Peregrino, benvido a estas terras

Os nosos pobos multiplican a súa vida coa vosa presenza. De verdade enchedes a nosa terra e rúas coa vosa aventura, benvidos.

Sodes un pouco a nosa escola. De vós aprendemos a mirar a vida como un espazo no que cabemos todos. Santiago ensínanos, e axúdanos a baleirarnos de inutilidades e a lembrarnos que a vida é vida se ten unha meta.

Traédesnos aires de fe e de procura de paz de todos os recunchos de España, de todo o mundo. O Apóstolo Santiago segue convocando desde o silencio da súa tumba a vivir a frescura do evanxeo, o sentido profundo da vida, a revitalizar as raíces que nos sosteñen.

Non hai límite para as vosas idades. Emociónanos ver desde nenos de peito pegados ás súas nais, ata anciáns; a mendigantes de saúde, a buscadores de algo ou de Alguén.

A sorpresa salta cando se vos escapan as razóns do voso peregrinar: “fágoo pola miña esposa que quixo facelo, pola miña nai que xa non pode”; “búscome a min mesmo”, “desafíanme as pegadas de miles de antigos peregrinos”.

Credes no milagre do camiño e non vos poden as dificultades: sorrides ante o vendaval e a choiva, facedes fronte ao cansazo e ao soño, porque o voso soño é axoenllarse ante Santiago: “aquí estou”.

Pedídesnos as igrexas abertas (non sempre é posible), a vosa presenza na bendición do peregrino é un momento de ceo, sabedes descansar no silencio do templo, e chega a vós o eco: ULTREIA

Falaredes destas terras e de tantos lugares do Camiño como do mellor dos trofeos: “foi marabilloso”. Diredes ante o cansazo de cada día: PODO, afírmao a compostelana.

Contaredes que o encontro con tanta xente encantadora ensanchou o voso corazón, non somos illas senón unha gran familia cunha mesma patria. NON es estraño nunca porque sabes compartir cansazos, comedor, descanso e dormitorio. Vólveste aquel neno que fuches cando confiabas en todos os que sorrían, falas todos os idiomas: o do amor.

As nosas terras quérenvos, querémosvos e agradecémosvos todo o que nos ensinades. Se en algo nos distraemos ao recibirvos pedímosvos perdón. Agradecémosvos que nos faledes desas mañás ou horas en que o camiño sorprendeuvos e deu resposta á vosa inquietude. Grazas.

Frei José Estévez. Mercedario

Imaxe: Cathopic.com

Deixa un comentario

%d bloggers like this: