13 de maio, Día da Unión Mundial das Organizacións Femininas Católicas (UMOFC)

Este ano conmemorarase de maneira especial, pois o 13 de maio as mulleres da UMOFC están convidadas a unha audiencia privada co Papa Francisco, que se dirixirá a elas cunha mensaxe que escoitarán persoalmente e despois transmitirán a todas as mulleres católicas do mundo.

Eucaristía con motivo do Día da Muller

 

O vindeiro martes, 7 de marzo ás 19:30h na parroquia da Milagrosa (Lugo) celébrase unha Eucarística con motivo do Día da Muller.

Ao finalizar, lerase na praza da Milagrosa o manifesto que dá a coñercer a iniciativa “Igrexa polo Traballo Decente” e que asinan Cáritas, Conferencia Española de Relixiosos, Irmandade Obreira de Acción Católica, Fundación Juan Soñador, Xuventude Obreira Cristiá, Xustiza e Paz, Taller de Solidariedade e Xuventude Estudante Católica.

.

 

Día Internacional da Muller Traballadora

Con motivo do Día Internacional da Muller, Mans Unidas quere poñer o foco nas mulleres empobrecidas, as máis vulnerables e castigadas pola desigualdade imperante no mundo, que condena á fame e a pobreza a millóns de persoas. Unha desigualdade que Mans Unidas está a denunciar coa súa campaña «A nosa indiferenza condénaos ao esquecemento».

[Vídeo]

Pola súa parte, Cáritas lanza a iniciativa “Elas Somos Nós”, para visibilizar as situacións de exclusión que sofren as mulleres ás que Cáritas acompaña grazas á voz dun grupo de mulleres comprometidas coa igualdade de oportunidades.

[Vídeo]

A Irmandade Obreira de Acción Católica de Galicia e a Mocidade Obreira Cristiá difunden un manifesto baixo o título “Derrubemos os muros da precariedade e a desigualdade que vivimos as mulleres traballadoras”. Nel comprométense a “seguir construíndo, na nosa Igrexa e no mundo, a comunidade de iguais que Xesús creou; e, como aquelas mulleres discípulas que anunciaron a súa resurrección, seguir comunicando a esperanza nos nosos ambientes, promover a xustiza social, os dereitos humanos”.

[Manifesto]

Día da Muller Traballadora

Ante o Día da Muller Traballadora a Irmandade Obreira de Acción Católica e a Xuventude Obreira Católica emiten un comunicado no que, despois de presentar a actual situación laboral da muller, fan un chamamento para acabar coas circunstancias que “non permiten desenvolvernos de maneira integral como persoas libres e iguais coa dignidade que nos outorga ser fillas e fillos de Deus”.

A Xuventude Obreira Católica e a Irmandade Obreira de Acción Católica, considéranse “chamados a celebrar este Día e a dicir si, do mesmo xeito que no seu momento fixo María, ao compromiso pola creación dun mundo novo”.

[Manifesto]

Pola súa banda, Cáritas alerta de como a pandemia está a aumentar as graves vulnerabilidades ás que as mulleres se teñen que enfrontar cada día tanto nos ámbitos económico e social como educativo. Por iso, Cáritas insta ás Administracións públicas, aos responsables políticos, aos axentes económicos e sociais, á comunidade cristiá e á sociedade no seu conxunto a promover unha educación en igualdade que erradique a transmisión interxeracional da desigualdade entre homes e mulleres na que se basea o actual sistema.

[Cáritas]

E para Mans Unidas non é admisible que, a pesar de que as mulleres conforman a metade da poboación mundial, sigan sendo obxecto de múltiples discriminacións, exclusión e gran vulnerabilidade. No ano 2020, Mans Unidas aprobou 45 proxectos, por importe de 2,7 millóns de euros, destinados, especificamente, a traballar polos dereitos das mulleres e a equidade. Iniciativas que beneficiaron de maneira directa a máis de 84.000 mulleres.

[Mans Unidas]

Actos en Lalín pola eliminación da violencia contra a muller

Na parroquia Santa María das Dores de Lalín pregarase por tódalas vítimas da violencia contra a muller na Misa das 20h.00 do vindeiro sábado día 25. Ademáis o martes 21 de novembro, colocarase na fachada da igrexa un lazo en lembranza e apoio a tódalas mulleres vítimas da violencia e de condena aos violentos. Este lazo, que permanecerá colgado durante toda esta semana, foi doado por un comercio local.

Segundo o párroco de Lalín, Marcos Torres, “é evidente que a Igrexa está en contra da violencia pero é preciso e moi urxente reiterar, con tódolos medios posibles, que o maltrato é un pecado moi grave. Hai que deixar claro, unha vez máis, que Igrexa Católica é un lugar seguro, unha familia onde calquera vítima atopará respecto e acollida. Oxalá que con estes pequenos xestos, que manifestan unha realidade máis fonda, axudemos a destrozar, dunha vez para sempre, a satánica espiral do silenzo que aínda pesa sobre esta realidade.”

A %d blogueros les gusta esto: