Protagonismo dos pobres na súa liberación

No artigo anterior, “Pobreza herdada”, lembraba ao Papa Francisco chamando a unir as Xornadas Pontificias nun “Día Mundial dos Pobres” (19-XI-2017), na liña do que ben dicía León Bloy: “a máis tremenda das maldades é a de oprimir aos febles, aos que non poden defenderse”

O compromiso cos pobres, presente na historia da Igrexa, hoxe debe asumir a súa liberación segundo di San Xoán XXIII en Mater et Magistra: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben ser os mesmos interesados”. (nº 144).

Cando esta se publicou o cardeal Herrera Oria escribiulle ao Papa dicíndolle que había un erro de tradución, pero o Papa respondeulle que non había erro de tradución, en tal caso sería un erro do Papa (iso lle oín varias veces ao seu amigo persoal Julián G. del Castillo).

Fai anos un mozo, amigo persoal meu, preguntoulle a Jon Sobrino nun coloquio se el estaba de acordo con que os pobres son os protagonistas da súa liberación como dicía o Papa. Contestoulle que “os pobres e máis outros”, que se pode traducir como que os pobres precisan líderes, guieiros… como sosteñen moitos dirixentes e intelectuais.

Defender o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación é ensinanza oficial na Doutrina da Igrexa. Ollemos esta clara clave para analizar  todas as realidades económicas dos Estados e Institucións Sociais: “Hai que avaliar as decisións (de política económica) á luz do que fan POR os pobres, do que fan Aos pobres e do que posibilitan que os pobres fagan POR SI mesmos. O criterio moral fundamental para tódalas decisións, políticas e institucións económicas é o seguinte: As mesmas deben estar ó servizo de todos e especialmente ao servizo dos pobres”. (Bispos USA, Xustiza Económica para Todos, nº 24). Lembremos que non é o mesmo permitir ca POSIBILITAR.

Este protagonismo está recoñecido en moitos lugares, por exemplo, nos estatutos da 1ª Internacional: “Considerando que a emancipación dos traballadores ten de ser obra dos traballadores mesmos” (Xenebra, setembro de 1866).

A pobreza non é só material, senón tamén cultural e de illamento das persoas. Por iso a historia do Movemento Obreiro lémbranos o seu berro: “Contra a ignorancia, libros!, e contra a miseria, Asociación!”. Traballar seriamente nestes dous ámbitos é a acción máis importante que podemos realizar para a liberación dos empobrecidos.

A formación, “a elevación cultural” da que falaba Xoán XXIII, é básica nos procesos de liberación humana. Poden axudar a entendelo as palabras de García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo Fuente Vaqueros-Granada, que comeza coas palabras de Xesús:

“NON SÓ DE PAN VIVE O HOME. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría MEDIO PAN E UN LIBRO… Ben está que tódolos homes coman, pero que tódolos homes saiban. Que gocen tódolos froitos do espírito humano porque o contrario é convertelos en máquinas ao servizo do Estado, é convertelos en escravos dunha terrible organización social…”. (setembro 1931)

A importancia da Asociación está contida na proposta de Vida Comunitaria que fai a Igrexa, porque cremos nun Deus Trinitario, Comunitario, e somos sociais por natureza. Por iso é de todo lóxico que manifestacións dos obreiros fosen baixo a pancarta: “Asociación ou morte!” (exemplo: Barcelona 3-VII-1855). Nos inicios do Movemento Obreiro tiñan claro que a forza dos pobres é a solidariedade, e a Asociación debe ser a canle organizada da solidariedade.

Para compartir cos empobrecidos o seu proceso de liberación, obriga de xustiza, é necesario atoparse vitalmente e desde a Fe con eles como dicía o Papa Francisco na convocatoria para dita Xornada: “Se realmente queremos atopar a Cristo, é necesario que toquemos o seu corpo no corpo chagado dos pobres, como confirmación da comuñón sacramental recibida na Eucaristía…” (nº 3)

Todos deben recoñecer este protagonismo dos pobres na súa liberación, e especialmente os que traballamos entre eles e con eles, se non queremos facelos dependentes e colonizados. É sabio Bieito XVI ao dicir: “Así como a subsidiariedade (protagonismo da persoa e grupos pequenos) sen a solidariedade desemboca no particularismo social, tamén é certo que a solidariedade sen a subsidiariedade acabaría no asistencialismo que humilla ao necesitado”. (Cáritas in Veritate 58)

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Xa lles vale ás oligarquías nacionalistas!

As oligarquías que ocupan o poder nas autonomías máis ricas do país din que son solidarias co resto de España, incluso algunha chega a afirmar que España lle rouba, pero espero que ó final deste escrito se vexa  que iso non é certo. O pobo galego e os pobres galegos, igual que os doutras partes de España, con bo olfacto cheiran que non lles convén converxer cos proxectos das oligarquías nacionalistas vasca e catalá, tampouco coa madrileña, por diversas razóns:

a) Non existen, ou polo menos non están na opinión pública, investigacións que calculasen a importante achega económica das rexións empobrecidas de España ás enriquecidas a través das migracións inmigrante chega para traballar e antes hai que pagarlle no lugar de orixe: 1. A escolaridade obrigatoria (custe anual de 5231 € segundo datos do Ministerio) mesmo o Bacharelato e Universidade 2. Os custos sociosanitarios 3. Os coidados maternos e familiares 4. A manutención, vestido… Non esquezamos que das rexións empobrecidas saíron centos e centos de miles de emigrantes cara ás enriquecidas.

b) Moitos migrantes entre as rexións españolas, ó xubilarse, volven ós seus lugares de orixe, contando nos orzamentos do Estado como gasto nas rexións empobrecidas, ademais afórranlles custos sanitarios ás rexións enriquecidas cando é máis grande ese gasto porque coa idade acumúlanse os achaques. Por que non sumar este custo a onde crearon riqueza?

c) O IVE é un imposto ó consumo. Está transferido ás Comunidades Autónomas o 50 % da súa recadación líquida, pero págase onde están as industrias produtivas. Os impostos á produción son os das actividades económicas, sociedades, etc. Así sucede que Andalucía recibe o mesmo ca Madrid e dous puntos porcentuais menos ca Cataluña a pesar de ter dous millóns ou un millón de cidadáns máis. Isto fai que as rexións ricas lles rouben ás pobres con guante branco, un espolio dos ricos ós pobres!

d) O domicilio social das grandes empresas está nas rexións enriquecidas e pagan os salarios máis altos nas sedes centrais. Así mesmo xuntan aí os beneficios e pagan os impostos correspondentes, mentres que nas delegacións se quedan nada máis que coas migallas. Infrasoldos ós máis pobres e sobresoldos ós máis enriquecidos!

e) A industrialización vasca e a catalá fíxose con política proteccionista, o que levou a que as outras rexións tiveran que pagar máis eses produtos e máis dificultade para exportar os seus. Tamén pagar e subvencionar unha serie de investimentos e actividades a favor desa industrialización. E nin un agradecemento para os que pagaron a súa industrialización!

Por todo isto habería que elaborar os orzamentos do Estado doutra maneira, para que os máis pobres de España non se sigan empobrecendo, á vez que enriquecen ós xa enriquecidos. Xa abonda coas ansias de acaparar e aumentar prebendas por parte das oligarquías nacionalistas. Xa está ben de abusar e manipular!

Sería xusto e desexable que a Universidade tivera máis paixón pola verdade (especialmente as Facultades de Económicas) e que se sinta urxida a servir máis á xustiza e ós pobres neste campo, para que deixe de servir á parte de España máis opresora.

Esta análise sería corporativa e egoísta se non ampliamos a visión para ver a realidade desde os países máis empobrecidos, ós que lles estamos quitando as mellores persoas en deportes (Messi, Suárez, Neymar, James…), artes, ciencia… e espoliando a través das actividades económicas. O catedrático de Electrónica da Universidade de Málaga, Alfonso Gago, fixo un estudo sobre os investigadores nas ciencias e tecnoloxías máis innovadoras, que publican nas revistas máis especializadas e solventes, e atopou que:

“Case o 70%  nacera no terceiro mundo. Máis do 65% realizou alí os seus estudios primarios e secundarios e case o 60% os universitarios, financiados polos impostos dos pobres do terceiro mundo. Apenas chegaba ó 10% os que realizaran a súa tese doutoral nas universidades do terceiro mundo. Apenas pasaba do 3% os que traballaban actualmente en universidades do terceiro mundo”. O estudo confirmaba con clarividencia que o fenómeno da fuga e roubo de cerebros era moito máis frecuente e intenso do que imaxinaban.

Así é fácil de entender que os pobres na Biblia sexan os preferidos de Deus, teñan que ser os preferidos da Igrexa e tamén de toda persoa honesta.

Antón Negro

Dez actitudes necesarias segundo a instrución pastoral “Igrexa, servidora dos pobres”

A Conferencia Episcopal Española publica o 27 de abril a instrución pastoral Igrexa, servidora dos pobres tras ser aprobada na súa 105ª Asamblea Plenaria.

Dez actitudes necesarias segundo devandita instrución pastoral son as seguintes:

1. A apertura á transcendencia pode formar unha nova mentalidade política e económica que axude a superar a dicotomía absoluta entre a economía e o ben común social. O Evanxeo ilumina o cambio e infunde esperanza.

2. Ser boa noticia para os pobres implica poñerse en actitude de conversión.

3. Os pobres non só serán destinatarios do noso servizo, senón motivo do noso compromiso, configuradores do noso ser e noso facer.

4. É moi importante unir acción e contemplación, loita pola xustiza e vida espiritual.

5. A Igrexa chámanos a un compromiso social transformador das persoas e das causas das pobrezas, que denuncie a inxustiza, que alivie a dor e e ofreza propostas concretas.

6. O medio máis eficaz de levar a cabo esta tarefa no ámbito social é, en primeiro lugar, o testemuño da nosa vida, sen esquecer o anuncio explícito de Xesucristo.

7. Os principais obstáculos para conseguir superar pobreza non son técnicos, senón económicos e políticos.

8. Non a esta economía que esquece aos que menos teñen, que os descarta. Non á indiferenza globalizada.

9. Agradecemento, polo esforzo tan xeneroso que fan institucións de Igrexa como Cáritas, Mans Unidas, Institutos de Vida Consagrada -que realizan un gran labor no servizo da caridade con nenos, novos, anciáns, etc-; e outras moitas.

10. Perseveranza: Malia a crecente desigualdade e as demandas cada día maiores que presentan á Igrexa os pobres, continuarase no esforzo por superar a situación e manter viva a esperanza.

[Ver documento completo]

Cáritas colabora cos enfermos de ébola. A Diocese de Lugo felicita a Teresa Romero

A Diocese de Lugo fai público o seguinte comunicado:

“A Diocese de Lugo quere expresar a súa alegría sincera pola curación de Teresa Romero, orixinaria dunha das nosas parroquias, na que segue tendo fortes vínculos familiares. Con ela, tamén nós damos grazas a Deus pola súa recuperación e seguirémola tendo presente nas nosas oracións.

Así mesmo, queremos manifestar a importancia de seguir apoiando a todos os que necesitan a nosa axuda nos países azoutados pola epidemia do ébola. Alí, a falta de recursos e a ausencia de suficientes infraestructuras sanitarias fan moi dificil, senón imposible, atallar esta enfermidade que se está cobrando miles de vidas.

Non podemos reaccionar só cando nos sentimos en perigo nós mesmos, nin escudarnos na lonxanía dos afectados para non ocuparnos deles. Teresa lembrounos que este non é un problema alleo a ninguén nin, en realidade, tampouco aqueloutros que afectan ao destino dos nosos irmáns.

O xesto da nosa Igrexa, a través de Cáritas Española cunha nova achega económica a Liberia, para apoiar os programas sanitarios de control da propagación do virus, acompañar aos enfermos e facilitar alimentos e artigos de primeira necesidade (que se suma á xa enviada ás Cáritas de Sierra Leona e Guinea Conakry), é expresión dunha fraternidade imprescindible, que supera fronteiras.

Enviamos o noso afecto e oración a todos os afectados, así como aos sanitarios, voluntarios, institutos relixiosos e asociacións que non están escatimando esforzos para socorrer aos nosos irmáns máis necesitados e enfermos”.

A %d blogueros les gusta esto: