Concerto “Misa na honra do Apóstolo Santiago” de Xoán Montes

O domingo 20 de outubro ás 20 h na igrexa de San Pedro (Lugo) ten lugar o concerto “Misa na honra do Apóstolo Santiago” de Xoán Montes. As agrupacións corais que actúan son:

Cantar Delas, dirixido por Fernando G. Jácome

Coro do Hospital de Lugo, dirixido por Fernando G. Jácome

Coro Fingoi, dirixido por Nicolás Ravelli

Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández

Solo Voces, dirixido por Fernando G. Jácome

Ademais, e dirixido por Nicolás Ravelli, intervén Coro Lucense e Terra Nova – Xove Orquestra, entidade organizadora do concerto.

A música é un don de Deus

Santa Icía no cadeirado do coro da Catedral de Lugo

O pasado día 22 celebrabamos a festividade de Santa Icía, patroa da música. É un deses patronazgos cos que calquera pode sentirse identificado, pois a música é un fenómeno universal e cotián, presente en infinidade de ámbitos, parte fundamental de acontecementos e celebracións, así como unha das artes máis populares e accesibles. Dez coros da nosa cidade reuniámonos aquel mesmo día na Catedral de Santa María, lugar de secular vinculación coa música, para que a festa dos músicos non pasase en silencio. Outros moitos músicos, escolas e asociacións da provincia uníanse tamén a esta celebración.

Santa Icía é unha das santas máis celebradas e veneradas do ano litúrxico cristián, pois alcanzou por amor a Xesús a dobre palma da virxinidade e do martirio. Sabemos que foi unha nobre romana que viviu no século III, casada co nobre Valeriano, quen tamén abrazou a fe en Cristo. En tempos de dura persecución, os dous mozos foron condenados á morte polo prefecto de Roma, Turcio Alamacchio, por dar cristiá sepultura aos mártires cristiáns nas catacumbas. As súas actas martiriais, escritas algúns séculos despois, relátannos como durante o seu longo e cruel martirio, culminado o 22 de novembro de 230, Icía converteu a moitos dos que estaban detrás da súa execución, incluíndo ao notable Máximo.

A tradición -máis que a propia historia- converteu a Cecilia en patroa da música, pois o día da súa voda “mentres soaban os órganos”, cantaba no seu corazón “garda, Señor, o meu corazón e o meu corpo inmaculado, para que non me confunda”. Algunhas das máis belas representacións da arte pictórica e escultórica móstrannos a Icía rodeada de anxos, querubíns e serafíns, tanxendo instrumentos ou cantando as loas divinas. Na nosa Catedral Francisco de Moure representouna de maneira exquisita nun dos asentos do coro, a comezos do século XVII.

Santa Icía ensínanos que a música é un don de Deus. As artes, e quizais de maneira especial a música, son un reflexo -unha reverberación- da inefable beleza creada por Deus que o noso corazón soña. A música non é só un impacto estético, senón tamén unha linguaxe que nos axuda a comprender a grandeza e profundidade do noso corazón. Algún dos personaxes máis grandes da historia foron músicos, e nas súas composicións e interpretacións podemos recoñecer algunha das expresións máis profundas e xeniais do sentimento humano. Tamén a través do canto “oramos dúas veces”, como dicía San Agostiño, conmovidos porque Deus quixo facerse un de nós para a nosa salvación. Por iso cantar é unha verdadeira forma de pertencer á Igrexa.

Con ocasión da festa de Santa Icía pidamos máis e máis música, pois tamén da boa música nace a harmonía, a beleza, o gusto, o sentido e a certeza que tanto necesita o noso mundo.

Luis Varela Castiñeira

Cóengo da Catedral de Lugo

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova interpreta “Stabat Mater” de Haydn

O  sábado 1 de abril ás 18:30 h na Catedral a Xove Orquestra de Lugo Terra Nova interpretará “Stabat Mater” de F. J. Haydn e o domingo 2 de abril na igrexa de San Pedro de Lugo ás 20 h. A dirección musical corre a cargo de Nicolás Ravelli Barreiro. Ademais de membros do Coro Xove de Lugo, tamén intervirán membros do Coro Colexio Fingoi, Cantar Delas, Sólo Voces e Coro do Hospital de Lugo.  Actuarán 3 sopranos solistas: Paloma Suanzes, Elsa Roldán e Emilia Pérez, dúas MezzoSopranos: Carolina Bardas e Andrea Rey Gil e como voces solistas masculinas: Luis Barrios, Lucas López e Pablo Nieves

Música na Catedral de Lugo

O venres 22 de novembro, festividade de Santa Icía, patroa da música, na Eucaristía das 20 h da Catedral intervirán distintos coros da cidade. Os participantes son: Cantar Delas, Conxunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral Ecos do Miño, Coral do Hospital Xeral Calde, Coral Xolda, Coro de Fingoi, Grupo Vocal Solo Voces, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes e a Schola Gregoriana Lucensis.

Consideracións sobre o papel do compositor e do artista en xeral

Trátase só de apuntamentos, de pensamentos soltos, xurdidos da reflexión sobre o servizo que presto como organista litúrxico e docente de Historia da música sacra na Facultade teolóxica de Lugano, de opinións persoais reforzadas pola lectura dos meus autores máis queridos, desde Aristóteles até San Tomé de Aquino, desde Gadamer até Ratzinger, por nomear só a catro deles.

Ao artista Deus chámao polo seu nome, ten un papel natural no servizo divino. Pero pasa a vivir unha posición precaria, innatural e problemática cando esta relación orixinal interrómpese: de feito, como estudoso da música, resúltame doado notar como a ruptura desta relación esencial sexa un evento moi recente.

Podo afirmar que vivir plenamente o papel de músico entregado ao servizo litúrxico, como organista e como compositor, é unha experiencia que libera ao artista e ao mesmo tempo permítelle realizar plenamente a súa vocación. Velaí algunhas consecuencias diso:

a. A conciencia da importancia do propio traballo obriga ao artista a pór toda a súa enerxía no servizo, igualando e transcendendo a dedicación absoluta que o mito romántico (difícil de morrer) atribúe ao artista, coa diferenza de coñecer este perfectamente as razóns de tal abnegación. Refírome a unha formación completa, un estudo constante, un porse ao día continuamente sobre as linguaxes e as tendencias artísticas do presente, un esforzo de axeitar cotidianamente o servizo ás esixencias pastorais.

b. O servizo sacro libera ao artista da obriga da novidade e da obra mestra, obrigación que é a primeira consecuencia da ruptura da relaciòn orixinal, e que produciu xeracións de artistas neuróticos e atormentados. A obrigación de cumprir co servizo divino libera ao artista da parálise da páxina en branco. O artista, consciente de empregar toda a súa ciencia na obra sacra, pon ante Deus con humildade aquilo que pode dar no presente do servizo, sen ter que pensar no futuro da propia obra.

c. O servizo sacro devolve o artista ao diálogo natural co pasado, co presente e co futuro. Os alumnos das capelas musicais aprendían a arte dos seus mestres e á súa vez chegaban a ser mestres. Co tempo o estilo cambiaba, pero sen a urxencia e a preocupación de facer algo novo. A relación co tempo afástase así, xa sexa do antihistoricismo da Ilustración, o cal cancelaba o pasado para refundar en continuación, xa sexa do historicismo do Oitocentos, que ás veces resultaba paralizador (pola excesiva consciencia da grandeza do pasado), como nota Nietzsche na segunda Consideración Inactual.

Outra historia é a posibilidade efectiva para un músico de poder traballar hoxe en día deste xeito nunha igrexa, mais aquí o discurso esténdese sobre quen se ocupan das igrexas e das liturxias que teñen lugar nestas…

Giulio Mercati

Giulio Mercati dará un concerto de órgano na Catedral de Lugo o 25 de setembro ás 20:45h. [Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: