Meditación de Nadal en tempos de tribulación

Nestas datas tan entrañables non é habitual retirarse en silencio para a práctica da meditación. Orar, pensar e meditar cústanos máis aínda no medio das présas, do bulicio e do consumo que estes días nos envolven. No entanto quero ofrecer algunhas reflexións que poidan axudarnos a recuperar as orixes do Nadal.
Aínda conservamos na liturxia, a Vixilia de medianoite (popularmente coñecida como Misa do Galo ou dos pastores) para celebrar en actitude de espera orante o nacemento de Xesús. Para os cristiáns e unha gran maioría de cidadáns no mundo, pola influencia que a milenaria cultura cristiá na sociedade, o mes de decembro vístese de festa polo Nadal, é dicir, polo misterio da Encarnación do Fillo de Deus na historia da humanidade. Acontecemento único que marcou a historia. Acontecemento real, verdadeiro e salvífico. Un feito histórico esperado no Xudaísmo e anunciado polos profetas en expectativa mesiánica. El é o Deus grande que se fai pequeno pola súa propia vontade e por exceso de amor. O ‘descoñecido’ que quere darse a coñecer, a Palabra que quere dicirse e deixarse amar polos sinxelos e humildes no corazón do mundo. É “a Palabra de vida que vén para acender os corazóns apagados” e para espertar do sono aos durmidos e desesperanzados.
“E fíxose home”: ante este artigo do Credo, poñémonos de xeonllos cando recitamos a Confesión de fe. É o artigo da humanización e encarnación do noso Deus, o central do Credo cristián en relación co Misterio da Trinidade. O pensamento dos teólogos de todos os séculos vira en torno a el e, a piedade do medievo e da temprana modernidade, a oración meditativa da que derivou a pintura e a pulcra beleza da relixiosidade cristiá, concentrábanse nas etapas da infancia de Xesús para sentir nelas o inconmensurable que confesamos cando dicimos: “Descendit de caelis”. É dicir, Xesús fíxose neno, xestouse no seo dunha muller da que recibiu a súa carne, o seu sangue, o seu latexo, a súa xentileza, a súa fala. Cargou co peso desa historia, viviuna e sufriuna de novo, sacándoa de todas as súas negacións e fatalidades. Por iso chama a atención o significativo lugar que Xesús asigna á infancia na condición humana: “Asegúrovos que se non cambiades e vos facedes como os nenos, non entraredes no reino dos ceos” (Mt 18,3). Na infancia realízase ata tal punto o específico do ser humano, que está perdido quen na nenez non atopou o esencial. Xesús recordaba a súa infancia como uns anos moi felices e ata se di que foi para el o valor do modo máis puro de existir humanamente. Por iso é polo que o cristianismo proclama o respecto á vida e ao neno, á familia e ao fogar, e non por cuestións románticas, nin de xuízo moral, senón e sobre todo pola centralidade do noso credo: Deus fíxose home. Así, o cristianismo é a relixión da misericordia, do corazón dun Deus próximo sempre aos miserables (cor misere), das relacións interpersonais, da proximidade aos pequenos, aos que sofren e aos que se senten espidos e fríos na súa corporeidade. É a relixión da pel sensible (sensibilidade) onde o esencial pasa pola carne, pola vida, polo sufrimento, pola compaixón. Velaquí, un gran misterio para unha permanente meditación: como é posible que Deus se faga home, sen deixar de ser Deus e sen menoscabo da realidade creatural asumida? Como é Deus e como é o home para que poidan entrar en comuñón? Este é o escándalo da encarnación. A historia orixinal e verdadeira do Nadal. Un escándalo que o mundo deberá seguir soportando en tempos de tribulación, de laicismos hipertrofiados e neopaganismos cutres. Feliz meditación de Nadal.

J. Mario Vázquez Carballo. Vicario Xeral da Diocese.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: