beatifica conxuntamente a Luigi Beltrame Quattrocchi (1880-1951) e Maria Corsini (1884-1965), matrimonio de Roma. O Papa Francisco o 18 de outubro de 2015 tamén por primeira vez canonizou un matrimonio, o de Louis Martín e Marie-Zélie Guérin, os pais de Santa Teresita de Lisieux, que foran beatificados conxuntamente por Bieito XVI en 2008 en Lisieux.

A pastoral das dioceses e das delegacións de pastoral familiar-matrimonial teñen que poñer máis de manifesto a existencia de matrimonios santos (Xoaquín e Ana, Priscila e Aquila…) e promover que haxa máis imaxes conxuntas deles, como San Cidre e Santa María da Cabeza están no templo parroquial de Cacabelos. O matrimonio é camiño de santificación como testemuñan tantos matrimonios xa canonizados e outros que o poderían estar. Isto debe ser máis difundido na opinión pública.

O camiño de santificación do matrimonio non debe apartarse da vida laical como afirma o Compendio da Doutrina Social da Igrexa no nº 220: “O sacramento do matrimonio asume a realidade humana do amor conxugal con todas as implicacións e capacita e compromete aos esposos e aos pais cristiáns a vivir a súa vocación de laicos, e, por conseguinte, a buscar o Reino de Deus xestionando os asuntos temporais e ordenándoos segundo Deus”. Para esta acción secular sobre os asuntos temporais precisan dunha formación adecuada.

No proceso de beatificación conxunta na Igrexa hai, ao menos, dous matrimonios españois: O dos valencianos Manuel Casesnoves e Adela Soldevila, pais do primeiro alcalde socialista de Xátiva, e o dos madrileños Tomás Álvira e Francisca Domínguez.

Así que esa praxe de celebrar coma se fosen célibes aos que son casados convén que esmoreza. Non parece moi adecuado separar na vida cristiá o que Deus xuntou en matrimonio.

Antón Negro

Delegado episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: