“Mañás de Nadal” da Asociación Xuvenil Ateibo

Dende o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro do 2017, a Asociación Xuvenil Ateibo está levando a cabo a actividade denominada ”Mañás de Nadal”, que ten como destinatarios nenos de 3 a 12 anos (cursen estudos ou non no colexio Salesianos – Divina Pastora de Lugo).

Este proxecto responde á necesidade vista dende o propio centro xuvenil de que os nenos ocupen o seu tempo libre, dunha maneira lúdica e educativa, neste tempo de vacacións; e de que os pais concilien a súa vida laboral coa familiar.

O proxecto desenvólvese de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, e hai servizo de gardería de 9:00 a 10:00 horas e de 13:30 a 14:00 horas para aquelas familias que necesiten un horario máis amplo.

Os obxectivos son educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar o traballo en equipo, e axudar aos pais que traballan nestas datas a conciliar familia e traballo. Durante estes días organízanse obradoiros, excursións, actividades de animación á lectura, disfraces, xincanas, deportes, teatro, xogos musicais, cociña creativa… E faise cun equipo de animadores cualificados, voluntarios de Ateibo.

O prazo de inscrición permanece aberto. Para consultar máis información ou solicitar a ficha de inscrición, dirixirse aos locais da asociación: Praza da Milagrosa, 10 (teléf. 633 674 528).

Deus vén sempre: é Nadal

A celebración cristiá do Nadal é e foi unha Boa Nova para a humanidade. As relixións xudeo-cristiás, aínda que algúns aínda non queren entendelo, estiveron e están na orixe da civilización do amor, das democracias actuais e do progreso dos pobos. E iso, ten o seu fundamento no gran acontecemento de Nadal, que é pois, para nós hoxe, unha admirable noticia que non pode deixarnos indiferentes.

Descríbeo fermosamente un dos teólogos máis importantes do século XX, o xesuita alemán Karl Rahner, que escribe o seguinte: “Cando dicimos: “É Nadal”, isto é o que dicimos: “Deus pronunciou a súa última, a súa máis profunda, a súa máis bela palabra ao mundo na Palabra feita carne; (…) E esta Palabra quere dicir: “Eu ámote a ti, a ti mundo e a ti home”. Que ben reflicte, o teólogo, o fondo significado do Nadal para os cristiáns!

Lembro unha homilía do Papa emérito Benedicto XVI, con motivo do Nadal (pronunciada o 24 de decembro de 2009), na que recordaba que esta boa nova, por ser boa é tamén verdade e, xa que logo, tamén me debe de afectar a min. Sentirse tocados por algo tan significativo supón, de entrada, espertar a nosa sensibilidade para con Deus. Hai quen afirma “que non ten oído para a música”; pode ser certo que o noso xeito de pensar e actuar, no mundo actual, reduce e limita a capacidade para captar as cousas de Deus, para entender a súa linguaxe e a súa proximidade (Enmanuel: Deus connosco) ata tal punto que nos deixen “sen oído musical para el”. Con todo, os estudosos do fenómeno relixioso, recoñecen que en cada ser humano hai un desexo de Deus, un anhelo da divindade, unha capacidade innata para saír ao seu encontro e acollelo. Por iso, o Nadal, celebrar que Deus vén, que sae ao noso encontro, interpélanos a estar vixiantes, axúdanos a espertar ao esencial e a recuperar a relación dun Deus que parecía que estaba oculto, afastado e escondido e que se manifesta na proximidade de Belén.

É verdade que moitos de nós estamos moi ocupados en razoamentos complexos, filosofías esotéricas, ou negocios, mercados e consumismo. Desde estes xeitos de ser e estar no mundo, faise difícil chegar ata o presebe, xunto á Sagrada Familia de Nazaret. Con todo, sempre é posible saír do enredo das nosas encrucilladas pagás para atopar o camiño cara a El.

Nadal significa que hai sendeiros para todos. Que sempre é posible poñerse en camiño cara a Belén, cara ao santo, na procura deste Deus que quixo “abaixarse” tanto de modo que podamos contemplalo, pequeno e cheo de frío, nun miserable cortello. O percorrido máis longo xa o fixo El. Agora, en Nadal, lémbrasenos que hai que facer memoria diso, que non convén esquece o esencial: “Eu ámote a ti, achégate a ver canto e de que xeito che podo amar”. “Gloria a Deus no ceo e na terra paz aos homes de boa vontade”.

 

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Concerto de Noemi Mazoy na Catedral

Baixo o título “Misericordia e tenrura“ a soprano Noemi Mazoy dá un Concerto de Nadal o día 23 de decembro ás 20:30h na Catedral. Estará acompañada de Valery Zviarzhevich (acordeón) e Cristina Nogueira Pérez (violoncello). Interpretarán as seguintes pezas:

  • Panis angélicus (César Franck)
  • Ave María (Schubert)
  • Oh luz de Dios (canción alemana de Nadal)
  • How beautiful are the feet (Händel)
  • El tamborilero (canción popular épica. Letrista:
  • Katherine Kennicott Davis)
  • Ave María (Gounod)
  • Noche de paz (Franz Gruber)
  • Cantique de Noël (Adolphe Adam)
  • Canto de berce (R. Groba)
  • Ave María (Caccini)
  • Adeste fideles (J. Reading)
  • Berceuse (J. Brahms)

Únese así ás celebracións con motivo de que a Santa Sé concedese á Catedral a renovación do privilexio da indulxencia plenaria cotiá e perpetua.

Breve historia da concesión da indulxencia plenaria á Catedral

O culto Eucarístico en Lugo e a Exposición permanente do Santísimo Sacramento no Altar Maior da Catedral de Lugo desde tempo inmemorial están íntimamente ligados á concesión, no seu día, da indulxencia plenaria nesta Catedral.

– En 1860, o Papa Pío XI promulgou a seguinte bula: “Indulxencia plenaria todos os meses a todos os fieis que se confesasen, comulgasen e visitasen ao Santísimo Sacramento”.

– En 1867, o Bispo Mons. José Ríos Lamadrid, tras unha visita a Pío XI comunícalle ao cabido que en audiencia privada o Papa concedeu “indulxencia plenaria perpetua a todos os fieis que en calquera día do ano” comulgasen na Catedral de Lugo coas debidas disposicións.

– Este ano, 2016, o bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presentou á Santa Sé a petición de renovar devandita indulxencia plenaria e foi concedida o pasado 10 de outubro.

 O 22 de decembro celébrase unha acción de grazas cunha primeira parte cultural (concerto de Antiga 1500 ás 19h) e unha Eucaristía ás 20h.

[Artigo de Francisco Moreiras sobre a importancia das indulxencias]

Concerto na Catedral “Aquesto foi en Galiza. Cantigas arredor da Eucaristía”

O 22 de decembro ás 19h na Catedral hai un concerto do grupo de música Antiga 1500 con motivo da renovación do privilexio da indulxencia plenaria cotiá e perpetua na sé lucense.

O programa musical fundaméntase nas Cantigas de Santa María, do obradoiro de Afonso X o Sabio, e na Eucaristía. Inclúese unha referencia á basílica lucense, pois unha das cantigas que se interpretará será a número 77, que narra un milagre da Virxe feito na Catedral. Tamén se poderá escoitar un Ave verum polifónico, dos primeiros que se compuxeron.

Os intérpretes, con instrumentos de época, son: María Giménez, voz e percusións; Belén Bermejo, voz e órgano percutido; Víctor Blanco, guitarra renacentista, harpa; Roberto Santamarina, fídulas e Andrés Díaz, viola de man, frautas e dirección.

Despois de este acto cultural será o Xoves Eucarístico, cunha Eucaristía de acción de grazas, ás 20h.

[Ver programa do concerto]

A %d blogueros les gusta esto: