Un cura non é un funcionario

A reorganización pastoral que está facendo a Diocese de Lugo afecta a todos os niveis: institucións e organismos diocesanos, arciprestados, zonas pastorais, parroquias etc. No mundo rural trátase de crear unidades pastorais que están formadas por un conxunto de parroquias cercanas e coa mesma idiosincrasia, onde se trata de buscar unha igrexa que resulte máis axeitada para reunir aos fieis, e formar unhas comunidades cristiás vivas e participativas tanto para a educación da fe como para as celebracións dos sacramentos, os servizos caritativos e os distintos compromisos das comunidades cristiás. A reorganización pastoral é máis que unha reorganización administrativa: é esencialmente unha proposta evanxelizadora adecuada aos momentos actuais.

Polo tanto, cando hoxe se pensa facer cambios de sacerdotes para pedirlles novos e distintos servizos eclesiais para ben da Igrexa e dos fieis, debe terse na mente o mapa da Diocese de Lugo, que contén 1.139 parroquias, con moitas diferencias de poboación e xeográficas. Na distribución do clero trátase de que en todas as zonas vaiamos tendo sacerdotes que leven a cabo a misión evanxelizadora das comunidades cristiás que forman a nosa Igrexa Diocesana.

Cando hai un cambio dos sacerdotes sempre se teñen en conta os principios internos e externos da vida eclesial, que poidan levar adiante a misión que plantexa o sacramento da Orde Sacerdotal e dunha maneira organizada, tal como regula o dereito canónico.

Cando se lles pide un traslado para un novo servizo eclesial, os responsables diocesanos falan sempre con cada un dos sacerdotes  para que, dialogando, expresen con liberdade o seu parecer sobre dito servizo.

Os sacerdotes son Ministros do Señor enviados pola Igrexa a través do Supremo Pastor da Diocese, que sempre é o Bispo, para que realicen a misión evanxelizadora da Boa Nova de Xesucristo. Por iso, o sacerdote reúne unhas características que o fan distinto;  é máis que un funcionario. Tampouco un sacerdote é o dono das parroquias nin estas son donas do sacerdote. Este vai para realizar a misión evanxelizadora por un tempo que se vexa oportuno. O seu ministerio sacerdotal é un don de
Deus para as comunidades cristiás e para o mundo. Ás veces toca no mundo rural, e outras nas urbes, ou en cargos eclesiásticos, ou no ensino, no servizo caritativo, nos hospitais, nos cárceres…

Por iso na vida sacerdotal e relixiosa sempre hai que ter unha liberdade, unha xenerosidade, un desprendimento en todas as dimensións para cumprir ben a misión do Evanxeo. Na vida práctica hai que preparar varias veces a maleta para os cambios, cousa que non ocorre na vocación de moitos leigos.

Luis Manuel Rodríguez,

Vicario de Coordinación Pastoral da Diocese de Lugo

A fe e o traxe do emperador

Estamos comezando un novo ano. Sempre é tempo de facer bos propósitos. Pero antes permítanme facer aquí, publicamente, unha autocrítica que creo necesaria. Despois, noutros artigos, xa farei os propósitos.

Supoño que todos coñecen o argumento do traxe novo do emperador. É o conto dun emperador afeito a vestir ben que cría levar o mellor dos traxes cando en realidade ía espido, vítima do engano duns estafadores. Ninguén se atrevía a dicirlle nada para non quedar mal con el, ata que un neno, na súa inocencia, é o primeiro en dicir gritando aos catro ventos que o emperador ía espido. Aínda así, o mandatario seguiu coma se nada pasase, quizais aínda máis altivo que antes, con tal de non recoñecer en público que se equivocou e que fora vítima dunha gran estafa, malia que todos rían del.

Confeso que lembro moitas veces este conto cando vexo algunhas cousas que facemos os curas que, con boa intención, tratamos de achegar aos fieis das nosas parroquias a Xesucristo. A intención é boa, sen dúbida, pero non todo vale co pretexto da evanxelización. Facemos cousas e cousas, movidos por impulsos pouco reflexionados e nada consultados, coas que provocamos risas e burlas por mor da nosa inxenuidade.

Dóeme cando os sacerdotes non conseguimos responder ás necesidades dos fieis, porque estamos perdendo o tempo en cousas que ninguén nos pide e a ninguén interesan. Tamén me doe cando non conseguimos facer ben e dun modo digno aquilo que se nos pide para que a fe do noso pobo sexa máis auténtica e dea un sentido pleno á súa vida e á súa morte.

Quizais por un respecto mal entendido, ninguén se atreve a dicirnos ás veces que imos espidos, que as cousas non son así, e que a realidade do mundo dista moito da pequena realidade na que ás veces vivimos os curas.

Cando non axudamos a poñer as bases da fe para que se produza o tan ansiado encontro con Xesucristo, as cerimonias quedan só nunha parafernalia que xa poucos comprenden, aínda que calen, e que outros critican esaxeradamente, quizais con bastante razón.

Lamento non dispoñer das habilidades para poder transmitir, máis aló do meramente externo, o que supón a fe para min. Algo que, por outra banda, é bastante sinxelo: o acontecemento do encontro con Xesucristo resucitado na Igrexa. Quizais me falte moita coherencia para que unha cousa leve á outra e as miñas palabras sexan cribles.

Nun escrito publicado con anterioridade, invitaba a ver a Igrexa desde dentro. Sigo crendo o mesmo, pero hoxe engado algo máis: tanto se xa están dentro da Igrexa coma se van entrar, aínda que só sexa para curiosear ou ver algunha obra de arte, fagan un esforzo para sobrepoñerse a todo o secundario e traten de buscar a Xesucristo en todo, nas persoas e nas cousas.

Asegúrolles que esforzo facemos, pero está claro que en algo, ou en moito, estamos fallando. Ou quizais teña que pensar que isto da fe é cousa duns poucos. Entón son moi afortunado, asegúrollo.

Miguel Angel Álvarez Pérez, Párroco de San Froilán

Fonte: falandobaixino.es

Acábanse os curas e/ou os habitantes de Lugo?

Con frecuencia atopamos escritos nos xornais que falan da diminución  dos curas e afirman que a Igrexa Católica se está quedando sen curas e que, por tanto, estes son unha especie en vías de extinción. Esta visión pesimista pode ser verdade se só ollamos o mundo que temos diante dos narices. Aquí imos mirar a realidade cunha perspectiva máis ampla:

1º. Na Igrexa Católica os curas non están en descenso, nin moito menos, pois se vemos o número de curas dos últimos anos temos que: en 1985 había 407.458 sacerdotes, no 2001 xa eran 409.716 e no 2012 pasouse a 418.550 polo que se refire a suma dos bispos, máis clero secular e clero regular.

Con estes datos, quen pode soster que se acaban os curas na Igrexa Católica? E iso que non incorporamos á suma os Diáconos Permanentes, nos que a súa evolución neses anos é: 12.541 en 1985, 29.204 en 2001 e 40.914 no 2012.

Si é verdade que a proporción dos cregos de ordes relixiosas (clero regular) diminuíu de 150.161 en 1985 a 138.619 no 2001 e 135.072 no 2012, pero o aumento do clero secular compensa e fai que o número total sexa maior. Isto dá para unha interesante reflexión que non hai espazo aquí para facer.

2º. Si é verdade que descendeu moito o clero na diocese lucense e tamén nas outras de Galicia. Pero non é menos certo que tamén está xa a descender a poboación, que centrándonos só na provincia de Lugo temos que en 1940 eramos 545.128 habitantes, en 1981 baixamos a 405.365 e no 2010 xa somos só 353.504 e menos mal que lles sumamos 14.176 inmigrantes estranxeiros.

Ler máis

Haberá sacerdotes na Igrexa no futuro?

Así se titulaba un libro de M. Camisasca aparecido fai algún tempo. Parece unha adiviña sen sentido, e, con todo, cuestiona algo que nos interesa a todos.
O libro leva por título unha soa palabra: Pai. E con iso, en realidade, xa responde. Estamos celebrando o mes e o día do Seminario; non será infrecuente recibir estes días, nos medios ou nas parroquias, a invitación a rezar, colaborar e interesarnos pola importancia desta realidade diocesana que forma aos futuros sacerdotes.
Os «cantos de sirenas» que soan por todas as partes, ata na propia Igrexa, non poucas veces repiten que camiñamos cara a un novo tempo no que o sacerdocio xa non sería necesario, dada a madurez da nosa fe. E os inicios indicaríaos xa a escaseza de vocacións (nos nosos contextos). Convén recordar ante todas estas sisudas consideracións un punto esencial: non somos nós quen inventamos o sacerdocio. Quíxoo no mundo Xesucristo. Chamando aos primeiros discípulos, escollendo aos Doce e iniciando unha cadea ininterrumpida de testemuñas que chega ata os nosos días, é o mesmo Cristo quen fixo posible que existan sacerdotes. E non adoita cambiar de opinión. quixo, si, que existan homes no mundo que, por amor e seguimento seu, deixen todo para entrar nun servizo, nun ministerio, que ben podería resumirse coa palabra antes citada: Pai. Ou con outra tamén coñecida: Pastor.

E aquí está, en efecto, unha primeira gran resposta ao interrogante que formulamos ao comezo. Como escoitei dicir fai un tempo ao Abade Xeral do Císter, M. Lepori, «a miseria máis grande do home de hoxe, e de todos os tempos é a de estar perdido sen pastor». Non atopar quen che acompañe no camiño da vida, quen che sinale a Vida, quen che invite a facer da vida un camiño, en lugar de sentar a esperar que outros, sexan forzas humanas ou «divinas», resolvan as nosas cousas. Porque non se vive só a golpe de milagres, fannos falta pais e pastores, que neste vital sentido, fagan concreta para nós, onte hoxe e mañá, a caridade de Xesús cara á nosa vida. Nada hai máis humano que isto, nada máis necesario tamén hoxe, nada máis urxente. Porque as preguntas multiplícanse, vivir sen rumbo, sentido ou esperanza é un risco que ameaza a moitos, e por iso nada necesitamos máis que atopar e ser acompañados por un pastor que o é porque mira e segue ao Pastor. Esa compañía e o poder camiñar, aínda que sexa un centímetro cada día, é a cifra do ben da nosa vida, máis decisiva ata que a solución concreta dos problemas cos que moitas veces nos medimos. Escribiuno A. de Saint Exupéry: «O mundo enteiro apártase ao pasar un home que sabe onde vai».

Neste asunto, pois, non valen medias lecturas nin miradas recortadas. Haberá sacerdotes non porque o diga eu, os astros ou as estatísticas, senón porque neles quixo concretar Xesucristo e a súa compañía á nosa vida, onte, hoxe e mañá.

David Varela

Reitor do Seminario

Reunión dos curas das parroquias do Camiño de Santiago na Diocese de Lugo

Os curas que atenden as parroquias do Camiño de Santiago na Diocese de Lugo mantiveron unha reunión no seminario o pasado día 27 de novembro. Despois de analizar as distintas actuacións levadas a cabo dende a última xuntanza e de manifestar os logros de deficiencias atopadas, presentaron as novidades para o vindeiro ano. É de salientar a incorporación de José Criado como novo Delegado de Santuarios en Peregrinacións, en sustitución de José Otero, que seguirá a colaborar nestas tarefas como asesor.

20121127-204716.jpg

20121127-204806.jpg

A %d blogueros les gusta esto: