Xa lles vale ás oligarquías nacionalistas!

As oligarquías que ocupan o poder nas autonomías máis ricas do país din que son solidarias co resto de España, incluso algunha chega a afirmar que España lle rouba, pero espero que ó final deste escrito se vexa  que iso non é certo. O pobo galego e os pobres galegos, igual que os doutras partes de España, con bo olfacto cheiran que non lles convén converxer cos proxectos das oligarquías nacionalistas vasca e catalá, tampouco coa madrileña, por diversas razóns:

a) Non existen, ou polo menos non están na opinión pública, investigacións que calculasen a importante achega económica das rexións empobrecidas de España ás enriquecidas a través das migracións inmigrante chega para traballar e antes hai que pagarlle no lugar de orixe: 1. A escolaridade obrigatoria (custe anual de 5231 € segundo datos do Ministerio) mesmo o Bacharelato e Universidade 2. Os custos sociosanitarios 3. Os coidados maternos e familiares 4. A manutención, vestido… Non esquezamos que das rexións empobrecidas saíron centos e centos de miles de emigrantes cara ás enriquecidas.

b) Moitos migrantes entre as rexións españolas, ó xubilarse, volven ós seus lugares de orixe, contando nos orzamentos do Estado como gasto nas rexións empobrecidas, ademais afórranlles custos sanitarios ás rexións enriquecidas cando é máis grande ese gasto porque coa idade acumúlanse os achaques. Por que non sumar este custo a onde crearon riqueza?

c) O IVE é un imposto ó consumo. Está transferido ás Comunidades Autónomas o 50 % da súa recadación líquida, pero págase onde están as industrias produtivas. Os impostos á produción son os das actividades económicas, sociedades, etc. Así sucede que Andalucía recibe o mesmo ca Madrid e dous puntos porcentuais menos ca Cataluña a pesar de ter dous millóns ou un millón de cidadáns máis. Isto fai que as rexións ricas lles rouben ás pobres con guante branco, un espolio dos ricos ós pobres!

d) O domicilio social das grandes empresas está nas rexións enriquecidas e pagan os salarios máis altos nas sedes centrais. Así mesmo xuntan aí os beneficios e pagan os impostos correspondentes, mentres que nas delegacións se quedan nada máis que coas migallas. Infrasoldos ós máis pobres e sobresoldos ós máis enriquecidos!

e) A industrialización vasca e a catalá fíxose con política proteccionista, o que levou a que as outras rexións tiveran que pagar máis eses produtos e máis dificultade para exportar os seus. Tamén pagar e subvencionar unha serie de investimentos e actividades a favor desa industrialización. E nin un agradecemento para os que pagaron a súa industrialización!

Por todo isto habería que elaborar os orzamentos do Estado doutra maneira, para que os máis pobres de España non se sigan empobrecendo, á vez que enriquecen ós xa enriquecidos. Xa abonda coas ansias de acaparar e aumentar prebendas por parte das oligarquías nacionalistas. Xa está ben de abusar e manipular!

Sería xusto e desexable que a Universidade tivera máis paixón pola verdade (especialmente as Facultades de Económicas) e que se sinta urxida a servir máis á xustiza e ós pobres neste campo, para que deixe de servir á parte de España máis opresora.

Esta análise sería corporativa e egoísta se non ampliamos a visión para ver a realidade desde os países máis empobrecidos, ós que lles estamos quitando as mellores persoas en deportes (Messi, Suárez, Neymar, James…), artes, ciencia… e espoliando a través das actividades económicas. O catedrático de Electrónica da Universidade de Málaga, Alfonso Gago, fixo un estudo sobre os investigadores nas ciencias e tecnoloxías máis innovadoras, que publican nas revistas máis especializadas e solventes, e atopou que:

“Case o 70%  nacera no terceiro mundo. Máis do 65% realizou alí os seus estudios primarios e secundarios e case o 60% os universitarios, financiados polos impostos dos pobres do terceiro mundo. Apenas chegaba ó 10% os que realizaran a súa tese doutoral nas universidades do terceiro mundo. Apenas pasaba do 3% os que traballaban actualmente en universidades do terceiro mundo”. O estudo confirmaba con clarividencia que o fenómeno da fuga e roubo de cerebros era moito máis frecuente e intenso do que imaxinaban.

Así é fácil de entender que os pobres na Biblia sexan os preferidos de Deus, teñan que ser os preferidos da Igrexa e tamén de toda persoa honesta.

Antón Negro

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: