Sentimos morrer e revivir a nosa sociedade

Amoréansenos toda unha serie de sentimentos no corazón ante o «caos» no que vivimos, que ás veces non somos nin conscientes de que xa comezou novembro. Onde están o resto de meses? Parecería que se esfumaron do calendario. Pero mentres viviamos encerrados nas nosas casas as horas máis cheas de promesas e bos desexos do mundo (iamos cambiar, dicían), os días seguían transcorrendo coa mesma celeridade de sempre.

Impresionoume hoxe cando me comentaban dun artigo dun xornal italiano que trataba daqueles mozos do 68 que saían á rúa a reivindicar un cambio. Xa era inasuimble para aqueles mozos seguir aceptando un estilo de vida, un conxunto de normas que non podían definilos nin atrapalos. Reivindicaban unha «liberdade». E é curioso -que voltas dá a vida!- que aqueles mozos que clamaban por saír e por non vivir atados a nada, sexan agora quen forman parte do grupo de risco da nosa sociedade. É lóxico, xa que os anos pasan.

Hoxe en clase os meus alumnos encerelláronse nun debate sobre a posibilidade de quen debería vivir nun hospital cando só pode atender a un dos dous casos: unha persoa nova ou unha xa maior. É doado adiviñar por quen se decantaba todo o mundo. Pero o seu docente aínda lle deu outra volta á pregunta: que a persoa nova, sen sabelo previamente á decisión, puidese morrer uns meses despois e que o maior fose o seu avó (o dos alumnos, claro). O única conclusión que saquei é que cando falei da dignidade non quedou tan claro o concepto.

Moita xente morreu de coronavirus. E a cifra non permanece estática, senón que, de día en día, vemos como continúan morrendo tantas persoas cunha historia e un rostro que vai máis aló dun simple número. Porque reducir a vida das persoas a cifras lémbranos máis aos terribles episodios do pasado onde tantos xenocidas chegaron ao poder. Aí, as persoas eran un cero á esquerda. Non podemos repetir o desprezo que aqueles fixeron. Detrás de cada número no rexistro de falecidos hai unha familia que chora a quen xa non está con eles.

Os meus alumnos debateron sobre a morte dunha persoa sen ter claro que todos e cada un dos seres humanos deste planeta teñen unha dignidade que debe ser sempre protexida. O coronavirus puxo sobre a mesa -de novo- o debate actual de se debemos salvar ou non aos maiores. E no medio da pandemia escoitabamos atónitos como avanzaban na cámara parlamentaria os trámites para a lei da eutanasia. E si, aqueles mozos do 68 son agora ese grupo de risco que se atopa na difícil perspectiva de serlles negada a axuda para salvarse se os medios son limitados e hai que elixir. Que non teñen por que ser eles, é obvio, do mesmo xeito que se pode dar o caso de que non se teña que volver decidir.

Entón pediron liberdade. Agora poderían volver quitarlla. Vemos morrer a nosa sociedade ante unha decisión que descarta xente, que compara vidas, que nega memorias e historias, que non fala o idioma da dignidade. E verémola revivir cando non se cuestione un don tan grande como o feito de seguir arrincando follas do calendario coa mesma liberdade durante toda a existencia da persoa. Porque aínda que pasen os meses ou os anos, todos temos o mesmo dereito a vivir.

Que caos! E o noso corazón, mentres, pendente do cambio constante das normativas, sacudido pola incerteza, angustiado pola economía, a distancia dos seus próximos, afogado ás veces na súa soidade… Se sobrevivimos á pandemia, quedarannos aínda moitas materias pendentes.

Nicolás Susena

Delegado de Pastoral Familiar

[Texto orixinal]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: