O Delegado Episcopal de Cáritas Española, Vicente Altaba, diríxese ao voluntariado de Cáritas na comunidade galega
Cando me poño diante deste folio disposto a facervos chegar un saúdo no Día Internacional do Voluntariado, o primeiro que me vén á mente é comezar cunhas palabras de agradecmento a todas e todos vós polo que significades para Cáritas e polo excelente servizo que de xeito tan eficaz como calado e xeneroso ofrecedes día a día aos empobrecidos. Con todo, cando de xeito máis reflexivo entro na miña propia experiencia intentando falarvos de corazón a corazón, de voluntario a voluntario, vexo a necesidade de cambiar as miñas palabras e de comezar poñendo de manifesto a experiencia máis fonda que levamos dentro e que nos fai sentir cada día que somos nós os primeiros que nos sentimos profundamente agraciados e agradecidos polo don que significa ser voluntarios.
Si, hoxe é un día para proclamar e celebrar que ser voluntarios de Cáritas é unha graza, un don, un agasallo, unha profunda sorte. É unha sorte ter ollos abertos para ver o sufrimento dos pobres, oídos atentos para escoitar o seu clamor e corazón sensible para conmovernos. É un agasallo saír da nosa cova, das nosas comodidades e seguridades, deter o ritmo absurdo dunha vida vivida só para nós mesmos, e poñer o que somos e temos ao servizo dos irmáns tirados ao bordo do camiño, dos que máis necesitan, dos que son ignorados e esquecidos. E é unha graza experimentar que, detrás do clamor dos máis débiles e pobres, sentímonos chamados por un Deus que ten entranas de amor, que se conmove ante a pobreza e o sufrimento humano e convócanos a facer presente o seu Reino construíndo unha nova humanidade en que os excluídos poidan integrarse nunha soa familia humana, sentarse cos irmáns á mesa e vivir con dignidade.
Ler máis
Gústame esto:
Gústame Cargando...