Programa de Emprego de Cáritas Lugo

 O programa de emprego de Cáritas desenvolve varias liñas de axuda á xente que está buscando traballo, desde darlles información para achegalos máis ao mundo laboral ata apoialos cando teñen algunha idea para emprender pola súa propia conta.
A Cáritas pode ir calquera persoa que se atope en situación de desemprego. Cada persoa é acollida, escoitada e sabe que Cáritas é a súa casa. A través de distintas entrevistas vese cal é a súa situación e en que camiño se lle pode acompañar.

Información, asesoramento, formación e apoio económico
Cáritas dá información sobre o emprendemento e espazos de asesoramento para aqueles que xa teñan unha idea e queiran emprender. Algo fundamental é a formación, pois ter unha idea está moi ben, pero para emprender hai que ter moitos conceptos claros. Non se pode emprender sen máis, e entón Cáritas facilita todas as ferramentas necesarias.
Moitas veces os emprendedores non poden levar a cabo a súa idea porque lles falta apoio económico. Cáritas dá axuda económica naqueles proxectos que se ven viables.
Como tantas cousas no mundo actual, non é doado emprender. No ano 2013 xurdiron 3 novos empresarios e actualmente un continúa coa súa actividade. E o apoio económico que lle deu Cáritas está devolvéndoo de xeito regular para que outros emprendedores tamén poidan beneficiarse. 

Ler máis

Apertura de curso no Seminario

Alonso Muñoz Pérez

O 25 de setembro tivo lugar a apertura do Curso 2015 – 2016 do Seminario Diocesano, o Instituto Teolóxico Lucense e o Instituto de Ciencias Relixiosas San Dámaso.

A Eucaristía Votiva do Espírito Santo na Capela Maior do Seminario estivo presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

E a lección inaugural: «¿La excepción confirma la regla?» correu a cargo do profesor D. Alonso Muñoz Pérez (foto superior). Despois de falar do tema da excepción no mundo romano e no medieval, referiuse ao actual sistema educativo, coas seguintes palabras:

“As cargas burocráticas, os requisitos formais, os controis administrativos, o cumprimento dos requisitos de calidade, as acreditacións lingüísticas, por materias, por avaliación, por competencias, a consideración da transversalidade e demais barbarismos nunca se reducen senón que sempre se incrementan. Así cada vez máis desde as administracións públicas presiónase para que a educación sexa un asunto de oficina e cada vez menos un asunto persoal. Isto provén dos EEUU, onde a educación converteuse, polo menos o modelo xeral, nun simple filtro social da masa laboral. A este respecto, o preámbulo da actual lei de educación é formalmente marxista, pois sinala a causa económica como a medida de todo”.

Historia dunha vocación

Irmá Saleta Sánchez

Para buscar traballo os meus pais emigran primeiro a Ourense e despois a Holanda. Mentres están en Ourense pensan con quen confiar aos seus fillos para poder irse máis lonxe en busca de traballo e mellor remuneración, son 9 fillos e hai que darlles formación e estudos.

Unha á Sección Feminina en Lugo, 6 nenos varóns cos Pasionistas de Melide e unha servidora e a máis pequena de 4 anos no internado de Monterroso coas Obreiras de Xesús. Eu tiña 10 anos, pero aquilo gustábame, estaba contenta, admiraba moitas cousas: a orde, a limpeza, a vida espiritual, os xogos, pasabámolo moi ben.

Primeiros exercicios espirituais aos 12 anos na casa de exercicios Diocesana de Lugo. As Obreiras de Xesús en Monterroso preocupábanse moito da formación espiritual e isto daba os seus froitos coas novas vocacións que se ían forxando día a día ata chegar á consagración persoal á vida relixiosa. Irmá Sara, Irmá Estrella, Irmá Laura, Irmá Saleta. Son froito deste coidadoso traballo e hoxe cando non vexo vocacións pregúntome moitas veces que é o que pasa e intento lembrar como o facían as nosas irmás para poder conseguir as vocacións.

Oración, Eucaristía, Dirección Espiritual, Seguimento e interrogantes sobre a nosa vida, os nosos sentimentos. Era un estar pendentes da túa vida espiritual tanto ou máis que da vida material. Que época tan esplendorosa florecida!

Ano 1974: ano no que a Madre Teresa sobe ao Pai.

19 anos, toma do hábito e do Crucifixo das Obreiras de Xesús facendo a miña consagración temporal por tres anos. Paso á Residencia de estudantes de Lugo en Rúa Xeneral Tella n° 6, 4°, sen ascensor, pero cunha mocidade que nada se lle poñía por diante. Fago COU e os tres anos de Maxisterio.

Ao finalizar 1978 destínanme para Ferreirúa (Pobra de Brollón). Parecíame un paraíso terrenal, todo parecía un soño, a natureza, o afán por axudar aos nenos, a mocidade dos 23 anos recentemente cumpridos. Todo era ilusión, desexos de entrega sen pensar noutra cousa que en agradar ao Señor e servir aos irmáns.

Seis anos con outra relixiosa, Irmá Trinidad que estaba de directora. A Irmá Trinidad, foi unha das relixiosas que se encargou de levar adiante a ardua tarefa do inicio de case todas as casas en Galicia. Despois a ela trasladárona e tocoume asumir a responsabilidade de toda aquela tarefa inmensa. Nunca estiven soa, sempre coa Irmá Sara. Parecíanos que tiñamos que atender a todas as necesidades que xurdisen e chegamos a ter no internado 80 nenos. Sen moitos medios económicos, sen apenas persoal, pero con moitas ganas de axudar e facer o ben. Ano tras ano, dificultades, obras, alegrías, gozos, suores, incomprensións, pero sempre coa axuda de Deus que nos sostiña e segue sostendo, con só as forzas humanas das irmás todo isto sería imposible. Deus nunca che deixa da súa man, se che pide algo El dáche o que necesitas para facelo. Grazas Señor por tanta axuda!

Todas e cada unha das Obreiras de Xesús entregamos a nosa vida no sacrificio e a entrega cotiá dentro desta obra. É froito de cada unha de nós coa achega profunda do que somos e temos. En definitiva dos dons que Deus nos regalou.

María Saleta Sánchez Vázquez, Ferreirúa, 23 de setembro de 2015

A miña experiencia na Capela Universitaria

capilla universitaria

 O mércores pasado tiven a ocasión de asistir á Capela Universitaria e acompañar aos mozos que, cada semana, reúnense alí para celebrar a Eucaristía e facer un intre de oración persoal diante de Xesús Sacramentado. Facía tempo que tiña intención de ir, pero a última hora sempre aparecía algunha escusa que mo impedía e outras veces era a preguiza quen gañaba a batalla.

 Atopei o que me esperaba. Grazas ás redes sociais xa seguía as súas actividades e por iso sabía como respiraba este grupo de estudantes e outros amigos da Delegación de Mocidade. É verdade que faltaban moitos dos que van outros mércores, pero iso non restou intensidade a este encontro semanal. Nin que dicir ten que me sentín moi ben acollido. Onde hai cristiáns un séntese sempre en casa.

Sen présa e moitísimo recollemento celebramos a Santa Misa. Despois, como vos dicía, a Adoración Eucarística, que foi o que máis me impresionou. Todo ás escuras, só un foco aceso e alumando directamente ao Señor na custodia, e máis silencio e máis recollemento… Unha fina columna de fume de incenso que se elevaba cara ao ceo axudábanos a estar máis cerca do Amigo que nunca falla e que nunca aparta a súa mirada dos nosos ollos.

Sei que algúns membros da Capela Universitaria len estas liñas, o mesmo que o delegado de pastoral xuvenil e universitaria, José Antonio Adrio. Por iso, desde aquí animo a que sigan con esta obra que é unha gran riqueza para a cidade e para eles mesmos. Prometo acompañalos máis días, pois tamén necesito alimentarme da paz do Señor que alí se respira.

Aínda que se chama “universitaria”, todos os que o desexen poden asistir a esta oración comunitaria semanal. Está pensado para os mozos, pero tamén se acolle e agradécese a presenza dos que son “mozos de máis anos”: 30, 40, 50, 60… ata 100 e pico. A experiencia non defrauda.

Miguel Ángel Álvarez
Párroco de San Froilán

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

O día 23 de setembro terá lugar no local da avda. das Américas, 93-97 unha xornada de autoemprego co título Por que non?. Trátase dunha actividade incluída no proxecto “Emprégate II”, no marco do Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo.
A xornada será como segue:
10:00-10:15 Acollida e presentación da xornada.
10:15-11:15 Mesa redonda “O emprendemento na actualidade”.
Participan: Dña. Beatriz Varela Regueira, Presidenta da Asociación Mulleres Empresarias de Lugo. Inés Maseda Francos, xerente da Asociación de Novos Empresarios de Lugo. Norman Veiga Álvarez, Subdirector do CEI-NODUS.
11:15-11:30 Descanso
11:30-13:15 Mesa redonda “Historias Reais”.
Participan: Pilar Fernández Neira, (empresa A Cociña de Pilar), Mª José González Antolín, (Empresa A mercería de Chus) e Mª del Carmen Encarnación Sosa, participante de “Emprégate II”.
13:15-13:30 Despedida Proxección Empresa Arranxos “Proxecto Emprégate I”

A %d blogueros les gusta esto: