Darwin versus Kropotkin

darwin vs kropotkin

Non deixa de sorprenderme que persoas que se din socialistas recorran a Darwin para criticar á Igrexa católica. Sorpréndeme por varias razóns.

A primeira é que non hai ningunha declaración pública da Igrexa católica na que se rexeiten as ensinanzas de Darwin nin a evolución. É mais, hai intervencións dos pontífices nas que se fala positivamente da evolución.

A segunda, que é sorprendente, é atoparse con persoas, mesmo con formación universitaria, que descoñecen a existencia de Kropotkin.

Charles Darwin (1809-1882) e Piotr Kropotkin (184Z-1921) foron ambos membros da Academia das Ciencias do seu país, ambos participaron en expedicións científicas de exploración da natureza, pero un era crente (Darwin) e o outro ateo (Kropotkin) e ambos aceptan a lei da evolución, aínda que a maneira de explicar a evolución é moi distinta como pode verse nestes dous parágrafos que condensan a súa clave interpretativa.

Darwin: «A loita pola existencia entre individuos e variedades da mesma especie é a máis encarnizada (….) Así, da guerra da natureza, da fame e da morte resulta directamente o máis excelso obxeeto que somos capaces de concibir, a saber: a aparición dos animais superiores». (`A orixe das especies’):

Kropotkin: «Nos organismos vivos e no organismo social, a medida que se sobe, ocupa un lugar máis decisivo o apoio mutuo (…). O home está suxeito ó gran principio da axuda mutua que asegura as mellores oportunidades de supervivencia só aos que mutuamente se prestan o máximo apoio» (`O apoio mutuo’).

Na mesma liña de Kropotkin temos a:

1. Gerald Hüther, profesor de neurobioloxía na Universidade de Gotinga (Alemaña) co seu libro A evolución do amor (Plataforma Editorial 2015), onde explica que a selección natural non se rexe só pola competencia, senón tamén polo amor, que nos mantén unidos á natureza e aos demais. O amor, como manifestación biolóxica, resulta crucial para explicar a historia da evolución humana recente, como elemento de cohesión persoal, de garantía da unión nunha parella ou de cooperación nun grupo social.

2. Martin Nowak, profesor de bioloxía e matemáticas na Universidade de Harward, no seu libro Supercooperadores (Ediciones B, 2012) cita a Kropotkin e mantén unha tese semellante a súa como vemos nestas citas:

«A nosa destacable habilidade para unir forzas capacitounos para emprender os primeiros pasos dun gran traxecto que deixará atrás os confíns da nosa propia atmósfera e que nos permitirá viaxar cara a Lúa, as estrelas e máis alá» (páxina 17).

«A cooperación vai en contra do propio interese. A cooperación é irracional. Dende a perspectiva da formulación de Darwin da loita pola supervivencia, non ten sentido axudar a un rival potencial, pero hai probas de que tal cousa sucede aínda entre as criaturas máis humildes» (páxina 18).

A explicación de Darwin pode levar a rebaixar o ser humano á categoría de animal, por tanto, susceptible de explotación, converténdose na teoría científica máis útil e cómoda para os obxectivos de manipulación e control dos representantes do poder. Permite a explotación salvaxe da maior parte da humanidade por unha minoría desprovista de escrúpulos. Avala o capitalismo e o neoliberalismo.

De aí a perplexidade ante tantos socialistas e intelectuais que citan decote a Darwin e ignoran a Kropotkin (membro da primeira Internacional) e aos autores que seguen a mesma liña, que fundamentan un proxecto máis socializador, cooperador e igualitario. Resulta difícil atopar unha explicación convincente.

Antón Negro

Delegado de Cáritas Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: