Vicente Altaba diríxese ao voluntariado de Cáritas Galicia

O Delegado Episcopal de Cáritas Española, Vicente Altaba, diríxese ao voluntariado de Cáritas na comunidade galega

Cando me poño diante deste folio disposto a facervos chegar un saúdo no Día Internacional do Voluntariado, o primeiro que me vén á mente é comezar cunhas palabras de agradecmento a todas e todos vós polo que significades para Cáritas e polo excelente servizo que de xeito tan eficaz como calado e xeneroso ofrecedes día a día aos empobrecidos. Con todo, cando de xeito máis reflexivo entro na miña propia experiencia intentando falarvos de corazón a corazón, de voluntario a voluntario, vexo a necesidade de cambiar as miñas palabras e de comezar poñendo de manifesto a experiencia máis fonda que levamos dentro e que nos fai sentir cada día que somos nós os primeiros que nos sentimos profundamente agraciados e agradecidos polo don que significa ser voluntarios.

Si, hoxe é un día para proclamar e celebrar que ser voluntarios de Cáritas é unha graza, un don, un agasallo, unha profunda sorte. É unha sorte ter ollos abertos para ver o sufrimento dos pobres, oídos atentos para escoitar o seu clamor e corazón sensible para conmovernos. É un agasallo saír da nosa cova, das nosas comodidades e seguridades, deter o ritmo absurdo dunha vida vivida só para nós mesmos, e poñer o que somos e temos ao servizo dos irmáns tirados ao bordo do camiño, dos que máis necesitan, dos que son ignorados e esquecidos. E é unha graza experimentar que, detrás do clamor dos máis débiles e pobres, sentímonos chamados por un Deus que ten entranas de amor, que se conmove ante a pobreza e o sufrimento humano e convócanos a facer presente o seu Reino construíndo unha nova humanidade en que os excluídos poidan integrarse nunha soa familia humana, sentarse cos irmáns á mesa e vivir con dignidade.

Esta dimensión global da identidade do voluntariado de Cáritas estase vendo rubricada nos últimos anos co impulso das experiencias de quen están dispostos a verificar a súa gratuidade no seo doutras Igrexas onde a nosa Confederación desenvolve a súa cooperación fraterna. Esta opción polo voluntariado internacional nace da mesma esencia da Igrexa que vive a caridade universal e sen barreiras.

Desde esta conciencia agradecida e universal, hoxe é tamén un día oportuno para renovar o gozo da vocación á que fomos chamados na Igrexa e no mundo: Ser instrumentos da graza para difundir o amor de Deus e facer presente na nosa historia o rostro misericordioso do «Deus dos humildes, o defensor dos pequenos, apoio dos débiles, refuxio dos desvalidos, salvador dos desesperados» (Xud 9,11). Un día para renovar o gozo do noso servizo, a gratuidade da nosa entrega e dicirlle unha vez máis ao Señor: Aquí estou, disposto e agradecido porque no servizo aos pobres quixeches contar comigo.

Pero aínda que non a busquedes, quero ter tamén convosco unha palabra de agradecimento. Grazas, con palabras do díptico institucional, por cambiar a mirada da realidade, descubrir as capacidades das persoas que están ao voso redor, os tesouros escondidos nas persoas máis excluídas e vulnerables, e poñer en movemento as vosas capacidades. Grazas por non esperar que outros cambien e mobilizarvos facendo vosa a esperanza de quen anhelan ter un espazo humano e digno na sociedade. Grazas por non ceder á rutina, por formarvos e renovarvos permanente no voso servizo e construír espazos de esperanza. Grazas porque ademais de asistir aos pobres, traballades pola xustiza e por transformar as estruturas que xeran a pobreza e a exclusión.

E quero terminar cunha invitación: Non esquezamos nunca que a fonte e o sentido do noso servizo está na nosa configuración con Xesucristo e que o máis importante que podemos ofrecer aos pobres -como el fixo-, é a vida feita don e posta aos seus pés no servizo. Para iso, di Francisco, “fai falta un espazo interior que dea sentido ao compromiso2 (EG 262). Sirvamos, pois, aos pobres desde unha profunda espiritualidade, como discípulos-misioneiros de Xesucristo. Non nos deixemos roubar a espiritualidade!

Un saúdo moi afectuoso e sincero a todos de Vicente Altaba

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: