Teño necesidade de Ti

Matt Maher

27 de xullo de 2013. Río de Janeiro. Preto de tres millóns de mozos reunidos co Papa Francisco para orar. E foi durante a exposición do Santísimo onde diversos autores católicos interpretaron algunha das súas cancións para axudarnos na oración. Foi entón cando o canadense Matt Maher cantou o seu “Lord, I need you“  (Señor, Teño necesidade de Ti).

O documento do Concilio Vaticano II que dedica algúns dos seus números á música é a Sacrosanctum concilium. No número 112 dinos que a finalidade da música sagrada «é gloria de Deus e a santificación dos fieis». E o beato Paulo VI dicía nun discurso aos músicos polo día de Santa Icía que «se a música -instrumental ou vocal- non posúe ao mesmo tempo o sentido da oración, da dignidade e da beleza, impídese a si mesma a entrada na esfera do sagrado e do relixioso».

Pois ben, creo que Matt Maher soubo captar nunha canción o que moitas veces nós expresamos na nosa oración de petición e súplica, cando nos sentimos esmagados polas dificultades e non sabemos como avanzar, ou cando o pecado nos arrastra lonxe da amizade con Xesucristo. Pero vou engadir unha cousa sobre a canción: Cristo vive por amor a nós. Como di San Agustín nas súas Confesións: «O home, pequena parte da túa creación, quere loarche. Ti mesmo incitas a iso, facendo que atope as súas delicias na túa loanza, porque nos fixeches para Ti e o noso corazón está inquedo mentres non descansa en Ti». É coma se Deus necesitase de ti e de min.

Xa ves, querido lector, que a música é un instrumento moi útil para verbalizar aquilo que levamos no corazón e ás veces non sabemos como expresar. Non cansemos nunca de poñernos ante Deus tal e como somos, dicirlle estas ou outras palabras e deixarnos abrazar polo seu amor misericordioso, que ten o seu xesto máis concreto no sacramento da reconciliación. Dille que o necesitas, o desfeito que estás, que perdiches a esperanza ou cales son as túas tentacións; pero logo déixache tocar por El, que Deus sae ao teu encontro a través de tantas persoas que nos coidan, que nos queren, da súa Igrexa, os seus ministros, os sacramentos… E que Xesús sexa sempre a esperanza onde decidamos permanecer.

Nicolás Susena Presas

Diácono da Parroquia da Milagrosa de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: