Un tesouro por descubrir

foto_Francisco_MoreirasAbonda con achegarnos a unha pequena ermida ou unha gran catedral para decatarnos dos magníficos tesouros que os nosos antepasados, con esforzo, ofrecían a Deus para darlle gloria. Podemos contemplar grandes edificios destinados ao culto, obxectos sagrados, de materiais nobres, pinturas de grandes artistas, grandiosas composicións musicais para acompañar a liturxia, entre outras moitas cousas. Todo isto considerámolo como un gran tesouro, xa non tanto polo seu valor económico senón polo legado de fe que os nosos predecesores profesaban a Deus e que nós herdamos e gozamos actualmente.

Dentro da Igrexa tamén gozamos doutros tesouros, quizais menos valorados e coñecidos, os tesouros espirituais. Fai uns días, falando nas parroquias dun ano santo xubilar dicía que nos permite, entre outras cousas, gañar as indulxencias plenarias ou parciais ao noso favor ou a favor dos nosos defuntos, cumprindo cos requisitos establecidos. En certo momento unha persoa comentoume que pensaba que iso xa non existía, pois facía moito tempo que ninguén lle falaba das indulxencias.

Un gran tesouro descoñecido para moita xente. As indulxencias pertencen ao grupo dos sacramentais que, como nos di o Código de Dereito Canónico no número 1.166, son «signos sagrados cos que, imitando dalgún xeito aos sacramentos, exprésanse efectos, abrigo espirituais, obtidos pola intercesión da Igrexa».

En paralelo ás indulxencias e tamén no grupo dos sacramentais, atopamos a auga bendita, as bendicións de persoas, lugares e cousas, o escapulario…; e de relixiosidade popular: o Santo Rosario, a visita a santuarios, vía crucis, entre outras.

Que é a indulxencia? Na nosa vida diaria somos indulxentes en multitude de ocasións; os pais cos fillos, os mestres cos seus alumnos e ata, de cando en vez, escoitamos como o Goberno indulta a determinados presos, é dicir, perdóanselle as penas correspondentes polo delito cometido.

Un exemplo: se alguén comete un delito ten a culpa e a pena. A culpa de cometer o delito e a pena que debe cumprir por cometelo (cárcere, servizos á comunidade, etc.). Se trasladamos á nosa relación con Deus, é semellante; se alguén comete un pecado ten a culpa e a pena, a culpa ante Deus por faltar ao seu amor e a pena polo pecado cometido.

As indulxencias, tesouro espiritual da igrexa, permítennos xa que logo «a remisión ante Deus da pena temporal dos pécados xa perdoados». (Catecismo, número 1.471)

Hai moitos devocionarios que nos explican como e cando se poden lucrar as indulxencias, quizais o sacerdote da súa Parroquia ou nunha libraría católica poida atopalos. Este sacramental é froito do amor de Deus, que busca o mellor para os seus fillos. Coñezámolo.

Francisco Moreiras

Sacerdote de Melide

1 comentario en “Un tesouro por descubrir

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: