José Luis Pérez Mudarra, misioneiro segrar

O 6 de xaneiro na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo) fíxose o anuncio formal do envío a misións dun dos seus fregueses. Trátase de José Luis Pérez Mudarra.

José Luis, cooperador salesiano, ten desde hai varios anos a idea de ir a misións, pero por motivos laborais e outros non podía facer realidade tal idea. En maio do 2019 xubilouse e decidíu que era o momento de ir a misións. Estivo preparándose na asociación salesiana Madreselva. Hai algo máis de un mes, Misioneros Seglares Vicencianos (Misevi) fíxolle a proposta de ir a Angola e agora está no período de formación con Misevi. Unha circunstancia favorable para a comunicación coa xente de Angola é que alí utilízase o portugués.

Será a miña primeira experiencia como misioneiro segrar e espero que resulte positiva. Eu desde logo vou con moitas ganas. Espero nun tempo breve facerme co idioma e con toda a xente” José Luis Pérez Mudarra

O 7 de febreiro ás 12:30 h será a Misa de envío na Parroquia San Francisco Xavier, Lugo, e a partida a Angola o 28 de febreiro.

[Información sobre a misión en Angola]

Día de oración e xaxún en memoria dos misioneiros mártires

O 24 de marzo de 2020 celébrase o vixésimo oitavo día de oración e xaxún en memoria dos misioneiros martirizados.

É unha cita que se converteu nun punto de referencia para quen ven o martirio en odium fidei non como un mero sacrificio senón como o cumprimento dunha vida no seguimento de Cristo.

O lema do día é: “Namórate e vive”. Unha mensaxe con varios significados. Un, a paixón por Deus Pai e as súas criaturas. Outro significado: un imperativo real, o legado que os mártires recibiron do Noso Señor ao transmitilo hoxe. Só aqueles que se namoran están dispostos a abandonar o superfluo para captar a esencia da vida con ese propósito. Esta promesa non é só unha esperanza para o futuro, senón sobre todo unha garantía para o presente.

O mártir namorouse dunha causa, dun pobo, porque mirou a través dos ollos do Evanxeo e decidiu vivir por esa causa, por esas persoas. Cando alguén namora dunha causa pode vivir plenamente e atopar a súa vocación.

Mesmo despois da morte, os mártires seguen sendo para sempre un signo de amor e vida.

Durante o ano 2019 foron asasinados 29 misioneiros. Ver informe

O meu paso polo Congreso de Laicos

Representantes da Diocese de Lugo no Congreso

Tiven a sorte de asistir ao Congreso de Laicos co grupo da Diocese de Lugo, e desde a miña pertenza a Misevi (Misioneiros Segrares Vicencianos), tocoume acompañar nunha das liñas temáticas do primeiro anuncio: Países de Misión, onde Misevi compartía a súa experiencia.

Poder compartir desde a asociación e a diocese é algo de agradecer ao Espírito, xa que ás veces no noso modo de vivir a fe, parecería que facemos incompatible a nosa pertenza á parroquia ou á diocese, coa pertenza a un determinado grupo ou asociación.

Creo que este simple feito recolle moitas das palabras que soaban forte no Congreso: sinodalidade, comunidade, forza do Espírito, a misión do laico, Igrexa en Saída.

Para min foi unha alegría, que se reflexionase sobre o laico misioneiro, en países de misión. Saíron liñas de reflexión moi interesantes, como o recoñecemento que nos debe a Igrexa a todos os niveis aos laicos misioneiros, a corresponsabilidade no envío, a necesidade de dar a coñecer esta vocación concreta. Espero que o documento final, onde se nos van a lanzar os retos podamos ver estas pinceladas sobre a misión.

E como laica da miña diocese, vexo tamén unha clara chamada a darlle a isto un aire novo, este é o noso momento!!! Así que toca saír de vellos esquemas, e desánimos e tratar de darlle un pouco de vida ao apostolado segrar de Lugo. Botamos de menos a moita xente, neste grupo que representabamos aos laicos de Lugo, e quizá sexa o momento de xuntarnos, e ver realmente como vivir este pos-congreso, como tomar os retos que os laicos de España lanzan. Así que o Espírito pronto nos chamará a todos, abramos o corazón, e deixémonos guiar, porque de nós depende que a reflexión deste Congreso, non sexa unha reflexión máis, senón que sexa unha faísca que reavive o noso ser laicos.

Ana López Castaño

[Relatorios do Congreso]

Conferencia da misioneira Rosa Mª de los Reyes

Dentro da Campaña contra a Fame 2020 de Mans Unidas, a misioneira Rosa Mª de los Reyes pronunciou unha conferencia o 3 de febreiro no Seminario. Explicou a situación da cidade na que vive Mbuji-Mayi, na República Democrática do Congo. Alí dá clase de Biblia no Seminario, é formadora de profesores de Relixión e colabora co centro salesiano Muetu Don Bosco de reinserción de nenos vulnerables. Sobre o país dixo que é rico pero moi maltratado. Hai diamantes, e aínda que non son cualificados “diamantes de sangue” como en Serra Leoa (onde houbo guerras a causa das pedras preciosas) si hai mortes, sobre todo nos pozos de onde nenos, mozos e adultos extraen artesanalmente diamantes e o problema está nos afundimentos, que acaban coas vidas de quen están traballando dentro.

Tamén falou Rosa Mª de los Reyes do Seminario Maior de Cristo Rei Kasayi Theologicum / Malole, en concreto das condicións de vida dos seus alumnos, que son as mesmas cás do pobo: sen auga, sen electricidade, sen unha dieta variada…

Charla de Ana López Castaño sobre a súa experiencia como misioneira

O 28 de outubro a misioneira segrar vicenciana Ana López Castaño deu a charla titulada “Como vivir a misión hoxe?”. Condensou os 12 anos de experiencia en Bolivia e Honduras achegando 3 claves:

– Esquecerse dun mesmo. Se para describir a colaboración que un fai nas misións, na Parroquia… inclúense as expresións “Eu…, para min….” hai que revisar a actitude.

– Descóbrese a apertura ao outro, algo necesario nun mundo no que cada vez máis estamos pechándonos a realidades como as migracións, a soidade dos maiores.

– Abrirse a outras ideas en vez de refuxiarse en que “sempre se fixo así”

E hai outros 3 puntos necesarios para levar adiante o anterior:

– felicidade e alegría profundas

– comunidade

– oración

Finalmente, Ana López Castaño fixo un chamamento para estar pendentes de Bolivia, ao bordo da guerra civil, e de Honduras, que tampouco pasa por un bo momento social.

A %d blogueros les gusta esto: