Preparade os camiños do Señor

Comenzabamos a semana cos ecos da dor ante a morte sen sentido do seguidor do Dépor, Jimmy, que nos lembraba, que a violencia xera sempre violencia. Morte tamén na mar e o falecemento de Vanessa, a policía enterrada en Guitiriz. Estamos vendo episodios como estes todos os días nas noticias que nos acompañan á hora de comer… pero que non nos quitan o apetito: morte dos máis débiles pola inxustiza dos poderosos, mortes daqueles que van en son de paz a países en guerra, contaxio de enfermidades mortais por cumprir coa obrigación humana e cristiá de velar polo ben dos nosos semellantes.

O caso de Teresa Romero recordounos de cerca, en Becerreá, que nada do que poida suceder en Africa ou en calquera lugar do mundo é xa alleo a ninguén. Os que nos sentimos seguros na nosa casa temos que recordar que vivimos nunha aldea global e que todos estamos relacionados. O que pasa máis aló das nosas fronteiras aféctanos. E o que nós fagamos desde aquí tamén afecta aos que están lonxe. Campañas da Igrexa, como o Domund, celebrada hai pouco, reflicten esta solidariedade cos que están lonxe e teñen menos oportunidades ca nós. En Advento esperamos que estas desigualdades desaparezan. E preparamos o Nadal. Afloran en todos sentimentos de bondade, de tenrura e unha especial sensibilidade para descubrir o rostro dos que sofren. Ao estar nun tempo de preparación non debemos deixar pasar un minuto sen pararnos a pensar como debe de ser o noso actuar e que podemos facer para que o noso mundo funcione un pouco mellor. E debemos facelo aínda que só sexa por egoísmo: se aos demais vailles ben, a nós irá ben. O Evanxeo da misa do segundo domingo de Advento pídenos que preparemos os camiños do Señor. Cristo encárna, faise un dos nosos ao nacer en Belén; se preparamos os seus camiños, estamos preparando os nosos camiños, o camiño da humanidade redimida, salvada pola presenza de Deus no mundo. Polo tanto, hai espazo para a esperanza.

A festividade da Inmaculada Concepción de María, é un signo máis de que hai esperanza. A figura da Virxe fálanos dunha humanidade limpa de pecado, unhas orixes aos que podemos volver.

E acabo cunha última reflexión. Criticamos a antelación na instalación do alumado de Nadal, os adornos, as campañas nos centros comerciais, todo o balbordo que nos invade xa estes días… pero nós preparamos os camiños do Señor? Preparamos os camiños da paz, da harmonía, da ausencia de violencia nos nosos xestos e nas nosas palabras? Somos coherentes coa nosa fe, ou deixamos que chegue o día e sorpréndanos coas mans baleiras…? San Paulo tamén nos recorda hoxe: «Nós, confiados na promesa do Señor, esperamos un ceo novo e unha terra nova na que habite a xustiza. Xa que logo, mentres esperades estes acontecementos, procurade que Deus vos atope en paz con El, inmaculados e irreprochables».

José Manuel Castro Alba

Delegado de Medios de Comunicación da Diocese

Vicente Altaba diríxese ao voluntariado de Cáritas Galicia

O Delegado Episcopal de Cáritas Española, Vicente Altaba, diríxese ao voluntariado de Cáritas na comunidade galega

Cando me poño diante deste folio disposto a facervos chegar un saúdo no Día Internacional do Voluntariado, o primeiro que me vén á mente é comezar cunhas palabras de agradecmento a todas e todos vós polo que significades para Cáritas e polo excelente servizo que de xeito tan eficaz como calado e xeneroso ofrecedes día a día aos empobrecidos. Con todo, cando de xeito máis reflexivo entro na miña propia experiencia intentando falarvos de corazón a corazón, de voluntario a voluntario, vexo a necesidade de cambiar as miñas palabras e de comezar poñendo de manifesto a experiencia máis fonda que levamos dentro e que nos fai sentir cada día que somos nós os primeiros que nos sentimos profundamente agraciados e agradecidos polo don que significa ser voluntarios.

Si, hoxe é un día para proclamar e celebrar que ser voluntarios de Cáritas é unha graza, un don, un agasallo, unha profunda sorte. É unha sorte ter ollos abertos para ver o sufrimento dos pobres, oídos atentos para escoitar o seu clamor e corazón sensible para conmovernos. É un agasallo saír da nosa cova, das nosas comodidades e seguridades, deter o ritmo absurdo dunha vida vivida só para nós mesmos, e poñer o que somos e temos ao servizo dos irmáns tirados ao bordo do camiño, dos que máis necesitan, dos que son ignorados e esquecidos. E é unha graza experimentar que, detrás do clamor dos máis débiles e pobres, sentímonos chamados por un Deus que ten entranas de amor, que se conmove ante a pobreza e o sufrimento humano e convócanos a facer presente o seu Reino construíndo unha nova humanidade en que os excluídos poidan integrarse nunha soa familia humana, sentarse cos irmáns á mesa e vivir con dignidade.

Ler máis

As calamidades polas que ás veces pasa o fútbol

A nova “relixión” do fútbol cobrouse un mártir máis o pasado domingo. Que mágoa da vida deste home e da dos seus dous fillos, que terán que vivir toda a súa vida co peso desta desgraza! É verdade que non se pode xeneralizar, pero non podemos negar que este deporte cada vez é máis violento. Abonda ir a algún estadio e observar como se tratan entre si as distintas afeccións ou o rosario de insultos que os siareiros dirixen ao árbitro, no que “é un fillo de”… é do máis suave que podes escoitar.

Pero o problema máis grave, é que a cuestión non nace aquí. Lembro os tempos nos que acompañaba aos equipos de fútbol sala do Seminario aos partidos de fútbol… ata en ambientes tan inocentes esa violencia en non poucas ocasións era máis que palpable. Resúltame incomprensible como un home pode dar a vida “defendendo” unhas superestrelas que gañan millóns e millóns de euros por mor deste deporte, que hoxe están neste equipo e mañá no contrario. E moito menos comprendo como hoxe en día o fútbol converteuse nun “vehículo” de proposta educativa e de maduración para os máis pequenos. Aos nenos xa non só os educa o estado e a escola. Agora tamén o fútbol que ás veces (ás veces) ten que pasar por estas auténticas calamidades.

Luis  Varela Castiñeira

Velade e preparade!

O día trinta de novembro comezamos o Ano Litúrxico coa celebración do primeiro domingo de Advento. Aínda temos por diante tres semanas de preparación para o Nadal.
Na lectura do Evanxeo escoitada na Misa díxosenos que estivésemos vixiantes porque non sabiamos «cando virá o dono da casa» (Mc, 13,35). O Evanxeo do segundo domingo de Advento falaranos da importancia da preparación do camiño para a vinda do Señor.

O feito de que se repitan tanto nestes textos as palabras «velade» e «preparade» en tan só uns poucos versículos, indícanos que se trata claramente dunha advertencia seria.

Desde que temos unha certa idade, sabemos ben que o momento da partida desta vida pode producirse en calquera instante. E por iso, non en balde, Xesucristo invítanos a vivir dun modo distinto e orixinal. De tal forma que vaiamos preparando a nosa viaxe, e que ao mesmo tempo vaiamos practicando aquí os hábitos de vida propios da eternidade. Isto último, ademais polo que supón de ben e caridade cara aos demais.

A primeira vinda de Xesucristo coñecémola ben. Tan ben que en occidente celébrana todos, incluso os que din non crer en Deus. Fai dous mil anos «o Verbo fíxose carne e habitou entre nós, e contemplamos a súa gloria» (Xn 1,14a). Foi un acontecemento de tal envergadura, tanto humana como divina, que cambiou a historia da humanidade dunha forma única. Pasamos de vivir na escuridade que provoca a morte á luz que orixina unha esperanza que excede todos os límites imaxinables polo ser humano.

Dous mil anos despois as cousas cambiaron moito. Sen dúbida temos moitas máis cousas materiais e algunhas inmateriais, aínda que non estean equitativamente distribuídas entre os seis mil millóns de persoas que habitamos o planeta.
Teño a sensación de que algo está fallando. Tantos avances e logros conseguidos non son compatibles con tanta violencia e tanta pobreza. Non será que non lle deixamos un oco a Deus no medio de tanta cousa?

Deus veu para quedar. Puxo a súa tenda no medio de nós para que vivísemos, e non só sobrevivísemos ao estilo dos animais.

Temos por diante catro semanas para prepararnos e celebrar a vinda de Xesucristo que volve nacer para encher a nosa vida de sentido e esperanza. Isto vainos a supoñer esforzo, porque toda fase de preparación adoita ser laboriosa e árida. Facer limpeza e poñer orde no barullo da nosa casa implica unha actividade extraordinaria cando leva tempo sen facerse.

O que descoñecemos é o tempo que resta ata que nos chamen para facer o exame do amor. A morte existe e sempre sorprende, vémolo todos os días. Con todo, vivimos cunha tranquilidade non sa, porque cremos ter a capacidade de controlar e programalo todo pensando que somos os donos da nosa vida. !Termino lembrando a parábola do rico que tería unha gran colleita e díxose «alma miña, tes bens almacenados para moitos anos; descansa, come, bebe, banquetea alegremente. Pero Deus díxolle: ‘necio, esta noite van reclamarche a alma, e de quen será o que preparaches?’» (Lc 12, 19-20).

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: