Somos un pobo que camiña

O día 12 de outubro celebramos a festa relixiosa da nosa Señora do Pilar e a festa civil do Día da Hispanidade. É habitual que a Igrexa, por medio das festas dos santos ou da Virxe María, estea presente nos grandes acontecementos da sociedade civil. O que é importante para as persoas tamén o é para Deus. Como este ano coincide en domingo, teremos a oportunidade de celebrar máis conscientemente a dimensión relixiosa.

Este ano celebraremos este día coa sensación de que iso da hispanidade é un concepto que non está demasiado claro. Parece que o desexo de independencia dalgunhas comunidades autónomas e grupos de pensamento contrasta coa globalización que actualmente predomina no mundo.

Xa case non hai fronteiras para a información nin para os produtos de consumo, pero cada vez hainas maiores para as persoas. Estamos utilizando a riqueza das distintas linguas e tradicións culturais para separarnos, no canto de unirnos.

A palabra “Hispanidade” fálame dun pobo que camiña unido e ao que nin a inmensidade do océano conseguiu poñer fronteiras. Pero actualmente teño a sospeita de que non é así.

Tanto as ideas de ‘hispanidade’, referida á sociedade civil, como a de ‘comunidade’, referida aos membros da Igrexa e seguidores de Xesucristo, non están moi de moda.

Preferimos facer sós o camiño porque tememos contaminarnos dos “ébolas” dos demais, ou que a oración, se é de moitos e por moitos xuntos, non chegue suficientemente a todos.

Como sempre, podemos acudir á Virxe María, na advocación do Pilar. Ela, sempre atenta aos seus fillos, mostraranos o camiño que leva a Xesucristo.

Déixovos dúas cancións que me inspiraron a reflexión anterior:

http://www.youtube.com/watch?v=VJulvJVzeuI

http://www.youtube.com/watch?v=IVrKSK7l9jY

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: