Hoxe é Venres Santo

Que celebramos en Venres Santo? Hoxe é o primeiro día do Triduo pascual. Pola paixón e morte de Cristo comeza a Pascua ou o tránsito do Señor. É tempo de silencio, de oración persoal e de participación nas celebracións para contemplar a Xesús, o Cristo, que coa súa paixón e morte inaugura novos tempos vencendo definitivamente a morte de toda a humanidade. Todos os ritos deste día son extraordinarios. Sublíñase nestas celebracións, a intensa diferenza externa que se percibe entre a austeridade da liturxia do Venres Santo e o carácter extraordinariamente festivo da próxima noite e do día de Pascua.

O día de Venres Santo todo o celebrativo é sobrio e silencioso. En cambio, a partir da noite e do día de Pascua, todo é festivo e alegre. Deste xeito, a Igrexa trata de expresar a Pascua de Cristo e unir a ela a propia Pascua ou “tránsito” dos fieis cristiáns da morte á vida, do pecado á graza, da debilidade da condición humana á compañía e á vida do Resucitado. As mesmas cores litúrxicas simbolizan este tránsito: do morado ou negro ao branco relucente.

Ao contemplar a Cristo, neste día, miramos ao homo patiens, ao home doente e ao Deus crucificado. E ao seu carón, a nai dolorosa con bágoas nos seus ollos, sufrindo intensamente o tráxico acontecemento.

Na Salve Regina rezamos: “a ti suspiramos, xemendo e chorando neste val de bágoas”. Esta pregaria que procede da nosa querida terra lucense e composta na nosa catedral polo bispo S. Pedro de Mezonzo, ante a imaxe da Virxe dos Ollos Grandes, reflicte a saudade, a melancolía e a tristeza da nosa realidade galega e con ela expresamos a propia experiencia dos nosos devanceiros da dureza da vida. Tamén isto explica a dor e o sufrimento da Semana Santa. Xeracións de crentes viron reflectidos nos nosos cristos sufrintes e na beleza das nosas dolorosas, a propia realidade da súa existencia. As bágoas de Deus bríndannos a forma máis radical do amor de Deus que lonxe de volvernos cegos ante o sufrimento alleo agudizan a nosa mirada e espabilan a nosa conciencia para facernos cargo solidariamente da dor dos máis pobres e necesitados.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Hoxe é Xoves Santo

Que celebramos o Xoves Santo? O Xoves Santo conclúe a Coresma e iníciase, nas últimas horas deste día, o santo Triduo pascual. Celebramos a misa vespertina da Cea do Señor (que inclúe tamén o rito do lavatorio dos pés) e que, a semellanza das primeiras Vésperas das solemnidades, constitúe como o pórtico ao Triduo pascual. O carácter propio deste día é, pois, o dunha introdución aos días santos do Triduo. Pero sempre baixo o prisma do Sacramento da Eucaristía que rememora e fai presente o Misterio pascual da morte e resurrección de Cristo, misterios que se celebrarán con solemnidade especial nos días do Triduo pascual. Sublíñanse nesta celebración do Xoves Santo, con gran tradición e devoción na Cidade do Sacramento, “a institución da Eucaristía, a institución do Sacramento da Orde sacerdotal e do mandato do Señor Xesús sobre a caridade fraterna”. Agora ben, se é verdade que o Xoves Santo celébranse a institución da Eucaristía e do sacerdocio, e tamén o día do amor fraterno, o gran día da Eucaristía, o día en que debe celebrarse coa maior solemnidade e expresividade, é a Noite santa de Pascua e o domingo (Día do Señor), xornadas nas que se dá grazas polo triunfo xa realizado de Cristo e pola súa vitoria sobre a morte. Neste sentido, o Xoves Santo é porta e profecía do que será a Pascua de Resurrección. Feliz Triduo pascual a todos.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese

Semana Santa

Xesús, o Señor, ensinounos como “partir” o Pan da Mesa para ser “compartido”.

Non nos furtou o seu propio Venres Santo, acompañando e fortalecendo así o sufrimento humano, e iluminándoo co resplandor da súa Resurrección. Non nos priva da “noite escura”, de tantas noites escuras, e si nos acompaña nela e nelas.

Como todas, tamén esta inminente Semana Santa ofrécenos a graza de poder contemplar a Cristo en tantos xestos que nos deixou como sinal da súa vida e da súa entrega, da súa Redención.

Estamos nun percorrido por un camiño de transfiguración persoal e eclesial mediante a escoita daquel que nos fala; de austeridade, sabendo renunciar ao superfluo e utilizando ben os bens necesarios; de compartir o mellor de nós mesmos e xaxuando de todo aquilo que nos distancia e enfronta.

Celebremos esta Semana Grande da nosa fe participando nos oficios propios da Semana Santa, e vivenciando unha vez máis o gozo do Resucitado na celebración da Vixilia Pascual e do Domingo de Resurrección.

Parroquia do Bo Pastor, Lugo

Apóstolos da rúa

O Congreso Nacional de Irmandades e Confrarías de Semana Santa, celebrado na cidade e diocese de Barbastro, no mes de febreiro, definiuse ás Confrarías, e máis concretamente aos confrades, como “apóstolos da rúa”.

Paréceme unha definición lúcida e expresiva para esclarecer a identidade actual dos confrades e das Confrarías, que asume a invitación do Papa a ser Igrexa en saída. Como apóstolo entendemos á testemuña, ao “enviado” a anunciar e vivir o evanxeo. Iso significa a palabra apóstolo. Confrade é, pois, a testemuña de Xesucristo e da Igrexa, que, dando por verdadeira a súa coherencia fe e vida, maniféstao concretamente na rúa. Cando se recorta ou se discute a presenza relixiosa nos ambientes públicos e preténdese recluír á clandestinidade e ao silencio a vida cristiá, os confrades, e as Confrarías, portan público testemuño da súa fe e amor a Deus. “Só desde a fe enténdese a Semana Santa na súa integridade e só con fe poden vivirse estes días santos como confrade”, escribiu Monseñor Sánchez Monje, sendo bispo en Mondoñedo.

En Semana Santa abundan imaxes de xentes que fan o seu descanso nas praias, fan turismo evasivo ou se achegan, curiosos, aos desfiles procesionais desde o interese cultural ou simplemente estético e costumista.

Pero hai outra maneira de celebrar a Paixón, Morte e Resurrección de Xesucristo. É a maneira “confrade”. A Semana Santa confrade busca encher da luz da fe as rúas escuras da vida e facer palpitar, con ardoroso entusiasmo, ao corazón crente ou ao simple espectador afastado. Verdadeiramente, é isto o máis valioso do confrade na rúa: mover o corazón, espertar os sentidos, tocar a alma e axudar a crer. Evanxelizar.

Cristos, Virxes, escenas bíblicas… son portados con fe no foro público. As procesións son manifestacións públicas da fe, “escolas populares da fe para os fieis e talleres de santidade para os confrades”, escribiu Benedito XVI. Por iso é polo que deben acompañar claramente a experiencia de fe e amor de quen portan e veneran como confrades esas imaxes da piedade cristiá. Cada Confraría exterioriza a verdadeira relixiosidade popular, catequese en acción que revela o testemuño vivo do amor de Cristo na súa Morte e Resurrección, e o da súa Santísima Nai.

Reforcemos as nosas confrarías, participemos nelas, coidémolas, porque “sendo fermento e fermento evanxélico difundides a mensaxe da salvación, e fortalecendo a presenza confesante na vida pública, con coraxe e sen complexos, podedes achegar unha extraordinaria riqueza á Nova Evanxelización.” (Benedito XVI). Esa é a meta da Semana Santa confrade e da vida confrade.

Daniel García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras

[Artículo en castellano]

Retransmisión das celebracións de Semana Santa desde a Catedral de Lugo

O Bispo de Lugo presidirá as celebracións na Catedral sen a presenza do pobo. Retransmitiranse as celebracións por Youtube, na canle da Diocese de Lugo co seguinte horario:

MÉRCORES SANTO – Misa Crismal – 17 h Bendición dos Santos Óleos.

XOVES SANTO – Misa da Cea do Señor – 17 h

VENRES SANTO – Celebración da Paixón do Señor – 17 h.

SÁBADO SANTO – Vixilia Pascual – 20 h.

DOMINGO DE PASCUA – Santa Misa – 12:30 h

A %d blogueros les gusta esto: