Unha imaxe vale máis que mil palabras…

Aylan
Dicímolo moitas veces: unha imaxe vale máis que mil palabras. A nosa conciencia insensible xa esqueceu aquelas imaxes de nenos esfameados e moribundos que fai dúas décadas aparecían en televisión. Quizais, ata chegamos a pensar que agora xa non morrían nenos nestas condicións tan lamentables. Tivemos que volver ver unha soa imaxe para decatarnos de que estabamos equivocados ou, talvez, durmidos, porque aínda que os nosos ollos non visen estes sucesos nunca deixaron de ser realidade.
Medio mundo alarmouse por esta fotografía e todos temos claro o que hai que facer. Outra cousa distinta é saber se estamos dispostos a facelo e por que chegou a humanidade a estes extremos de inhumanidade.
Díxeno máis veces tratando situacións similares máis próximas: hai cousas que só Deus é capaz de arranxar. Se non lle deixamos a Deus estar no mundo nin na nosa propia vida, dun modo xenuíno, o único que conseguimos é erixirnos en deuses de mundo onde todo está permitido, sobre todo se é en beneficio propio. As consecuencias non fai falta describilas, hoxe vense claramente nesta imaxe, convertida en “viral”, como se di agora.
Esta fotografía é máis que unha simple imaxe. É o símbolo de todos os que sofren as consecuencias dun mundo que se emancipou de Deus e agora só impera a lei da selva. Os afectados non están só en Siria ou no Terceiro Mundo. Aquí, tamén entre os que non teñen maiores problemas económicos, a infelicidade e a falta de sentido da vida e de valores está facendo estragos.
Miguel Angel Álvarez

Deixa un comentario

%d bloggers like this: