Velade e preparade!

O día trinta de novembro comezamos o Ano Litúrxico coa celebración do primeiro domingo de Advento. Aínda temos por diante tres semanas de preparación para o Nadal.
Na lectura do Evanxeo escoitada na Misa díxosenos que estivésemos vixiantes porque non sabiamos «cando virá o dono da casa» (Mc, 13,35). O Evanxeo do segundo domingo de Advento falaranos da importancia da preparación do camiño para a vinda do Señor.

O feito de que se repitan tanto nestes textos as palabras «velade» e «preparade» en tan só uns poucos versículos, indícanos que se trata claramente dunha advertencia seria.

Desde que temos unha certa idade, sabemos ben que o momento da partida desta vida pode producirse en calquera instante. E por iso, non en balde, Xesucristo invítanos a vivir dun modo distinto e orixinal. De tal forma que vaiamos preparando a nosa viaxe, e que ao mesmo tempo vaiamos practicando aquí os hábitos de vida propios da eternidade. Isto último, ademais polo que supón de ben e caridade cara aos demais.

A primeira vinda de Xesucristo coñecémola ben. Tan ben que en occidente celébrana todos, incluso os que din non crer en Deus. Fai dous mil anos «o Verbo fíxose carne e habitou entre nós, e contemplamos a súa gloria» (Xn 1,14a). Foi un acontecemento de tal envergadura, tanto humana como divina, que cambiou a historia da humanidade dunha forma única. Pasamos de vivir na escuridade que provoca a morte á luz que orixina unha esperanza que excede todos os límites imaxinables polo ser humano.

Dous mil anos despois as cousas cambiaron moito. Sen dúbida temos moitas máis cousas materiais e algunhas inmateriais, aínda que non estean equitativamente distribuídas entre os seis mil millóns de persoas que habitamos o planeta.
Teño a sensación de que algo está fallando. Tantos avances e logros conseguidos non son compatibles con tanta violencia e tanta pobreza. Non será que non lle deixamos un oco a Deus no medio de tanta cousa?

Deus veu para quedar. Puxo a súa tenda no medio de nós para que vivísemos, e non só sobrevivísemos ao estilo dos animais.

Temos por diante catro semanas para prepararnos e celebrar a vinda de Xesucristo que volve nacer para encher a nosa vida de sentido e esperanza. Isto vainos a supoñer esforzo, porque toda fase de preparación adoita ser laboriosa e árida. Facer limpeza e poñer orde no barullo da nosa casa implica unha actividade extraordinaria cando leva tempo sen facerse.

O que descoñecemos é o tempo que resta ata que nos chamen para facer o exame do amor. A morte existe e sempre sorprende, vémolo todos os días. Con todo, vivimos cunha tranquilidade non sa, porque cremos ter a capacidade de controlar e programalo todo pensando que somos os donos da nosa vida. !Termino lembrando a parábola do rico que tería unha gran colleita e díxose «alma miña, tes bens almacenados para moitos anos; descansa, come, bebe, banquetea alegremente. Pero Deus díxolle: ‘necio, esta noite van reclamarche a alma, e de quen será o que preparaches?’» (Lc 12, 19-20).

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: