Horto solidario dos alumnos do Seminario

Os alumnos do Seminario de Lugo non só reciben formación teórica sobre a solidariedade (unha das bases fundamentais inculcadas no centro) senón que tamén manteñen un horto solidario.

Os propios estudantes preparan a terra e plantan unha vintena de frutais e hortalizas como leitugas, tomates, pementos, verzas…

Miguel Leiva TorreiroÉ unha actividade coordinada polo profesor de Matemáticas e Tecnoloxía, Miguel Leiva Torreiro, na parroquia de Santa Comba, preto de Nadela. Outra plantación é unha leira que o Concello de Outeiro de Rei cedeulles para este fin no polígono industrial. Os rapaces collen o labor con ganas, aínda que acaben coas mans cheas de calos. Non deixa de ser unha actividade diferente, divertida, e cun fin solidario. O 90% da produción repártese entre a xente necesitada de Lugo e o 10% restante consúmese no Centro. Da parte que se doa, o 70% lévase a Cáritas parroquial de Lugo. O outro 30% da colleita vai ó comedor social de San Froilán.

Os participantes na actividade aprenden non só aspectos da natureza senón tamén de matemáticas (cando fan estatísticas da produción anual, por exemplo), química (reciclaxe, biodiésel…)

Por este horto solidario, os seminaristas recibiron en anos anteriores o premio Voz Natura.

[Páxina web da actividade]

Encontro vocacional e xornada de portas abertas do Seminario

O sábado 23 de maio de 11:00 h a 16:30 h. o Seminario organiza un día de convivencia para monagos e mozos que poidan ser futuros candidatos a seminaristas menores. Será un día no que os seminaristas están no Seminario, de modo que poidan ser eles os anfitrións e os que se encarguen de presentar esta realidade do Seminario aos que participen no encontro. [Inscrición no Encontro Vocacional]

“Portas Abertas” do Seminario Menor para as familias

O mesmo día a partir das 11:30 h. Iníciase unha xornada de “Portas Abertas” para as familias ou outras persoas interesadas en coñecer de cerca o Seminario Menor, a súa proposta educativa, as súas instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria… Haberá unha primeira presentación e saúdo no Salón de actos e logo, posteriormente, unha visita guiada ás instalacións, para que o conxunto non se estenda máis aló das dúas horas de duración. A ela poden unirse, pois, tanto familias dos que veñen ao Encontro como outras persoas interesadas.

Xornada de portas abertas no Seminario o día 11

Seminario lucense

A Xornada de Portas Abertas é unha iniciativa do Seminario Diocesano dirixida fundamentalmente ás familias e a outras persoas interesadas en coñecer de cerca o Seminario, particularmente a proposta educativa e o funcionamento do Seminario Menor. Constará dun saúdo no Salón de Actos, coa presentación xeral do Seminario Menor, e despois unha visita guiada ás instalacións, coa presenza de algúns profesores e seminaristas como anfitrións.

Este primeiro encontro de Portas Abertas para o curso 2015-2016 terá lugar o sábado 11 de abril, a partir das 11 da mañá, e cunha duración aproximada de dúas horas. Posteriormente, a finais de maio, haberá un encontro dirixido aos rapaces futuros posibles candidatos ao Seminario, para unha xornada de convivencia. Seguramente tamén naquela data se ofertará de novo unha experiencia de Portas Abertas para as familias que o desexen.

Celebración de Santo Tomé no Seminario

Santo Tomé 2015 003

O día 28 o Seminario celebrou a festa de Santo Tomé de Aquino. Os actos comezaron ás sete da tarde cunha Eucaristía na capela maior presidida polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. E sobre ás oito na aula magna do centro houbo unha conferencia sobre “Santa Teresa, Mestra de Experiencia” a cargo do especialista en Santa Teresa de Xesús e editor das súas obras, o P. Salvador Ros García ocd.

Día do Seminario: “Coñece, axuda, reza, ven”

Copia de Día do seminario

 Este ano a celebración é o día 16, por ser laborable o día 19.

O Seminario, especialmente o Menor, é un ben moi grande que se ofrece ás familias e aos mozos. É un recurso educativo de primeira orde que pode resultar de gran interese para quen desexe unha educación cristiá integral, e, por tanto, tamén vocacional.

A Diocese lucense ten unha tradición de Seminario, e moi especialmente de Menor, longamente arraigada. Iso permitiu que neste momento, mentres outras dioceses pensan abrilo ou reabrilo, Lugo conte agora mesmo cun Seminario Menor activo, con 41 seminaristas, persoal e instalacións. É un recurso enorme á disposición da sociedade.

Este lugar educativo está pensado para que os mozos que na infancia ou a adolescencia senten a chamada ao sacerdocio poidan crecer e madurar. E para que outros moitos, que desexan unha educación cristiá, poidan recibila con este específico sentido vocacional.

Notas identificativas (especialmente do Seminario Menor):

– Unha comunidade cristiá-vocacional

 – Un internado (preferentemente)

 – Un centro de estudos (para cursar ESO e BAC)

– Unha realidade que existe en vistas ao Seminario Maior

Apostas:

  – Unha formación académica de calidade

– Unha proposta clara da vida cristiá-eclesial-vocacional

– Un acompañamento persoal específico

[Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: