Homenaxe ao servo de Deus Francisco Carballo García

Francisco Carballo

O domingo 7 de maio en San Martiño de Mato, Taboada, inaugúrase, co nome de Francisco Carballo García, unha praza que ten no seu centro un cruceiro doado por José Manuel Fernández Carballo na honra do servo de Deus Francisco Carballo.

Francisco Carballo García naceu en Xestoso, Parroquia de San Martiño de Mato, o 12 de xuño de 1905. Fillo de Enrique e de Josefa. Tras estudar no Seminario de Lugo foi ordenado presbítero en Ourense en 1928 por Mons. Cerviño González. Ese mesmo ano é nomeado Vicario in cápite de San Román de Santa Cristina e ecónomo de Santa Mª Madanela de Goi (Castroverde).

En 1932 solicita permiso para residir en Madrid, é nomeado párroco de Pinilla del Valle e incardínase na Diocese de Madrid-Alcalá. En 1935 pide que se lle amplíen as licenzas ministeriais na Diocese de Madrid para facer estudos universitarios.

Xunto co párroco Juan José Rojo García foi detido o 28 de xullo de 1936, ao día seguinte son sacados cos párrocos de Rascafría e de Oteruelo del Valle, e acabouse coa vida dos catro. A morte tivo lugar en Las Dos Castillas, entre os portos de Cotos e Navacerrada. Está sepultado na Basílica da Santa Cruz do Val dos Caídos.

Cristiáns perseguidos

Contemplámolo arrepiados. Era o 15 de febreiro. Foron decapitados mentres invocaban o nome de Xesús. Son os 21 exipcios degolados nas costas de Libia polas milicias do califato islámico. No vídeo puidemos ver que, no momento da decapitación, invocaban en árabe o nome de Xesucristo.

É un caso de moitos: Segundo a ONG Open Doors hai 150 millóns de cristiáns perseguidos por mor da súa fe. A liberdade relixiosa é vulnerada en máis de 50 países. Sobresaen os países de tradición islámica e Siria, onde foron decenas os asasinados, centenares os secuestrados, miles os que fuxiron abandonando todo. E países comunistas encabezados por China e seguida de Corea do Norte, onde encarcelan por posuír a Biblia, ou Vietnam.

O Parlamento Europeo, o 30 de abril, constata que «o número de ataques sobre minorías relixiosas, en particular cristiás, ao longo do mundo incrementouse tremendamente nos meses recentes e os cristiáns son masacrados, golpeados e arrestados cada día, na súa maioría nalgunhas partes do mundo árabe por terroristas yihadistas». Sinalando que «os cristiáns son o grupo relixioso máis perseguido da actualidade, alcanzando unha cifra de 150.000 cristiáns mortos por ano». A resolución fai logo un pormenorizado detalle dos ataques máis graves contra os cristiáns.

O Domingo de Ramos clamaba o Papa: «Pensemos nos nosos irmáns e irmás perseguidos por ser cristiáns, os mártires de hoxe, hai moitos. Non renegan de Xesús e soportan con dignidade insultos e ultraxes. Ségueno polo seu camiño. Podemos falar, en verdade, dunha nube de testemuñas: os mártires de hoxe». O último día 15, festa da Asunción, tocaron as campás de toda Francia invitando a un recordo: os cristiáns asasinados por mor da súa fe.

E é que moitos pobos de tradición cristiá de séculos atópanse nunha grave encrucillada: ou se lles axuda ou desaparecerá a presenza cristiá. Con todo, a firmeza e coherencia ante a persecución fan que estes cristiáns, ata nos campos de refuxiados onde malviven, marquen as súas tendas de lona cunha cruz para que quede visible a súa fe cristiá.

Non se trata de pedir vinganzas nin privilexio algún para a fe cristiá. Pero resulta grotesca a indiferenza e escandaloso o esquecemento con quen padece esta elemental vulneración da súa liberdade relixiosa e son vítimas destes asasinatos brutais. Que non se solucionan cunha declaración, benvida sexa, un toque de campás ou un clamor papal, senón con decisións políticas eficaces, con unidade de acción e a denuncia de países despóticos que vulneren dereitos fundamentais, ou medidas como non ocultar ante a opinión pública a atroz persecución.

Fagamos a reflexión de por que o mundo occidental séntese tan afectado cando se trata da persecución doutros colectivos e non busca solucións, nin se altera, ante un tema de tanta crueldade e extensión como a morte e persecución destes inocentes perseguidos só por ser crentes en Cristo.

A moitos interpélanos. E clamamos porque non podemos quedar indiferentes fronte a tanto sangue derramado. Desde a nosa fe cristiá o perdón e a piedade invádennos. Pero, afectados pola situación damos a nosa axuda, a nosa oración e denuncia como un modo de devolver algo do moito que recibimos deles: o seu testemuño de amor a Cristo ata a morte. Sabedores de que «vós coa vosa fe animádesnos» (1Tes, 3,7).

Daniel García García

Párroco de Albeiros

A %d blogueros les gusta esto: